Entrevista con Rashi Moussa, dirixente comunista sirio.

Entrevista de Tinta Roxa (Colectivos da Mocidade Comunista) a Rashi  Moussa, membro do Comité Executivo da Unión de Mozos Comunistas Sirios - Mocidade Khaled Baghdash, Responsábel de Relacións Internacionais. 33 anos, xornalista comunista sirio e candidato ao doutorado en Enxeñaría Mecánica na Universidade de Damasco.


TR – Malia que todos os medios de comunicación falan sobre a guerra en Siria, en realidade, todo o mundo sabe moi pouco sobre ela. Onde crees que se atopa a orixe do conflito?

Siria foi, por décadas, un dos maiores obstáculos dos proxectos de carácter sionista e imperialista que trataron de impoñerse na rexión. Así é que a resistencia nacional do leste do Mediterráneo, que xa lograra facerse cunha moi importante serie de conquistas, estaba principalmente sostida polo apoio sirio. Necesariamente, isto convertíaos nun máis dos inimigos dos reaccionarios e a súa clientela.

Agora ben, as políticas económicas neoliberais aplicadas nos últimos anos no país deron pé a unha paulatina depauperación da economía nacional en favor da especulación e algúns sectores non produtivos. Todo iso, que traería consigo un empobrecemento xeralizado das masas e o crecemento desmedido do paro xuvenil, creou o caldo de cultivo perfecto para que estas forzas reaccionarias empezasen a actuar recentemente. Aquí foi cando se asentaron as bases do cruel panorama que asola actualmente aos sirios. Desde un primeiro momento, cabe dicir, foron os comunistas os que alertaron deste perigoso xiro da política económica, e os que trataron de combatelo de todas as formas posíbeis.

Deste xeito, hai xa ano e medio que o pobo sirio está sendo exposto a ataques terroristas, masacres e instigacións de todo tipo. Todas estas operacións contan, cada vez que os “rebeldes” fracasan nos seus intentos de derrocar o réxime, con máis criminais. O seu branco son civís, en xeral, e militares, académicos e adultos novos, en particular. Entre algunhas das súas cabezas visíbeis figuran a organización oscurantista “Irmáns Musulmáns” e mercenarios de moi diversas nacionalidades, que reciben o financiamento que necesitan para o seu armamento e campañas mediáticas a través de réximes árabes estreitamente relacionados co imperialismo, sobre todo de Arabia Saudita e Qatar. Tamén colabora Turquía como brazo executor das actividades da OTAN na rexión.

Hoxe en día, pois, Turquía está levando a cabo un agresivo acoso contra Siria. A parte de apoiar e esconder a terroristas, os seus avións de combate violan continuamente o espazo aéreo sirio. Non hai moito, un destes puido ser interceptado e derribado pola defensa aérea do país, o que serviu de escusa ao goberno turco para interceptar ilegalmente un avión sirio, confiscar a súa carga e agredir ao seu persoal, ademais coa intención de bombardear indiscriminadamente as fronteiras cada certo tempo.

Paralelamente, os reaccionarios e os seus aliados decláranse como a “Oposición Siria” e fan un chamamento a unha intervención das forzas imperialistas tal e como aconteceu en Libia. Noutras palabras, a unha invasión e ocupación do país por parte da OTAN e as súas tropas. Neste contexto, o Partido Comunista Sirio e as súas mocidades organizaron moitas manifestacións e peches por toda Siria co obxectivo de desenmascarar entre a poboación esta intervención que atenta contra o dereito de todo o pobo sirio á autodeterminación, e para facer un chamamento a apoiar un programa nacionalista. Así mesmo, entre as maiores dificultades, os nosos camaradas organizaron multitude de campañas de doación de sangue en Damasco e outras cidades, e estiveron traballando para axudar a xentes desprazadas das súas casas.

TR – Non hai moita información no estado español sobre a historia do movemento comunista sirio. Poderías comentarnos brevemente sobre a historia da Unión de Mozos Comunistas Sirios? Que tipo de actividades realiza a túa organización?

A Unión de Mozos Comunistas Sirios - Mocidade Khaled Bagdash é unha organización composta por militantes guiados polo socialismo científico e supeditada ao Partido Comunista Sirio. Foi fundada en 1931 baixo o nome de Mocidade Comunista Siria e participou na fundación da Federación Mundial da Mocidade Democrática. En 1945 cambiou o seu nome por Asociación Siria de Mozos Comunistas ata 1949, ano no que se empezou a chamar Unión Democrática da Mocidade en Siria. En 1996 modificouse un pouco como Unión Democrática da Mocidade en Siria – Mocidade Khaled Bagdash, acorde á decisión do sexto congreso de facerlle unha homenaxe ao histórico líder militante comunista sirio que tivo o noso partido ata a súa morte en 1995. En 2006, por decisión do oitavo congreso, denominámonos como agora: Unión de Mozos Comunistas Sirios - Mocidade Khaled Bagdash.

Xunto ao Partido Comunista Sirio a nosa organización loitou pola independencia, a soberanía e a dignidade nacional, así como polos dereitos da mocidade e o conxunto do pobo sirios. Deixamos moitos mártires atrás nas encarnizadas loitas nacionais e de clase que batemos en contra das agresións do sionismo e do imperialismo, e en favor das liberdades democráticas e das múltiples reivindicacións do noso pobo na historia. Por todo isto, gañámonos o respecto e a confianza das nosas xentes, co que as nosas células están presentes en todas as partes do país.

Hoxe en día berramos ben alto a consigna da “defensa da patria e dos dereitos dos novos sirios” e sostémola no noso contacto máis directo coas masas en cada centro de traballo ou de estudo a través de sindicatos, de asociacións estudantís, de movementos populares, etc. Reivindicamos plenamente un novo tipo de política económica que favoreza a produción nacional e que permita un aumento do gasto social, principalmente en materia de educación, sanidade, seguros de emprego e reparto de vivendas entre os mozos. Na mesma dinámica, tamén reivindicamos unha maior extensión das liberdades democráticas.

TR – En Siria está gobernando a Fronte Nacional Progresista, que é unha das expresións do movemento de liberación nacional árabe. Non son poucas as loitas contra o imperialismo e o sionismo, ademais, que sostivo en pos da independencia siria e a desocupación dos Altos do Golán. Cal é o rol xoga actualmente esta fronte, e que posición toma a Mocidade Khaled Bagdash sobre o mesmo?

Desde os anos trinta ata o sétimo congreso da Terceira Internacional, o Partido Comunista Sirio loitou por conformar unha fronte ampla nacional que tivese por obxectivos procurar a independencia e combater ao fascismo. Logo de conseguir a independencia en 1946, o Partido conveu como un dos novos obxectivos estratéxicos desta fronte o tratar de preservar a independencia. Unha das súas reivindicacións era a creación dunha asemblea parlamentaria nacional que tivese entre os seus deputados ao, por aquel entón, secretario xeral do Partido Comunista Sirio, Khaled Bagdached, e algúns militantes do Partido do Renacemento Árabe Socialista.

A principios dos 70 unha coalición de partidos nacionalistas, entre os que figuraban estes dous últimos, deu lugar á fronte Nacional Progresista. Esta Fronte, así como se encargaba de manter a independencia e soberanía nacionais, aceptaba o liderado gobernamental do Partido do Renacemento Árabe Socialista, circunstancia que se mantén ata agora.

Tal e como o Secretario Xeral do Partido Comunista, Ammar Bagdche, comentou no último foro organizado polos partidos da Fronte en Damasco: “Esta alianza deu mostras do seu valor nos momentos máis difíciles da historia da nosa patria, como na guerra de outubro de 1973, e na confrontación dos actos terroristas emprendidos polas forzas reaccionarias a finais dos 70 e principios dos 80 do século pasado. Nós, os comunistas sirios, temos unha total confianza no papel protagonista que xoga e que xogará esta alianza na mobilización das masas en contra do complot creado contra o noso país. Só unha feroz unidade nacional poñerá fin aos ataques coloniais en Siria!”.

TR – Algúns dos procesos que comezaron en 2010 en certos países do norte de África e do Oriente Próximo finalizaron de xeito un tanto ambigua. O ascenso do sionismo a través dos seus distintos grupos e dos imperialismos europeo e estadounidense, que xamais dubidaron en proverse de suficientes medios económicos e de comunicación, así como de apoio militar e estratéxico a través da OTAN, pon en evidencia os intereses de diferentes polos imperialistas en recuperar o control da zona. Cal é a análise que fai a Mocidade Khaled Bagdash sobre a actuación destes grandes capitalistas, e dos seus aliados na rexión (como Turquía, Qatar...)?

O mundo árabe está atravesando uns tempos ben difíciles nos que a loita de clases está en completo apoxeo. A clase obreira, sobre todo, a mocidade, está traballando en condicións moi duras para combater as políticas neoliberais e as súas principais consecuencias; a pobreza, o desemprego e os roubos sistemáticos, ademais dos réximes represivos vinculados ao imperialismo e ao Estado sionista de Israel.

Os movementos populares, que aínda hoxe seguen en auxe, lograron importantes conquistas tanto en Exipto, como en Túnez, mediante o derrocamento dos mercenarios e títeres a soldo das forzas reaccionarias, o que supuxo un duro golpe aos plans dos imperialistas da rexión e unha gran vitoria dos proxectos de liberación nacional.

O contraataque dos imperialistas, neste respecto, estivo orientado desde un principio en tratar de abortar calquera mobilización a través de presións de todo tipo a nivel político e económico. Os seus principais apoios localizáronos no Golfo Arábigo, especialmente en Arabia Saudita e Qatar, que tamén temían unha extensión das protestas sociais ata as súas fronteiras.

Como resultado, fundamentalistas relixiosos populistas, apéndices dos reaccionarios, chegaron aos gobernos de Exipto e Túnez. As súas masivas campañas electorais ao parlamento, e os seus moi diferentes medios de propaganda foran fortemente financiados por petrodólares. Os Irmáns Musulmáns, doutra banda, desta forma convertéronse nunha das principais forzas de choque dos imperialistas destinadas a tranquilizar os ánimos do pobo.

Naqueles lugares nos que non lograron os seus obxectivos por medios pacíficos realizaron unha intervención militar directa. Así ocorreu, por exemplo, en Bahrein  a través do exército de Arabia Saudita e as forzas do Consello de Cooperación do Golfo, que foron completamente apoiados polos Estados Unidos. En Libia, con todo, foi a OTAN a que dispuxo as súas tropas para acabar coa vida de decenas de miles de inocentes e arrasar, practicamente, con todo o país.

Neste sentido, está claro que ningunha destas accións estivo xamais encamiñada a procurar o respecto dos dereitos humanos e consolidar a democracia. Baixo todas estas accións subxacían os intereses económicos dos monopolios e dos seus pequenos socios, cuxa defensa esixía salvagardar certa estabilidade política na zona e, como non, saquear os seus recursos naturais en canto se prestase ocasión.

Por outra banda, outras das cuestións que afectan moi negativamente aos movementos populares é a debilidade das organizacións obreiras e dos partidos progresistas, e a ausencia de sindicatos de clase. Así mesmo, o oportunismo e o revisionismo callou fortemente en importantes sectores destes, de tal xeito que moitas organizacións, especialmente as que se declaran como “apartidistas”, perderon ata o seu carácter antiimperialista e terminaron por aliarse, dun xeito ou outro, a algún círculo afín á Unión Europea ou aos Estados Unidos.

No que respecta a Turquía, como dixen anteriormente, servíndose da OTAN como principal ferramenta, ha ter un papel chave no referente ao apoio dos novos gobernantes de Exipto, Túnez e Libia. Con todo, o seu papel máis desprezábel o está a desempeñar en Siria mediante o amparo dos terroristas e mercenarios financiados por Arabia Saudita e Qatar.

TR – Non cabe ningunha dúbida da intromisión dos servizos de intelixencia internacionais no conflito sirio. Con todo, é verdade que interferiron ata nos seus e-mails persoais?

Efectivamente. estiveron facendo un seguimento dos nosos correos, e ata publicaron algúns en Wikileaks. Sobre todo, fixeron fincapé naqueles que enviamos a outras persoas ou organizacións co obxectivo de explicar, a través de comunicados do Comité Central do Partido Comunista Sirio, a situación que está afrontando o país. Entre algúns destes, figuran os que se enviaron o camarada Osama Al-Maghour, Responsable de Relacións Internacionais do Partido Comunista Sirio, o Secretario do Comité Executivo das mocidades, e algúns camaradas do Partido Comunista Italiano, ademais dos que nos estivemos enviando co camarada Guillermo Villaverde, o Responsábel de Relacións Internacionais dos Colectivos de Mozos Comunistas, e eu. A burguesía europea usou estes correos para xustificar as súas calumnias contra Siria, así como para fortalecer a súa campaña anticomunista en todo o continente.

TR – Tristemente, a campaña mediática en contra de Siria está sendo especialmente forte nos países do centro imperialista. Tal e como fixeron en Libia, a equiparación dos terroristas insurxentes con rebeldes que loitan pola liberdade e a democracia en contra de supostos gobernos despóticos é constante. Do mesmo xeito, certas organizacións declaradas “de esquerda” tomaron parte activa desta campaña difamatoria e inxurian a todos aqueles que defenden a unidade nacional en Siria en contra do imperialismo. Como valorarías estes movementos insurxentes, e que evolución cres que han ter no conflito?

A pedra angular da oposición no país son os Irmáns Musulmáns. Aínda hoxe a maioría dos terroristas armados, asociados, polo xeral, a movementos oscurantistas da reacción, están vinculados dun xeito ou doutro a esta organización, xa sexa en termos ideolóxicos, ou ben en termos estritamente organizativos.

Todos eles traballan para tratar de amparar a conciencia nacional do país, forxada após innumerábeis loitas pola independencia, a defensa nacional, e a soberanía en contra do imperialismo estadounidense e o sionismo israelí, en torno a unha lóxica reaccionaria.

Doutra banda, a súa evidente relación cos propios imperialistas e as súas institucións foi ata revelada por algúns medios de comunicación burgueses, incluíndo o xornal británico “O Gardián” (guardian.co.uk, 12 de xullo de 2012).

Estes mercenarios, pois, reciben completo financiamento de Arabia Saudita e de Qatar, e obteñen todo o apoio loxístico que necesitan a través de Turquía, que serve de enlace da OTAN. Moitos deles, ademais, procedentes de moi diversos países (Libia, Túnez, Afganistán), foron contratados logo da súa experiencia no Muyahidín de Afganistán, que foi fundado e financiado polos Estados Unidos, alá polos 70, con ferramentas moi similares ás que empregan actualmente.

TR - Como puidemos observar, a actividade terrorista da oposición armada vai dirixida non só a membros do goberno sirio e a membros das forzas de seguridade e do exército, senón que é efectuado contra infraestruturas esenciais e puntos urbanos de gran afluencia de poboación civil. De que  forma está afectando a agresión imperialista ás condicións de vida do pobo sirio, que reacción esta tendo este ante o conflito?

Os actos de sabotaxe afectaron moi negativamente ás traballadoras e traballadores sirios. Nestas accións non soamente se marcaron obxectivos militares senón que homes, mulleres e nenos civís reciben ataques indiscriminados. Arden mercados e factorías e son asaltadas instalacións do sector público. Ademais, infraestruturas como liñas de comunicación, óleo e gasodutos e estacións eléctricas sofren constantes sabotaxes. Por outra banda o bandidismo, a pillaxe e os secuestros están á orde do día.

Todo isto combinado xunto ás sancións e a política neoliberal impostas polo imperialismo da Unión Europea e de EEUU impactou fortemente na economía siria provocando unha importante suba da inflación e dos prezos así como o cese na produción dalgúns sectores industriais. As consecuencias destes cambios económicos repercuten de forma directa no nivel de vida da clase traballadora, o cal sufriu un importante retroceso.

Por sorte o pobo está preparado para combater por todos os medios para manter a soberanía, a independencia nacional e pola liberdade da súa patria. Estase loitando tamén por tombar as últimas reformas neo-liberais, o cal mellorará tanto a calidade de vida das masas traballadoras como os factores nacionais.

TR - Seguindo co tema dos autoproclamados “rebeldes”, que papel xoga neste entramado a rama siria dos Irmáns Musulmáns? Que supoñería o ascenso desta formación xunto cos salafistas para as minorías relixiosas en Siria?

Como xa mencionamos anteriormente, a punta de lanza da “oposición siria” é a organización Irmáns Musulmáns, a cal é dependente da organización internacional co mesmo nome e que foi sospeitosamente fundada nos anos 20 en Exipto baixo a supervisión dos corpos de intelixencia británicos.

Os membros desta organización non só consideran hostís aos non-musulmáns se non que son perigosos ata para os musulmáns que gardan certas diferenzas con eles.

Non só representan unha ameaza contra minorías relixiosas, como algúns organismos internacionais polos dereitos humanos nos queren facer crer, senón que representan unha ameaza para a soberanía dos pobos, saboteándoos desde dentro e fragmentándoos para que sexa máis fácil sometelos aos intereses do imperialismo.

Podemos tomar o exemplo de Sudán, que estivo gobernada polos Irmáns Musulmáns desde os 80. Dividiuse en 2 países e probabelmente pronto veremos a separación dun terceiro.

E isto é o que posibelmente vexamos en Exipto, Libia e Túnez. Aínda que en Libia e Túnez non haxa minorías relixiosas, a verdadeira ameaza trala chegada ao poder destas forzas reaccionarias céntrase sobre a unidade do país.

TR - Como é sabido, países como China ou Rusia chegaron a vetar en varias ocasións as resolucións contra Siria no Consello de Seguridade da ONU. Segundo a vosa opinión, que rol exercen estes estados en relación á agresión imperialista contra Siria?

Certamente Rusia e China utilizaron o dobre veto en tres ocasións e fixeron fracasar os intentos da UE e os EEUU de lexitimar o ataque a Siria, pero tamén cremos que estes dous países cando defenden a Siria só están defendendo os seus propios intereses, e non soamente na rexión, senón a nivel mundial. De feito vemos como estas accións corresponden a este período no que se están a definir novas grandes esferas de influencia mundial. Nun momento dado como este podémonos aproveitar das contradicións entre imperialismos, pero non nos podemos esquecer que ningún dos bloques responde aos intereses das masas populares.

TR- Os medios burgueses fan moito fincapé na erosión social do proxecto do Baaz como consecuencia do xiro neoliberal que esta formación a tomado na última década para a economía Siria, que hai de certo niso?, como se deu ese proceso?

As políticas neoliberais foron aplicadas nos últimos anos baixo a bandeira de “economía de mercado social” no Décimo Plan Quinquenal 2005-2010. Producíronse fortes ataques sobre a produción nacional. Buscouse a marxinalización do sector público, o cal foi en gran parte privatizado. Tamén se produciron retrocesos importantes nas conquistas sociais do pobo tanto en dereitos laborais como nun descenso importante do gasto en sanidade, educación pública e nas axudas aos agricultores. Estes cambios levaron consigo o empobrecemento das clases populares e un aumento considerábel do paro xuvenil. Ademais, os continuos ataques ao sector público teñen minado os alicerces da economía siria. Este contexto foi favorábel para as forzas da “oposición”, que aproveitaron o caldo de cultivo dunha economía tan danada.

TR- O goberno sirio declarou xa o pasado ano a súa vontade de levar a cabo unha serie de reformas de carácter económico e político. Mostra diso é o referendo celebrado no mes de febreiro do presente ano sobre a proposta de reforma constitucional, que foi apoiada de forma multitudinaria polo pobo sirio, que posición tomou a UMC-Khaled Bakdash sobre estas reformas, e que outras consideran necesarias para garantir a unidade nacional e as condicións de vida do pobo sirio?

Non hai dúbida de que se produciron cambios políticos importantes no político. En primeiro lugar aprobáronse novas leis de partidos e electorais e unha nova lei sobre os medios de comunicación que valoramos como positiva. Ademais devolveuse a nacionalidade aos kurdos que a perderon no censo reaccionario de 1962.

A nosa posición sobre a constitución xa a expresamos nun comunicado a través do Comité Central do Partido Comunista de Siria.

O comité central opúxose á proposta da constitución, antes do referendo, logo de ser preparada por un comité composto de 28 persoas das cales ningunha é pertencente ao noso partido nin a outros partidos do país, polo que ningún membro do parlamento confiaba do poder lexislativo do país, o comité central considera que sería mellor se esa proposta de constitución fose levada adiante cara un debate público no país, incluíndo aos partidos políticos así como ás organizacións obreiras e despois se levara a cabo un debate e despois levala a un referendo, como se fixo adoptando a constitución de 1973, que foi distinta, especialmente polos principios de xustiza social que se achaba en todas as liberdades democráticas incluídas nela, independentemente de como fosen aplicadas durante 4 décadas desde a súa adopción.

O Comité Central resolveu que o aspecto máis positivo no novo borrador de constitución de 2012 é que mantén o carácter antiimperialista e antisionista. Por outra banda, o borrador conserva, en liñas xerais, os artigos sobre liberdades democráticas, relixiosas e sobre o dereito á participación política, económica, social e cultural.

Con todo, debemos destacar que hai varios parágrafos de clara natureza reaccionaria por exemplo o párrafo 4 do artigo 8. É fácil ver que a medida vai dirixida directamente contra calquera actividade política de clase e pode verse utilizada contra os partidos de clase.

O Partido Comunista de Siria oponse tamén ao artigo 3 do novo borrador xa que significa un retroceso respecto da antiga constitución de 1973, que garantía unha maior igualdade dos cidadáns fronte á xustiza.

O comunicado centrábase tamén na falta de claridade noutro artigo sobre os principios económicos e que substitúe a un artigo da constitución de 1973 que garantía que os plans económicos estarían enfocados a eliminar toda forma de explotación e de “tensión”.

Ademais, na nova constitución déixanse ver as evidencias do retroceso en canto a dereitos sociais. Un bo exemplo diso é o artigo 37 da constitución de 1973.O devandito parágrafo foi substituído no borrador polo artigo 29.

Vese claramente como no novo texto desaparece o principio de educación gratuíta total.

Atopámonos cunha situación similar de retroceso noutros dereitos por exemplo no papel do Estado como garante e protector dos dereitos do traballador.

O concepto de “propiedade publica” aparece con menos frecuencia que na constitución de 1973 e a palabra “socialismo” desapareceu das liñas do novo borrador. A nós parécenos un importante paso atrás o eliminar o obxectivo social para o desenvolvemento do país dos textos da constitución.

Respecto ao papel das institucións e aos poderes, o borrador mantén o papel dominante da autoridade no executivo, o cal expandiuse nalgúns aspectos a costa de rebaixar a autoridade no lexislativo.

Malia todas as dificultades polas que pasa o país na batalla contra as forzas imperialistas reaccionarias e da necesidade dunha fronte nacional contra os inimigos da patria, o Comité Central do Partido Comunista de Siria pediu a todos os camaradas e amigos que participen con reservas, no referendo sobre a nova constitución da República Árabe Siria.

TR -Para pechar esta entrevista, que futuro lle espera á mocidade en Siria e que tarefas entendedes que debe comezar a emprender?

Somos optimistas. Certamente, a loita pola que estamos pasando é difícil e é un dos problemas máis serios polos que pasou o noso país desde hai moitos anos. O pobo sirio está pagando un alto prezo coas súas vidas e o seu sangue, especialmente a mocidade, pero estamos seguros de que o noso pobo sobrevivirá e gañará esta batalla contra o imperialismo, o sionismo e a reacción.

A día de hoxe é unha necesidade que a mocidade siria defenda a súa patria do mesmo xeito que é necesaria unha escalada nas demandas polos dereitos e intereses do pobo sirio e dos traballadores e a mocidade. A unión contribúe nesta loita nacional e de clases baixo a bandeira do Partido Comunista Sirio e xunto ao resto de forzas nacionais e progresistas do país.

TR- Moitas grazas camarada pola información que estamos seguros que axudará a arroxar luz sobre a situación real que vive Siria, e a confrontar co que nos contan os grandes medios de comunicación.

Grazas a vós por darnos esta oportunidade de expresar a verdade. Un saúdo camaradeiril aos Colectivos da Mocidade Comunista pola súa permanente solidariedade internacionalista e a súa preocupación pola nosa realidade. Desexámosvos moito éxito na vosa loita polos dereitos e intereses dos traballadores e traballadoras no voso país.

[Fonte: TintaRoja]
Traducción a galego: FORXA!