Stop á guerra imperialista en Malí!


Unha vez máis confírmase o que as e os comunistas advertimos sempre: a crise capitalista é sinónimo de guerra imperialista. Así, a medida que se agudiza a crise sistémica, se suceden as agresións imperialistas, e neste caso tócalle a Malí.

As e os comunistas temos que alzar a voz moi claramente para volver desmentir o argumento,  xa demasiadas veces utilizado, do perigo do terrorismo integrista para xustificar esta nova agresión. Estamos, unha vez máis, ante unha guerra de rapina, que neste caso en concreto, persegue manter a dominación da antiga potencia colonial, Francia, sobre un estado repleto de recursos naturais como ouro, petróleo, gas natural, ferro, etc.

Por outro lado, as e os comunistas temos a obriga de manifestarlle á clase obreira e ao resto de clases traballadoras, que esta nova agresión imperialista demostra o papel de representante do capitalismo monopolista que exercen a socialdemocracia e os seus acólitos do reformismo, neste caso Hollande e a Fronte de Esquerdas francesa que non dubidou hai uns meses en pedir o voto para o devandito.

Condenamos a colaboración do goberno español que foi manifestada polo Ministro de Exteriores e que se centraría no apoio loxístico ás forzas francesas e aos mercenarios africanos leais ao goberno títere de Malí. 

Unha vez máis asistimos a un acto de cinismo dun goberno que aplica drásticos recortes baixo a escusa da redución do déficit mentres se mostra disposto a embarcarse en toda unha serie de aventuras imperialistas que demostran o carácter de subordinación da oligarquía española dentro dunha Unión Europea que só representa os intereses das fraccións imperialistas dominantes.

O carácter da acción militar francesa resposta ao carácter colonialista histórico do imperialismo francés e a profunda crise capitalista que está a provocar fortes contradicións interimperialistas e variacións entre as forzas que participan a escala planetaria no reparto dos recursos e das riquezas de máis da metade do planeta. Os recentes conflitos en Siria e en Malí confirman que as principais potencias imperialistas e os seus diversos bloques están a negociar un novo reparto. A proba é que tanto Rusia como China apoiaron a intervención militar francesa por considerar a Malí un país na esfera de influencia de parís.

A irrupción de Hollande no goberno da República francesa non variou un ápice a política desenvolvida por Sarkozy. Só veu  demostrar que o goberno da socialdemocracia asume a estratexia imperialista e criminal da oligarquía francesa.

A soberanía de Malí pertence ao seu pobo e ten dereito a decidir libremente o seu futuro e a empregar as súas riquezas naturais en proveito da maioría da poboación e non en proveito do capital monopolista francés, que está disposto a empregar a forza e defender os seus intereses mediante a guerra como forma de emendar os efectos da crise e minimizar a destrución das forzas produtivas en chan francés.

Xa por último, as e os comunistas de Galiza organizados no colectivo FORXA!, queremos facer pública a nosa firme condena desta nova agresión imperialista, a nosa solidariedade co pobo de Malí, e tamén queremos manifestarlle aos pobos traballadores do mundo que só o derrocamento do capitalismo monopolista, a construción do socialismo a través do poder obreiro e popular e o exercicio do internacionalismo proletario evitarán no futuro a explotación e as guerras imperialistas.

Non ás guerras imperialistas!
Viva o internacionalismo proletario!
Viva o socialismo!

Colectivo marxista-leninista FORXA! 
Galiza, 15/01/2012