O I Congreso da KOMINTERN.


A II Internacional fracasara como ferramenta para a emancipación da clase traballadora. Despois de que esta apoiase unha guerra na que os obreiros se mataban entre si por defender os intereses particulares das oligarquías, rómpese a súa unidade. Tras a Revolución de Outubro, xorde a necesidade dunha unión dos partidos que toman como exemplo a seguir o éxito da estratexia bolxevique. A partir de aí, o Partido Comunista Ruso, baixo o liderado de Lenin impulsa a creación da Internacional Comunista.

Entre o 2 e o 6 de marzo de 1919, 52 delegados de 21 países celebraban o I Congreso da Internacional. Comunistas de Rusia, Alemaña, EEUU, Francia, China, etc. sentaban as bases de funcionamento desta nova internacional obreira.
 


As teses do Congreso marcan como prioridade a toma do poder político e a loita contra o oportunismo. Faise un chamamento á clase obreira do mundo a unirse en torno aos principios do internacionalismo proletario, co obxectivo de tomar o poder. Un dos debates máis profundos, foi en relación á democracia burguesa: Lenin expuxo a necesidade da ditadura do proletariado en oposición á democracia burguesa. Se a democracia burguesa supón unha ditadura para os traballadores, o sistema soviético garante a democracia para a clase obreira, democracia para a maioría.

Nos días posteriores, foron moitas as mensaxes de apoio á Internacional Comunista vindas de distintos e diversos lugares. A celebración deste congreso daría lugar a un forte debate no seo da socialdemocracia. Nalgúns casos, adheríronse á Komintern; noutros, os comunistas tiveron que escindirse para formar partidos de novo tipo.