Sobre a loita contra o neofascismo.

Recentemente, 265 alumnos gregos en Alemaña fixeron a súa intervención política a través dunha carta aberta en relación con certos acontecementos. Nesta carta condenaron o racismo e os ataques do “Amencer Dourado” contra os inmigrantes en Grecia. A carta dos alumnos de Munich, Stuttgart, Frankfurt, Dusseldorf, Colonia, Leverkusen, Bochum, Essen e Gutersloh, que hai uns días se publicou en Rizospastis, foi a seguinte:

“Somos estudantes gregos en Alemaña. A maioría de nós nacemos aquí. As nosas familias víronse obrigadas por mor das dificultades a emigrar a Alemaña nas décadas anteriores así como por mor da crise en Grecia. Con esta carta quixeramos expresar a nosa rabia e condena dos ataques contra inmigrantes, traballadores e alumnos en Grecia polos nazis do “Amencer Dourado”.

Nós, como fillos de inmigrantes en Alemaña, sabemos por experiencia o que significa a violencia racista, o que significa o nazismo. Nós e as nosas familias enfrontámonos moitas veces á acción de organizacións nazis en Alemaña como o “Amencer Dourado” que atacan contra os obreiros estranxeiros que viven e traballan en Alemaña. A violencia racista non distingue os inmigrantes en legais e ilegais, e só ten un obxectivo. Dividir aos pobos, aos traballadores, aos mozos para que non vexan quen é realmente o responsábel dos seus problemas.

Queremos que saiban que cada vez que os nazis de “Amencer Dourado” en Grecia perseguen a inmigrantes e atacan aos alumnos que loitan, dá unha escusa a organizacións fascistas similares en Alemaña para atacar co mesmo ou ata peor modo a nós e aos nosos pais.

Nós vemos cada día aos nosos pais suar pola súa existencia nas fábricas e nas grandes empresas en Alemaña, a traballar desde a mañá ata a noite nun restaurante ou nunha pequena empresa. Nós, que somos alumnos e moitas veces traballamos para axudar aos nosos pais, sabemos que para os problemas cotiáns da nosa familia a culpa non a ten o noso compañeiro de clase que ten outra cor de pel, distinta relixión ou é de distinto país.

O “Amencer Dourado” fascista e as súas organizacións irmás nazis en Alemaña coas súas mentiras e accións violentas teñen unha meta: intimidarnos a nós e aos nosos pais para non reaccionar coa rabia xustificada e a indignación que sentimos todos os días, deixar intactas as políticas do capital e dos seus gobernos que levan aos traballadores e aos mozos en Grecia e Alemaña á indixencia.

Condenamos e illamos a acción hitleriana do “Amencer Dourado” e dos seus correlixionarios en Alemaña. Fortalecemos a loita en Grecia e Alemaña! Esta é a nosa resposta.”

Esta carta enviouse nun momento en que en Grecia se desenvolvía un plan organizado para que unha forza do sistema, o partido do “Amencer Dourado” (AD), de ideoloxía nazi e acción criminal, fora presentada como unha forza antisistémica.

Así, o AD está levando a cabo a súa política social mediante a entrega de alimentos. Pero só aos gregos, non aos inmigrantes. O AD organiza donacións voluntarias de sangue pero só para gregos. O AD “vende protección” de forma gratuíta ás persoas que están en perigo pola criminalidade, mais di protexelos só da criminalidade dos inmigrantes. O AD ataca aos inmigrantes, xunto cos seus deputados e logo nunha formación militar xunto coas autoridades oficiais desfilan xuntos co icono. O AD distribúe comida gratuíta que roubara das tendas de inmigrantes. O AD mantén conversacións cos empresarios para que contraten desempregados gregos, non inmigrantes, ou lles piden que despidan aos obreiros inmigrantes para contratar a gregos con salarios moi baixos. Deste xeito o AD opera como unha “axencia de emprego”.

Todo este escenario promovese adecuadamente e reprodúcese polos medios de comunicación burgueses para mostrar supostamente o seu “rostro repulsivo” e para combater supostamente a súa actividade racista. Pero o que fan en realidade é mostrar o AD como un mecanismo que substitúe as funcións do Estado burgués sobre todo a favor dos sectores indixentes da clase obreira, do pobo. E de feito proxéctase como forza que nin sequera dubida en utilizar violencia para solucionar tales problemas, pero non contra o sistema capitalista, nin contra os empresarios que crean e reproducen estes problemas. Apóianos porque debido á crise teñen problemas de rendibilidade. Por iso exhortan aos traballadores gregos a traballar por salarios de fame, no canto de loitar, mediando supostamente para atoparlles traballo.

O AD trata de presentarse como unha “forza antisistémica”. Contra que sistema? Contra o ”podrecido estado de cousas”, os “políticos corruptos”, os ”falsos patriotas”. O AD di: “Non ao memorándum da submisión!”, “Non á ocupación estranxeira da Troika”. Trátase de todo o que se expresou no chamado “movemento das prazas”, sobre os “políticos traidores” que “venden Grecia”. Este “movemento” dos “indignados” que foi abrazado e apoiado como unha “válvula de seguridade” polos medios de comunicación burgueses así como polas forzas da “esquerda renovadora”, en realidade arou o terreo político para que o AD sementase a fraseoloxía da indignación que, con todo, é baleira porque non se dirixe contra a explotación do pobo polos monopolios.

Esta non foi a primeira reacción dos alumnos gregos en Alemaña fronte aos neonazis. Xa houbo moitos exemplos que demostran que os traballadores poden denunciar aos membros do AD, o seu papel sucio como lacaios da patronal, para confrontalos e illalos. Moitas mobilizacións populares leváronse a cabo contra a presenza, a actividade e o veleno dos fascistas.

Estas reaccións estiveron máis aló da propaganda das forzas do sistema, como por exemplo do partido socialdemócrata gobernamental PASOK, da ”esquerda” gobernante DIMAR e do partido “de esquerda” da oposición SYRIZA, que xunto con “organizacións non gobernamentais” organizaron unha mobilización sobre a necesidade dunha “fronte antifascista”. Unha “fronte” que absolverá dos pecados políticos a todos aqueles que contribuíron ao fortalecemento do neofascismo. É un esforzo dos partidos burgueses, dos mecanismos do Estado burgués para a “necesidade” de protexer a “democracia” dos monopolios e dos capitalistas, contra os “extremos” (equiparando o fascismo co comunismo) contra a “violencia veña de onde veña” equiparando a mobilización, a folga dos obreiros, cos ataques e as accións violentas dos nazis e os neofascistas.

O partido neofascista non se pode confrontar por ningunha “fronte antifascista” xunto cos que teñen responsabilidade pola súa creación e agora están derramando “bágoas de crocodilo”. O movemento obreiro débeo esmagar.

A principios de novembro, algúns alumnos membros da KNE que estaban facendo traballo político fóra dun instituto de ensino nunha zona de Tesalónica chamando á participación na folga e a concentración da Fronte Militante de todos os Traballadores (PAME), foron atacados por fascistas. Algúns obreiros folguistas da industria leiteira AGNO que participaban nos piquetes fóra da fábrica, apresuráronse a axudar aos mozos comunistas. Desarmaron aos fascistas e obrigáronos a fuxir. Agora, auméntanse os casos en que sindicatos, traballadores, parados, mozos e alumnos opóñense na práctica contra as accións violentas do “Amencer Dourado”. Os sindicatos de orientación de clase están loitando para illar aos fascistas, para impedir calquera acción súa que divida á clase obreira, que a amordace, que a encadene en favor do capital.

A confrontación do “Amencer Dourado" débese facer, e xa se está a facer, politicamente polo propio movemento obreiro e popular, as súas estruturas e as súas organizacións, e non fóra delas.

[Fonte: KKE
Traducido por FORXA!