Crónica do 8º Congreso dos CJC.

 
Crónica do novo Comité Central sobre o 8º congreso dos CJC:
Durante os días 23, 24 e 25 de marzo celebrouse o 8º Congreso dos CJC en Madrid. Durante este 8º Congreso puidemos non só aprobar os documentos que rexerán o noso traballo durante o próximo período senón que serviu tamén para constatar dun xeito obxectivo o noso crecemento así como o noso acertado traballo. Proba diso é, por exemplo, o feito de ter que habilitar unha sala adicional ao salón de actos para a proxección dos debates pois este quedousenos pequeno. Ou a constatación de que o albergue que viña sendo o noso aloxamento para algúns dos nosos actos centrais xa non serve para aloxar a todos os camaradas que acudiron ao Congreso.
Foron tres días de intensos debates e fraternal camaradería que serviron para ratificar a liña aprobada no 9º Congreso do PCPE así como a súa aplicación concreta ao ámbito xuvenil. A aprobación destes documentos cobra maior importancia, se cabe, se analizamos o momento histórico no que nos atopamos; baixo un capitalismo agonizante en crise, a resposta obreira non é xa unha opción a barallar senón que se torna na única saída posíbel para garantir uns mínimos á gran maioría da poboación. Conscientes desta necesidade, así como do momento histórico, os CJC soubemos estar á altura e redactar, emendar, debater e finalmente aprobar uns documentos que pretenden dotar á clase obreira das ferramentas necesarias para a súa emancipación. Así, este Congreso non supón a teorización de tal ou cal elemento para permanecer despois gardado nun caixón ou para seguir debaténdoo en faladoiros de bos compadres. Este Congreso supón a aprobación das liñas fundamentais que deben guiar o noso traballo para conseguir vertebrar a Fronte Obreira e Popular polo Socialismo, enchelo de mocidade traballadora e de extracción popular, para avanzar á Revolución Socialista.
Por iso, o noso compromiso co 8º Congreso continúa tamén hoxe 26 de marzo e durante este período intercongresual; onde cada un dos militantes de CJC traballará por levar á práctica as liñas aprobadas durante estes tres días en Madrid.
Destacar tamén o nutrido grupo de delegacións internacionais que saudaron o noso Congreso; froito sen dúbida do importantísimo e intenso traballo realizado no ámbito das Relacións Internacionais. Traballo dirixido a recompoñer o Movemento Comunista Internacional de ámbito xuvenil co que os CJC están comprometidos non só sobre o papel, senón na práctica diaria. As súas intervencións e saúdos serán publicados proximamente.
O 8º Congreso, no seu último día, elixiu a súa nova dirección, o Comité Central, e este a o novo Secretario Xeral, Sócrates Fernández. O camarada, procedente da organización territorial de León, xa foi membro do anterior Comité Central e xogou un gran papel na Comisión de Organización, na dirección de loitas obreiras e a intervención de masas, demostrando ser un camarada cun enorme compromiso militante, versátil e coa audacia que buscabamos para esta responsabilidade no novo período.
Xa só queda agradecer a todos os camaradas os esforzos realizados; trasladando tamén este agradecemento ao PCPE, que nos apoiou nos tres días do Congreso e axudou en todo tipo de cuestións, incluíndo as loxísticas. Sen o esforzo de todos e cada un dos camaradas do PCPE e os CJC este Congreso non tería sido posíbel.
Viva o 8º Congreso dos CJC!
En todo barrio, centro de estudos e de traballo, Mocidade Comunista!

[Fonte: CJC]