8 DE MARZO CONTRA O PATRIARCADO E O CAPITALISMO.

Nos últimos anos, os oitos de marzo estanse a converter en oportunidades para os centros comerciais. Días de rebaixas en maquillaxe. Descontos en tintes e perruquerías. A situación actual da muller faina parecer un esperpento, un circo, un mal chiste. O capitalismo e os seus valores putrefactos deformaron e converteron unha xornada na que se debería honrar a todas esas mulleres que deron a súa vida na loita en 24 horas de estereotipos machistas.

O día da muller traballadora non é un día para adicarse ao noso “coidado estético”. É un día no que debemos, especialmente, reflexionar sobre todo o que nos falta por conseguir, saber e coñecer os sacrificios que se tiveron que facer para un milímetro de concesións en materia de dereitos. É o día da muller traballadora, non o día da muller ben vestida e boa ama de casa.

Porén, un día conmemorativo non significa que só hoxe debamos reflexionar sobre tódolos triunfos que conseguiron as nosas predecesoras, e é a nosa obriga seguir a súa loita; non deformala. Non conseguiremos grande cousa negando que formamos parte diso tan grande que é a clase traballadora, debemos sentir orgullo da nosa esencia, coñecer o pasado e estruturar o futuro, para non turbar os obxectivos das que estiveron antes. 

Non debemos pensar que a realidade das mulleres traballadoras de principios de século XX (cando aínda non converteran este día nun insulto) é cualitativa ou cuantitativamente diferente da nosa. A fantasía da existencia da clase media enfeitizou a moitas de nós, facendo que a ilusión do estado do benestar deformase a realidade até o punto en que este día simplemente é unha burla, unha forma de dicir que protexen a igualdade, dándonos unha palmadiña na espalda, facernos sentir que importamos e así borrar o noso esforzo ao intentar conseguir que se nos respecte. Só se comprendemos o que custa conseguir un mínimo progreso, poderemos darnos conta de que as súas verdadeiras intencións non son as de conseguir igualidade, porque o sistema vixente non coñece esa palabra.