Operarios do naval rodean o Concello de Ferrol e exixen a demisión do alcalde.

Por volta de 3.000 traballadores do naval de Ferrol volveron saír á rúa para exixir carga de traballo e denunciar os incumprimentos do PP con este sector, tanto no que atinxe o dique flotante como na construción dos floteis de Pemex.


Desafiando a choiva e o frío, por volta de 3.000 operarios do naval de Ferrol voltaron manifestarse na defensa de carga de traballo e para denunciar o incumprimento do PP para co sector. Os traballadores arrodearon o Concello e exixiron a demisión do alcalde, o popular Rey Varela, pola "súa nula vontade de facer algo e porque só nos quere para saír nas fotos".

Desde os comités de empresa de Navantia, así como desde os diferentes sindicatos, denuncian que a situación é "insostíbel" e acusan o PP de facer promesas e máis promesas de carga de traballo sen que estas se concreten malia o paso do tempo. "Hai responsabilidades políticas claras, quer no Concello, como na Xunta como en Madrid", tres institucións en mans dos populares.

O naval de Ferrol decidiu retomar as mobilizacións. A primeira foi esta cuarta feira, 23 de xaneiro, e foi só un primeiro paso, pois valórase levar a cabo unha manifestación en Compostela o 13 de febreiro. E, na última semana, dese mes, unha gran mobilización a nivel comarcal en Ferrolterra.

Só promesas, sen feitos

"Motivos para saír á rúa hai de abondo", recoñecen nos sindicatos. Lembran que dos dous floteis de Pemex (un para os estaleiros de Vigo e outro para os de Ferrol) non hai nada novo, alén de promesas. "Encheron a boca de falar, de dicer que estaba feito, e está todo no aire". Máis alá das reiteradas promesas de Feijóo afirmando que todo estaba 'atado e ben atado', o certo é que a multinacional mexicana non tomou decisión definitiva sobre este tema. Polo que os floteis poden que non sexan construídos en Galiza. "Por cada semana que se retrasa o flotel, a comarca sofre entre 150 e 200 despidos".

Outra das cuestións, e quizás a máis importante para o sector, é o dique flotante para Ferrol, unha estrutura que xeraría emprego e dotaría dunha ferramenta este naval para competir, garantindo máis posibilidades de carga de traballo.

"Levamos tres meses de atraso. Hai uns días presentamos na Xunta un escrito para que se incluíse nos orzamentos de 2013 unha partida para o dique, como sinal de que a súa construción ía ser algo en firme. Mais diso non sabemos nada", indica Manuel Grandal, da CIG.

E segue a destrución de empregos.

O número de traballadores despedidos en empresas auxiliares do naval de Ferrolterra por falta de ocupación no último ano e medio ascendeu ata os 1.815, segundo os datos facilitados polo Comité de Empresa de Navantia Ferrol. Unha cifra que mostra até que punto este sector atravesa unha profunda crise, sen que as promesas do PP, tanto no que atinxe ao dique flotante como aos contratos con Pemex, se den concretado. O sector naval galego perdeu nestes anos milleiros de empregos, o que ten ocasionado mobilizacións multitudinarias tanto en Vigo como en Ferrol.

[Fonte: Sermos Galiza]