A patronal esixe máis sangue.


A CEPYME e a CEOE, é dicir, o conxunto da patronal, xa sexa pequena, mediana, grande ou XXXL, propón aos sindicatos a creación dun novo contrato para mozos baseado no salario mínimo, aproximadamente os 650 euros. Din os moi descarados que co tempo o mozo irá ganando máis, a condición de que aprenda o que ten que aprender e o necesiten. Se os sindicatos aceptan este novo crime en cernes sería xa o colmo dunha traxectoria de traizóns intolerábeis.

En primeiro lugar, os empresarios non contratan persoal porque non o necesitan, se así fose estarían contratando sen reforma algunha como o facían anteriormente. En segundo lugar, isto significa meter pola porta de atrás os famosos minijobs alemáns, mesmo peor. En Alemaña roldan os 500 euros, pero en principio son traballos por horas, en cambio os burgueses españois non  plantexan iso, senón unha xornada completa "baseada" no salario mínimo. En terceiro lugar, iso dos mozos é unha estupidez, non se pode separar a man de obra nova da vella, se eses mozos se venden por 500 euros o resto da forza de traballo terá que rematar por adaptarse a iso ou non volverá cheirar un emprego. Todas as súas medidas están dirixidas a rebaixar os custos salariais, e de feito estivérono a facer todos estes anos, o dos mozos é pura demagoxia oportunista para ablandar o corazón dos incautos pais que teñen que ver aos seus fillos podrecéndose polas esquinas deste réxime noxento. Teñan en conta que pretenden legalizar o que xa pasa pola vía dos feitos, a partir de aí imaxinen o que quedará por baixo.

Un apuntamento final. En determinados momentos é necesario crear frontes que inclúan a pequena burguesía, pero por ser pequena non é mellor que a grande, e a quen lle guste tanto que se vaia traballar a un bar de camareiro ou a un quiosco, todo moi pequeno e familiar, e que logo volva aquí a contarnos as súas incríbeis experiencias coa sempre oprimida pequena burguesía. A CEPYME fala claro xunto á CEOE. A partir de aí todos os pactos que se queiran, a condición de que os precisen e os beneficien.