Hugo Chávez, un Revolucionario.

É con profunda dor que o Comité Central do Partido Comunista de México recibe a información do falecemento do Comandante Hugo Chávez, Presidente da República Bolivariana de Venezuela, e sobre todo, dirixente do proceso antiimperialista que protagoniza o bravo pobo venezolano.
Expresamos as nosas sinceras condolencias ao pobo de Venezuela, ás forzas revolucionarias, ao Partido Socialista Unido de Venezuela, ao Partido Comunista de Venezuela, ás organizacións e colectivos que coa súa loita diaria afondan o proceso popular e antiimperialista.
Hugo Chávez foi un revolucionario. Organizou un levantamento contra o puntofixismo e as políticas de choque do capitalismo, que con privatizacións e despedimentos condenaban aos traballadores e campesiños ao desemprego e á fame. Coa acción do 4 de Febreiro de 1992 reivindicou o sagrado dereito dos pobos á rebelión e colocou nas mans dos humildes a bandeira do Liberador Simón Bolívar, novamente.
O cárcere non dobregou as súas conviccións e tecendo a unidade coas organizacións clasistas e populares, coa forza das masas chegou ao goberno, dando lugar a unha ruptura coa vella política das clases dominantes, cunha nova Constitución, forxando o poder popular. A riqueza petroleira, antes saqueada en beneficio da burguesía, converteuse nunha panca para abater a pobreza, para poñer a saúde, a educación ao servizo do pobo. As Misións levaron o benestar e o sorriso aos fogares dos pobres. O pobo convertido en soberano empezou a participar, a politizarse, a converterse nunha forza, un furacán que derrotou os intentos golpistas para restaurar os privilexios da oligarquía. A maior contribución de Chávez foi dinamizar o pobo como suxeito da Historia, como actor dos verdadeiros cambios.
Hugo Chávez e o proceso por el liderado sempre contaron coa solidariedade dos comunistas de México. Aínda recordamos o fraternal intercambio con el, no Pazo de Miraflores, ao concluír o XI Congreso do Partido Comunista de Venezuela, onde manifestou a súa perspectiva ao socialismo e o curso antiimperialista.
Pero tamén Chávez e Venezuela bolivariana foron factor de cambio no Continente e fonte de solidariedade con Cuba Socialista, Ecuador, Bolivia e con todos os pobos. Recordamos con emoción a súa valente denuncia dos bombardeos contra a poboación civil en Iraq e Afganistán, a súa condena aos ataques contra Palestina, a súa paixón bolivariana pola unidade dos pobos, a súa loita contra o ALCA, a oposición á hexemonía do imperialismo, as súas contribucións por unha saída política ao conflito social e armado de Colombia.
O Comandante Hugo Chávez viviu para o pobo, solidario cos pobos do mundo e coas causas xustas, e por iso merecerá sempre o noso respecto.
Proletarios de todos os países, unídevos!
O Buró Político do Comité Central do Partido Comunista de México.