Sobre as iniciativas de autoemprego.

Posicionamento ante as Iniciativas de autoemprego en Castelldefels. 

A crise do capitalismo bate con extrema dureza á clase obreira sobre a que recaen todos os sacrificios. Á redución dos salarios directos súmase a reducións do salario indirecto, os Servizos Sociais e os Servizos Públicos en xeral (sanidade, educación, pensións, ...).

O desemprego afecta a centos de miles de traballadores e traballadoras de Catalunya, miles en Castelldefels.
 
Mentres este drama acontece, mentres desde as institucións do Estado (Goberno Central, Generalitat e Concellos) se xestiona contra os traballadores e traballadoras para salvar aos grandes monopolios e ao capitalismo, xorden por todas partes asociacións e organizacións que pretenden axudar ao que chaman a cidadanía con mecanismos asistencialistas, caritativos ou que profundan no capitalismo, o único responsábel da situación que vivimos.

O Partit Comunista do Poble de Catalunya denunciamos que estas iniciativas só pretenden parchear a situación e desviar a atención sobre os responsábeis da miseria dos traballadores e traballadoras.

Un exemplo disto é a proposta que realiza unha chamada “Asemblea de parados de Castelldefels” que propón que o concello ceda terras ociosas para ser cultivadas en cooperativas por parados.

En primeiro lugar esta proposta define que a propiedade da terra segue sendo municipal, e que ese réxime de cesión, en calquera momento pode ser anulado.

En segundo lugar, a propiedade do producido segue sendo privada, o réxime cooperativo que propoñen define como que un pequeno grupo de socios cooperativistas xestionaran unhas terras cedidas, traballaranas e comercializarán os produtos.

Isto non é ningunha solución a ningún dos problemas da clase obreira, dos miles de parados e paradas. A proposta no fondo leva a mensaxe de que a forma de superar a crise, o desemprego e a miseria é autoempregarse, facer cooperativas e empresas. O dereito ao traballo convértese no dereito a ser empresario, vendendo entre a clase obreira a ilusión de que dentro do capitalismo pode prosperar.

Como alternativa a esta proposta que profunda no carácter privado da propiedade, desde a cèl·lula Comunista de Castelldefels do PCPC propoñemos a constitución de Comités Populares, formados por desempregados, traballadores e traballadoras, estudantes, coa participación do movemento veciñal, as asociacións , e en xeral o conxunto do movemento popular de Castelldefels.

Estes Comités organizarán de forma democrática e colectiva o traballo sobre as terras ociosas que se tomen e organizará o reparto do producido entre o conxunto de cada Comité Popular, priorizando a quen, estando organizados no Comité, sofren máis crudamente os efectos da crise do capitalismo.

Esta proposta, en contraposición á proposta de constitución de pequenas cooperativas que xestionen baixo a lóxica da propiedade privada, é unha proposta de construción de Poder Popular, no que os traballadores e traballadoras nos organizamos democrática e colectivamente, non só para solucionar os dramáticos casos de fame e malnutrición que xa vivimos nos nosos barrios, senón para organizar, discutir, decidir e crear poder popular. 

Partit Comunista do Poble de Catalunya
Cèl·lula de Castelldefels
Xaneiro de 2013
[Fonte: PCPC]