Nova Folga en Paradores Nacionais.


4600 traballadores e traballadoras de Paradores Nacionais volven estar convocados para este 31 de Decembro e 1 de Xaneiro a unha folga en defensa tanto das súas condicións e postos de traballo, como  da titularidade pública dun sector histórico do turismo estatal. 

Resulta desprezábel que se estea usando como argumento para a suposta inviabilidade do sector, “a gran cantidade de liberados sindicais existentes”, cando comprobando o organigrama directivo de Paradores Nacionais (e os seus substanciosos soldos) vemos que os seus principais dirixentes son familiares, amigos, “padriños” ou conmilitóns de insignes dirixentes do PP como Rodrigo Rato, Cristóbal Montoro, José Manuel Soria, ou o ex-deputado do PP por Navarra Santiago Cervera, recentemente dimitido ao ser imputado por un caso de delito de chantaxe ao presidente de Caixa Navarra.

Con todo, o principal problema que aqueixa ao persoal de Paradores Nacionais é o indisimulado obxectivo por parte do actual goberno de seguir liquidando o patrimonio público. A estratexia é sempre a mesma: descapitalizar (en definitiva, provocar a creba) coa fin de xustificar argumentalmente a necesidade de que pase a mans privadas a prezo de saldo para que os posteriores beneficios revirtan exclusivamente en petos particulares con quen, por certo, xa está habendo reunións para concretar a “entrega en bandexa” do sector. 

Paradores Nacionais non é senón outro exemplo de plan trazado pola Unión Europea e a famosa troika que, coa escusa da crise, trazaron unha folla de ruta tendente a liquidar  o xa raquítico sector público. Por iso, resulta mesquina a actitude dunha “oposición” que  agora racha as vestiduras polo futuro de miles de traballadores e traballadoras cando a diario cacarexa sobre as supostas bondades da UE. Porque, sinxelamente, resulta hipócrita clamar contra as consecuencias de algo cando se foi, e cando se é responsábel das causas que as xeran.
 
Mal farían as organizacións sindicais se aceptasen a oferta de miseria que a dirección de Paradores lles ofrece, pois sempre é o mesmo: discutir sobre a cantidade e profundidade de dereitos que o cadro de persoal vai perder, asumindo novas condicións máis precarias que, con toda seguridade, e antes pronto que tarde, servirán de teito sobre as que volver “negociar” futuros recortes.


Adiante coa loita de Paradores!


Comités para a Unidade Obreira (CUO)
 http://www.unidad-obrera.org/
Contacta en: cuogaliza@gmail.com


Vídeo onde un compañeiro pertencente a CCOO da leitura a uns fragmentos da octavilla repartida polos CUO-Galiza: 



Algunhas fotos máis da concentración en apoio á Folga dos traballadores e traballadoras de Paradores (31/12/2012):
 



 [Fotos e vídeo: CUO-Galiza]