Corrupción e Socialismo.

Hai uns días falamos da firmeza de Stalin na súa loita contra a corrupción e os privilexios. Sen dúbida Stalin seguiu os pasos de Lenin tanto nese sentido coma noutros.

A continuación poderán ler dúas cartas enviadas polo propio Lenin que exemplifican con total claridade o seu valor como revolucionario e a enorme distancia que separa aos líderes políticos socialistas dos líderes políticos da burguesía: mentres os primeiros loitan incansábelmente contra a corrupción e os privilexios, os segundos lúcranse, fomentan e protexen eses males.

A corrupción só pode prosperar nunha sociedade capitalista, como estamos a ver a diario, para que a corrupción prospere no socialismo debe rematar co propio socialismo, aínda que se manteñan colgadas as bandeiras roxas.

Talvez estas cartas fagan comprender a máis dun a verdadeira razón pola que a burguesía xamais perdoará aos comunistas. Alá, na odiada Unión Soviética, os Carromeros, os Bárcenas, os Pepes Blancos, os Pujol, os Durán... non tiñan marxe de acción para os seus roubos, e desde logo non podían nin pensar nas súas vidas de parasitos a costa dos traballadores e as traballadoras.

A única forma de rematar con tanto desvergonzado consiste en facer a revolución e quitarlle o poder aos corruptos, o demais é pura distracción. 




1918. Carta dirixida a D.I Kurski.

É necesario presentar inmediatamente, con rapidez exemplar, un proxecto de lei polo que se dispoña que as penas por suborno (concusión e corrupción, confabulación para o suborno, ETC.) NON DEBERÁN SER INFERIORES a dez anos de cárcere e, ademais, a dez anos de traballos forzados.

(O devandito decreto aprobouse o 8 de maio de 1918)



23 de maio de 1918.

Ao Administrador do Consello de Comisarios do Pobo,
Vladimir Dimitrievich Bonch-Brueivich.

Diríxolle unha severa censura en vista do incumprimento, pola súa parte, da miña esixencia de que se me indicasen as razóns para elevar o meu soldo, de 500 a 800 rublos mensuais, a partir do 1 de marzo de 1918, e en vista da clara ilegalidade dese aumento, que vostede levou a cabo arbitrariamente, de acordo co secretario do Consello, Nikolai Pietrovich Gorbunov, infrinxindo con iso de forma manifesta o decreto do Consello de Comisarios do Pobo de data 23 de novembro de 1917.

O Presidente do Consello de Comisarios do Pobo,
V. Ulianov (Lenin).