SYRIZA: a pata socialdemócrata do novo bipartidismo grego.

Domènec Merino

Analizar con detimento os acontecementos políticos en Grecia é un asunto de maior importancia para os traballadores do Estado español. O veciño país helénico constitúe un espello no que podemos contemplar o futuro ao que, con gran seguridade, nos encamiñamos, arrastrados por un empeoramento rápido das condicións materiais de vida da poboación traballadora (debido á crise estrutural do sistema capitalista) e un cambio máis lento, pero igualmente constante, nas condicións subxectivas -é dicir, na conciencia e organización- dos obreiros e as capas populares.

Tal e como afirmaba Lenin hai case un século, os países capitalistas desenvólvense a ritmos desiguais; este feito é indisociábel das leis económicas fundamentais do modo de produción capitalista, baseado na anarquía na produción e na procura do máximo beneficio. O capital trasládase rapidamente dunha rama económica a outra, dunha rexión a outra, e de punta a punta do mundo, en busca dos lugares e sectores onde pode obter maior rendibilidade.


Desta forma, entre os países capitalistas establécese espontaneamente, de acordo coas propias características da economía capitalista, unha xerarquía fundamentada no maior ou menor grado de desenvolvemento de cada unha destas nacións.
 

No marco da cadea imperialista europea, Grecia é un dos elos máis febles. Por iso, alí a crise estrutural do sistema capitalista ten por agora uns efectos máis visíbeis que noutros Estados situados en chanzos máis altos da xerarquía, como Alemaña ou Francia. Os países que están na cúspide da pirámide teñen unha situación económica aparentemente mellor porque a súa burguesía, as súas grandes empresas non só explotan brutalmente á súa clase traballadora, senón tamén á doutras nacións a través da exportación de capitais.

Sirva esta introdución para entender que Grecia é o reflexo do que serán dentro de pouco tempo moitos países europeos, incluído o estado español. Ao ser Grecia un dos elos débiles da cadea imperialista, nel poden albiscarse as condicións de vida ás que a clase traballadora de toda Europa se dirixe. Esas terríbeis condicións de vida, que empeoran a cada día que pasa, xeran a base material para que se desenvolva un movemento obreiro revolucionario. En efecto: en Grecia non están empeorando só as condicións obxectivas da clase obreira, senón que paralelamente a este feito, tamén están mellorando as súas condicións subxectivas (o seu grado de organización e conciencia) grazas á acción metódica, constante e revolucionaria do Partido Comunista de Grecia (KKE), verdadeira vangarda de todas as loitas obreiras e populares que se producen no país.

Ao mesmo tempo que se daba o crecemento xigantesco do Partido Comunista de Grecia e das organizacións de masas ligadas a el (a PAME obreira, o MAS estudantil…), produciuse no último ano un vertixinoso ascenso de diversas organizacións políticas que, con discursos (e ás veces tamén métodos) radicais e vistosos, conseguiron atrapar a certas capas da poboación en propostas políticas que en realidade operan dentro da lóxica do sistema capitalista. Refírome ao grupo fascista Amencer Dourado e ao partido socialdemócrata Syriza.

O primeiro propugna no plano teórico a colaboración forzosa de clases no marco do sistema capitalista, ditada por un goberno autoritario; o cal equivale, no terreo práctico, a un cambio na forma de dominación da burguesía, desde un sistema democrático-burgués no cal exerce a súa ditadura a través do consenso e o suborno a ampla escala, a outro de tipo autoritario no cal subxuga á clase obreira a través do terrorismo aberto e descarado.

O segundo defende a formación dun goberno de esquerdas que, segundo afirma, xestionaría o sistema capitalista en beneficio do pobo. Esta tese baséase na crenza implícita ou explícita de que o Estado é neutro, non unha ferramenta de dominación de clase, e polo tanto pode camiñar nunha dirección ou noutra dependendo da correlación de forzas políticas no Parlamento burgués. Estas teorizacións ignoran que a clase economicamente dominante no modo de produción capitalista é á vez a clase politicamente dominante, a través dun Estado aparentemente neutro que en realidade controla grazas aos inmensos recursos económicos dos que dispón para subornar, extorsionar e comprar vontades.

É importante para os traballadores do Estado español e de todos os países europeos aprender dos acontecementos de Grecia para poder afrontar con maior decisión, seguridade e coñecemento de causa potenciais sucesos que poidan producirse nos nosos territorios.

SYRIZA E A REFORMULACIÓN DO BIPARTIDISMO EN GRECIA.

Para entender o papel que xoga Syriza no circo político burgués, é necesario entender como funciona o xogo de partidos nun país capitalista democrático, e de que xeito controla o Estado, copando de facto o poder político, a clase economicamente dominante no modo de produción capitalista, que é a burguesía.

Primeiro de nada, fai falla comprender que o Estado como institución política xorde, hai miles de anos, xunto coas clases sociais, nun momento determinado do desenvolvemento das sociedades humanas. E ese Estado, que nace coas clases sociais, serve para conciliar pola forza os seus intereses, impoñendo os da clase economicamente dominante por riba dos da clase dominada. Escravistas e escravos, terratenentes e campesiños servos, burgueses e proletarios… a historia da humanidade é a historia da loita de clases, e nesa loita de clases, o Estado sempre xogou o papel de garante dos intereses dunha das clases sociais con intereses contrapostos.

O Estado capitalista non é excepción. Xurdido ao calor do ascenso da burguesía e do modo de produción capitalista, alá polos séculos XVII e XVIII, o Estado capitalista protexeu sempre os intereses da burguesía, malia as mutacións que ha ir experimentando co paso dos séculos. Ningunha desas mutacións (nin o sufraxio universal, nin o voto feminino, nin o sistema de seguridade social implantado en moitos países europeos trala II Guerra Mundial…) alteraron no máis mínimo o carácter de clase do Estado capitalista e o seu papel como ferramenta de dominación por parte da oligarquía financeira.

Isto é debido a que a burguesía exerce a súa dominación grazas ao seu control da maior parte dos recursos producidos polos traballadores. Os empresarios e os banqueiros teñen nas súas mans inxentes riquezas que poden usar para comprar todo aquilo que necesiten: partidos políticos, xuíces, medios de comunicación, etc. As liberdades e os dereitos políticos formais recoñecidos polas constitucións burguesas (liberdade de asociación, prensa, información, separación de poderes…) permiten á burguesía exercer comodamente a súa ditadura, ao mesmo tempo que xera consensos sociais mediante a ilusión de que o Estado é neutro. Todo o mundo pode abrir un medio de comunicación, pero só a burguesía ten os medios para facelo; todo o mundo pode fundar un partido político, pero só os partidos que dispoñen de diñeiro prestado dos bancos poden montar xigantescas campañas electorais para darse a coñecer. Todo o mundo pode denunciar a outro nos xulgados, pero non todo o mundo pode pagar as taxas xudiciais ou a un avogado. E así unha longa lista de etcéteras.

E malia o absurdo que poida parecer, é precisamente da premisa de que o Estado é neutro e non de clase, de onde parten os postulados da organización socialdemócrata Syriza.

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, a coalición Syriza celebraba o seu I Conferencia Nacional [1], paso previo ao Congreso que, na primavera de 2013, levarao a constituírse como partido. A resolución política elaborada no marco desta conferencia arroxa luz sobre os obxectivos estratéxicos desta organización.

Ao principio de devandita resolución afírmase que as medidas de corte neoliberal que se están aplicando en Grecia “tratan de acabar coa vida digna e a democracia”, adoptando a tese reformista de que a democracia en abstracto, para o pobo enteiro, existía co Estado do Benestar e está sendo secuestrada polos gobernos de dereitas que se estenden por todos os países da Unión Europea. A solución? Formar gobernos de esquerda con socialdemócratas, socioliberales, ecoloxistas… para recuperar a democracia.

Máis adiante, o documento caracteriza hipocritamente a Syriza como unha organización que busca “superar o capitalismo e a súa lóxica do beneficio privado”. E de que xeito propón facelo? Pois fomentando as “virtudes antropolóxicas e valores tales como a xenerosidade, a solidariedade, a honestidade” así como o “respecto mutuo” (é de supoñer que se refire tamén ao respecto entre os empresarios e os obreiros; ideal que xa defendían os primeiros socialistas alá polo século XIX -que Marx cualificaba de “utópicos”- e que foi refutada polos propios acontecementos históricos e o fracaso dos intentos de poñer en práctica ese “respecto”). Unha sociedade que teña estes valores é xa unha “sociedade socialista, democrática e libre”, segundo Syriza. De poder obreiro e de cambiar as relacións de produción non din nin pío. Os reformistas aprópianse aquí da máxima liberal de que o home ten unha serie de valores que son indisociábeis da súa natureza (“virtudes antropolóxicas”) e que agora hai que facer “refrotar”, hai que redescubrir mediante o uso da razón. A análise de clase da realidade material e da relación entre a estrutura económica e os valores imperantes nunha sociedade dada déixano escondido no armario das escovas.

Un pouco despois, a resolución termina por recoñecer sen ambaxes que o obxectivo estratéxico da coalición “radical” Syria é “derrocar o dominio das forzas neoliberais e os memorándums, das forzas de destrución sociais, de colusión, de corrupción e decadencia, e facer emerxer un goberno de esquerda que se apoie nunha alianza ampla de forzas sociais”. Noutras palabras: xestionar o sistema capitalista en beneficio do pobo, limitándose a cambiar un modelo de xestión (o neoliberal) por outro (o socialdemócrata). En realidade a participación ou apoio dalgúns Partidos Comunistas en gobernos burgueses de Italia, España ou Francia xa revelou absolutamente ilusoria a aspiración de construír un “capitalismo de rostro humano”.

Afortunadamente, a declaración deste I Conferencia Nacional de Syriza xa nos advirte de antemán que “este goberno de esquerda non promete unha solución inmediata de todos os problemas acumulados” e anima á clase obreira a exercer “unha presión en todos os ámbitos, unha presión creadora, ata sobre o propio goberno”. Dito doutro xeito: Syriza pretende formar un goberno que non poderá resolver as necesidades do pobo, e xa avisa antes de facelo que deberán seguir as folgas, as manifestacións e as protestas, porque os problemas fundamentais non poderán ser resoltos “a curto prazo”. Brillante, non é así?

Esta coalición ampla, ambigua e heteroxénea de grupúsculos reformistas expulsados do KKE, ecoloxistas, maoístas inconsecuentes coas súas propias teorías e socialdemócratas, é o partido que escolleu a burguesía grega para reformular o bipartidismo grego trala debacle do PASOK.

En efecto, a imposición durante longo tempo de medidas de austeridade por parte da versión grega do PSOE, por orde dos banqueiros e empresarios gregos, acabou desgastando a imaxe deste partido aos ollos do pobo. Nas últimas eleccións, o PASOK caeu por baixo do 15 % dos votos; cinco anos atrás tiña máis do 40 %.

O ascenso dun movemento obreiro verdadeiramente masivo, encadrado no proxecto clasista da PAME e dirixido polo Partido Comunista (KKE), fai tremer á burguesía grega. E esta, desesperada, tenta reformular os consensos do pobo ao redor do sistema democrático-burgués decrépito, recompoñendo o bipartidismo co xurdimento e ascenso dunha nova coalición socialdemócrata que defende algunhas propostas tipicamente keynesianas, que foron abandonadas polo PASOK cando virou cara ao socioliberalismo, de acordo coas esixencias e necesidades da clase dominante na época actual de crise estrutural.

Así, nas eleccións de maio e xuño de 2012, unha parte dos medios de comunicación burgueses fixéronse amplo eco da campaña de Syriza, mentres a do KKE era silenciada. En xuño, o líder de Syriza, Alexis Tsipras, reuniuse con representantes políticos dos monopolios de distintos países europeos, para expoñerlles o seu proxecto político e tranquilizalos, segundo denunciaba o períodico Ryzospastis do KKE.



As dúas eleccións sucesivas acontecidas en Grecia en maio e xuño demostraton de xeito significativo o rápido que pode cambiar o discurso dun partido político que acepta o sistema capitalista, sempre a mercé da vontade dos seus amos que son os ricos burgueses. Se en maio, Tsipras dedicaba duras palabras aos memorandum impostos a Grecia (condicións da Unión Europea e o FMI para os rescates ao país) e apostaba abertamente por saír da OTAN, en xuño fartouse de afirmar que era necesario ”renegociar” as condicións do rescate e permanecer, custe o que custe, na zona euro e a UE. E a OTAN? Saír dela permaneceu no programa de Syriza, pero converteuse nun asunto de “pouca prioridade”. [2]

As eleccións de maio, e especialmente as de xuño de 2012, foron unha verdadeira proba de lume para o Partido Comunista de Grecia (KKE), que recibiu enormes presións dos medios de comunicación burgueses e duras críticas de todas as organizacións oportunistas do mundo. Uns e outros estaban de acordo en dicir que Syriza e o KKE debían formar unha coalición -que previsibelmente permitiulles obter o primeiro posto nas eleccións, gañar os 50 deputados extra que iso concede e gobernar- para formar un goberno “responsábel”, que fose “social” pero á vez permitise a Grecia permanecer dentro da zona euro, pois saír dela sería unha verdadeira “hecatombe”.

O Partido Comunista de Grecia mostrouse inflexíbel, coherente coas súas análises e postulados políticos, e afirmou que o sistema capitalista era imposíbel de gobernar en favor do pobo; que formar goberno non equivalería a “tomar o poder”, senón a erixirse en representante da clase social que ten o poder (a burguesía), e que non podía existir “saída social á crise” sen cancelación unilateral da débeda na súa totalidade, saída da Unión Europea e o euro e construción de poder obreiro-popular cunha economía planificada.

Ante a ameaza do “caos social” que predicaban os medios de comunicación, en caso de saída da UE e a zona euro, e ante as promesas de redención inmediata que propagaba Syriza, unha parte dos honestos obreiros da PAME optaron por votar á reformista Syriza no canto de ao KKE, que sufriu un importante batacazo electoral. Ese batacazo non foi tanto debido a unha posición incorrecta por parte do KKE, senón máis ben a un traballo político insuficiente entre os obreiros para explicar o proxecto comunista e a unha ofensiva durísima dos medios de comunicación, que debuxaron un cadro de desolación e horror no caso de que non gañase unha forza “pro-UE”. Ambos feitos foron debidamente analizados polo Comité Central do KKE en varias resolucións públicas emitidas nas semanas posteriores ás eleccións de xuño.

Pasou máis de medio ano desde os comicios, e neste lapso de tempo Syriza non deixou de subir en intención de voto, que agora roldaría o 27 % segundo as enquisas. Paralelamente a esa subida en intención de voto, Syriza ha ir incorporando ás súas fileiras a desertores do PASOK, e colocou aos seus militantes nas direccións dos sindicatos tradicionalmente copados polos socialistas: ADEDY e GSEE; ao mesmo tempo seguiu rebaixando o seu discurso, adaptándose ás esixencias do capital monopolista.

A finais de xaneiro de 2013, Alexis Tsipras viaxou a Estados Unidos para reunirse co goberno norteamericano, representantes do FMI e outros lacaios da clase dominante estadounidense. A todos eles tentou acougar cun discurso “responsábel” (é dicir, favorábel aos intereses da clase dominante), tentando amosarlles o “razoábel” das súas propostas (é dicir, a súa inxente traizón reformista á clase traballadora).

Ante un grupo de “expertos” da Brookings Institution reunidos en Washington, Tsipras dixo que esperaba “telos convencido de que non son tan perigoso como algúns creen”. [3]

O FMI, pola súa banda, diría a través dun representante que David Lipton -do mesmo FMI- e Tsipras mantiveron unha “discusión construtiva e sincera sobre os retos económicos que ten Grecia por diante” [4]

Para acougar á clase dominante norteamericana, o novo líder de Syriza dixo ante os honorábeis membros do Instituto Brookings que quixeron escoitalo: “Realmente hai algo que temer dun goberno de esquerda na Grecia de hoxe día? [...] Antes oín que alguén dicía que a miña organización é de esquerda radical. Pero en que somos nós radicais? Os alarmistas diranvos que cando o noso partido chegue ao poder, romperá os acordos co FMI e a Unión Europea e fará saír a Grecia da zona euro, rompendo todos os vínculos co Occidente culto e civilizado, para acto seguido transformar Grecia nunha Corea do Norte…”

E cominounos a manter a calma. “O obxectivo [de Syriza] é salvar ao país e mantelo dentro da zona euro”. A vontade de manter a Grecia dentro da estrutura dos monopolios europeos que é a Unión Europea -e o seu instrumento económico: o euro- foi manifestada de xeito insistente durante a campaña electoral de xuño de 2012.

De feito, nas eleccións de xuño de 2012, Tsipras especificou que non só quería manter a Grecia dentro da eurozona para salvar ao país, senón tamén para salvar á eurozona e ao proxecto imperialista da Unión Europea, que el consideraba vital para o progreso dos países (capitalistas, claro) do continente. [5]


CONCLUSIÓN.

O curso dos acontecementos demostra día a día que as análises que facía o Partido Comunista de Grecia (KKE) sobre Syriza antes das eleccións de xuño eran acertados: calquera partido político que pretenda xestionar o sistema capitalista, acabará servindo á burguesía, sen importar cuan radical sexa a súa mensaxe. Os últimos meses han ir corroborando esta tese, e mentres Syriza se reúne con embaixadores dos países imperialistas e co FMI para tranquilizar aos empresarios de todo o mundo, o KKE segue organizando aos obreiros de Grecia para facer a revolución socialista e instaurar a ditadura do proletariado. Así, mentres a máxima do KKE é “proletarios de todos os países, unídevos!”, a de Syriza parece ser “empresarios de todos os países, tranquilizádevos!”.

Comprender a imposibilidade de formar gobernos de esquerda e entender o papel que xoga a socialdemocracia no sistema de dominación capitalista é fundamental para os obreiros do Estado español. Igual que os obreiros en Grecia están cada vez máis detrás do seu partido de vangarda, que é o Partido Comunista, tamén en España deben os traballadores rexeitar a influencia perniciosa do reformismo encarnado no PCE e Esquerda Unida, para unirse ao proxecto de unidade clasista que son os Comités para a Unidade Obreira (CUO) e ao seu partido de vangarda que é o Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE). Porque no Estado español haberá mil partidos, pero só hai un que diga en voz alta: cancelemos unilateralmente toda a débeda, instauremos unha economía planificada, creemos poder obreiro, saiamos da Unión Europea, o euro e a OTAN!






Fotos:
1ª Tsipras (Syriza) e Samaras (ND) estreitando as mans.
2ª Manifestación do KKE, núcleo do movemento revolucionario.
3ª “Os medios de comunicación burgueses xogaron un papel fundamental no ascenso electoral de Syriza”
4ª Tsipras para Brookings Institution, en Washington.


[Fonte: LMO]