Declaración do Partido Comunista de Venezuela.

O Buró Político do Comité Central do Partido Comunista de Venezuela, con profunda dor ante a desaparición física do noso Presidente Hugo Rafael Chávez Frías, líder indiscutíbel do proceso bolivariano en Venezuela, América latina e o mundo, desexa expresar a súa firme convicción en continuar levantando as bandeiras de loita da revolución socialista e a unidade popular revolucionaria.

O presidente Hugo Rafael Chávez Frías durante toda a súa vida dedicou esforzos e contribuíu na construción e defensa da Patria, en procura da conquista dunha sociedade de xustiza e liberdade para o pobo traballador venezolano, latinoamericano e do mundo, enfrontando ao imperialismo mundial e os seus lacaios.

É indiscutíbel que o noso camarada presidente asumiu sempre con exemplar disciplina e abnegación revolucionaria, a difícil e esixente tarefa de conducir á nosa Patria polos sendeiros da construción dunha sociedade máis xusta, asumíndoa como un compromiso de vida.

Dende o Buró Político do Partido Comunista de Venezuela condenamos as políticas de guerra mediática e manipulación que emprenden os sectores reaccionarios de Venezuela, coa orientación do imperialismo estadounidense, principal inimigo da clase obreira e todo o pobo traballador.

Chamamos ao Pobo Venezolano, ás forzas políticas e sociais revolucionarias a pechar filas, a manternos alerta e vixiantes ante as pretensións do imperialismo de crear caos e desestabilización no noso país. Polo que debemos demostrar os altos niveis de organización e mobilización disciplinada do noso pobo, dende todas as instancias creadas durante estes últimos anos.

Facemos chegar aos seus seres máis achegados e que en vida o amaron entrañabelmente, as nosas expresións de solidariedade e condolencias, moi especialmente aos seus fillos e filla e demais familiares.

O Buró Político rende homenaxe ao camarada presidente HUGO RAFAEL CHAVEZ FRIAS, cadro revolucionario que se eternizará no imaxinario colectivo da nosa Patria como exemplo de firmeza, entrega, valentía e grandeza revolucionaria.

Facemos un chamado ao pobo venezolano a continuar esforzándonos para que o valor, a fortaleza, o desprendemento e infinito amor pola humanidade consubstanciais á conduta e acción revolucionaria do camarada presidente HUGO RAFAEL CHAVEZ FRIAS, sexan agora e sempre exemplo para o noso pobo e as novas xeracións de loitadores pola vida.

Caracas, 05 de marzo de 2013.