O manifesto que cambiou a historia.

Este 21 de febreiro estanse a cumprir 165 anos da publicación dun documento que pola súa profundidade, agudeza e veracidade transformou a historia da humanidade ao ofrecer á sociedade, por primeira vez, un programa para a transformación radical das relacións de produción e con elas a de todas as relacións humanas; é dicir, por vez primeira a humanidade contaba cun instrumento sistematizado que iluminaba o camiño para a consecución de anhelos históricos de liberación interpretando de xeito científico o momento concreto e a realidade obxectiva.

Todas as revolucións precedentes se levaran a cabo como consecuencia do estancamento das relacións de produción sobre o crecente desenvolvemento das forzas produtivas, momentos que foran aproveitados por personalidades e grupos que souberon interpretar a necesidade dun cambio de réxime pero sen contar con instrumentos científicos que guiasen estas conxunturas; ata que, por encarga da súa organización: A Liga dos Comunistas, Carlos Marx e Federico Engels plasmaron de xeito profundo e sinxelo a misión histórica da clase obreira como sepultureira da burguesía e do modo de produción capitalista dende un enfoque histórico serio e novidoso que despachou a superstición medieval sobre a marcha da sociedade.

A 165 anos dese luminoso feito, en plena época do transito mundial do capitalismo ao socialismo, momento por demais complexo de avances e retrocesos e de enconada loita de clases e de agudización permanente das contradicións inherentes ao modo de produción que temos, estudar o Manifesto do Partido Comunista de Marx e Engels é materia obrigada para todos aqueles que están convencidos da necesidade da transformación revolucionaria da sociedade, mesmo para salvar a vida no planeta.

[Fragmento dun artigo de: Edgar Meléndez, militante do PCV / Fonte: Aporrea]