Fóra as mans da folga dos mariñeiros!


O pasado mércores 6 de febreiro, os mariñeiros comezaban a terceira folga de 48 horas nas ramplas dos barcos. Daban continuidade á a súa folga contra o proxecto de lei que crea un futuro sombrío para as illas desmantelando a rede de navegación costeira e os portos que os entrega totalmente ao capital monopolista, condenando aos mariñeiros a traballar sen convenios colectivos e sen dereitos.

Os mariñeiros están a loitar contra o proxecto de lei do goberno defendendo os seus dereitos laborais, os convenios colectivos de traballo, para que os pasaxeiros viaxen con seguridade, con barcos modernos, con billetes baratos e con tripulacións que teñan dereitos garantidos todo o ano. Chaman á clase obreira e os sectores populares das illas, a todos os traballadores no sector da mariña mercante a reunirse a esta loita.

O goberno de coalición de "liberais, socialdemócratas e da Esquerda Democrática oportunista" aplicou o martes pola tarde a lei de mobilización civil contra a folga dos mariñeiros. Así, continuou a súa "demostración de forza" cara aos traballadores. Precedera a aplicación da lei de mobilización civil contra os traballadores do Metro e a intervención dos policías antidisturbios e a detención de 35 sindicalistas da PAME a semana pasada que protestaban contra as declaracións provocadoras do Ministro de Traballo quen falou dun sistema de seguridade social construído sobre a base do clientelismo.

Non é a primeira vez que os mariñeiros reciben o papel da orde de mobilización civil polos gobernos que serven os intereses dos armadores. Ao mesmo tempo e de xeito provocativo, o goberno tratou montar mecanismos crebafolgas nos barcos, enviou aos policías antidisturbios para forzar a carga dos barcos mentres ao mesmo tempo mobilizou aos medios de comunicación burgueses dos armadores que calumnian a loita dos mariñeiros e finxen que lles preocupa o feito de que, supostamente, debido á folga os insulares e os campesiños non teñen acceso a servizos de transporte marítimo e non poden transportar os seus produtos.

Non obstante, os insulares e os campesiños pobres e medianos saben que dende hai anos non teñen acceso aos servizos de transporte marítimo porque os armadores programan só rutas de navegación tendo como criterio os beneficios. Ao mesmo tempo, os campesiños están a ver a súa colleita  reducirse, debido ás consecuencias da Política Agrícola Común da Unión Europea (PAC). O esforzo do goberno de dirixir sectores das capas populares contra os folguistas é realmente unha provocación porque á hora que o goberno impón a lei de mobilización civil contra os mariñeiros no nome da súa preocupación polos campesiños e os seus produtos manda ás forzas antidisturbios á barricada principal dos pequenos e medianos campesiños na rexión de Tesalia. Alí encóntranse centos de campesiños cos seus tractores (máis de 2000) por iniciativa das forzas da Fronte Militante de Todos os Campesiños (PASY) que se enfrontaron coa represión feroz das forzas policiais que tratan de dispersar a barricada masiva dos pobres campesiños que loitan contra as medidas do goberno e da Unión Europea que lles botan da terra.

A orde de mobilización civil contra os mariñeiros revela o autoritarismo desenfreado do goberno coa que está a tratar de impoñer as novas demandas dos armadores e dos grandes empresarios no sector do turismo, que están a expensas dos mariñeiros e das capas populares que viven nas illas. Como subliña o KKE, as mentiras, a chantaxe e a represión salvaxe coa utilización de leis reaccionarias deben fallar e volverse en contra do goberno. A pesar da mobilización do mecanismo de represión, a folga continúa na maioría dos barcos. Os mariñeiros que debido á intimidación, as forzas antidisturbios e a chantaxe se viron obrigados a soltar os barcos declararon cos seus comunicados que apoian a folga e aos seus compañeiros folguistas. Ao lado dos mariñeiros están de xeito decisivo e práctico todos os sectores de traballadores e de capas populares organizando unha folga de solidariedade no sector privado e público na rexión de Ática para o mércores 6 de febreiro.

A presenza da propia Secretaria Xeral do Comité Central do Partido, Aleka Papariga, foi unha expresión de apoio do KKE cara á loita dos mariñeiros. O sábado polo mediodía visitou o porto para asistir a concentración dos mariñeiros folguistas. Alí destacou o seguinte:

"Cando os patróns da mariña mercante grega ocupan a primeira posición a nivel mundial, en Grecia estase a preparar un proxecto de lei que levará ao desemprego a miles de mariñeiros, os últimos que quedaron despois dunha serie de medidas adoptadas, tendo no punto de mira o levantamento da cabotaxe. Cando Grecia ten a capacidade de resolver o problema de comunicación coas illas, gran número das nosas illas teñen graves problemas tanto en inverno coma en verán xa que o único que lles interesa aos patróns é o funcionamento dos barcos que traen divisas aos grandes hoteis.

Facemos un chamamento aos obreiros, aos empregados, aos traballadores autónomos, aos comerciantes, aos campesiños xunto cos mariñeiros a dar unha loita que é de importancia fundamental e sobre todo mostrar a súa solidariedade xa que sen solidariedade de clase as medidas se impoñerán máis rapidamente e serán máis feroces".

No porto participaron traballadores de varios sectores, Comités Populares, Comités de Desempregados da rexión do Pireo, coa presenza especial das continxentes da PAME e da MAS (Fronte Militante de Estudantes), formando unha concentración de folga masiva e dinámica no porto, reforzando aos mariñeiros para continuar a súa loita.

Esta loita xa forma parte do legado da clase obreira co selo das forzas clasistas na protección e no desenvolvemento da loita, o apoio de sectores da clase obreira, así como dos campesiños pobres, os autónomos e os comerciantes e sobre todo, por suposto, dos insulares. Esta loita pódese escalar coa folga xeral proclamada para o día 20 de febreiro.


É unha necesidade imperativa expresar o apoio internacional e a solidariedade contra o autoritarismo do goberno, a súa operación de "lei e orde", para que se exprese decisivamente a solidariedade clasista.

Fóra esas mans da folga dos mariñeiros.

[Fonte: KKE]