CUBA: as últimas reformas económicas [Conferencias]

A profesora Yailenis Mulet falará en Vigo e Santiago sobre as últimas reformas da economía en Cuba.

As últimas reformas económicas en Cuba serán o obxecto de dúas conferencias que vai impartir en Vigo e Santiago a profesora de Economía da Universidade da Habana Yailenis Mulet Concepción.

A primeira destas intervencións terá lugar en Vigo, o 25 de febreiro ás 19,30, na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno 27).

A segunda terá lugar en Compostela, o dia 26 de febreiro ás 19.30, no Centro Sociocultural de Fontiñas.

Mentres propietarios e xestores do sistema capitalista pretenden saír da máis grave recesión da historia mediante a anulación dos dereitos do pobo traballador, Cuba inicia un proceso de reformas internas que busca a reafirmación do modelo socialista. A profesora Mulet vai tratar dos novos obxectivos da política económica do Partido e da Revolución, aprobados en maio de 2011, e a súa aplicación no medio do bloqueo e do diario agravamento da guerra de intereses do capitalismo global.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” convoca as conferencias en Vigo e Santiago, enmarcadas dentro dunha xira que a citada economista vai realizar por diversos lugares do Estado, convidada pola Coordinadora Estatal de Solidariedade con Cuba.


A Asociación de Amizade Galego-cubana Francisco Villamil convida a asistir a estes actos a todas as persoas interesadas en coñecer de primeira man e por medio dunha especialista o proceso de reformas económicas que se está levando a cabo desde o VI Congreso do PCC, celebrado no 2011.