9 de xaneiro, lembranza do domingo sanguento e a revolución de 1905.

Aquel 9 de xaneiro (dia 22 segundo o calendario gregoriano) centos de miles de traballadores e traballadoras manifestábanse ás portas do Pazo de Inverno tras unha semana de folga. Esta vez xa non só acudían con demandas económicas, tamén había unha serie de demandas políticas como a convocatoria dunha asemblea constituínte. Fartos da torpe e lenta burocracia zarista, redáctase unha resolución coas peticións dos obreiros coa intención de que o sacerdote Georgy Gapón lla entregue directamente ao Zar. 

Ademais dunha asemblea constituínte para que o pobo tivese representación, se suscitan outras demandas: liberdade de reunión, de prensa, de expresión. Pídese tamén educación pública, impostos progresivos, xornada laboral de 8 horas, amnistía de presos políticos etc.
 
Columnas de manifestantes saían cedo desde os suburbios de Petrogrado. Portaban crucifixos e retratos relixiosos para demostrar a súa actitude pacífica. Entoaban himnos relixiosos e patrióticos como "Deus salve ao Zar", macabro paradoxo. O Zar Nicolás II abandonara a cidade o día anterior. Todas as columnas tiñan previsto concentrarse no Pazo de Inverno. Unha das columnas ao chegar ao Arco do Triunfo de Narva  atopábase cara a cara cos soldados.

Soldados montados a cabalo comezaron a disparar e a tirar bombas contra a multitude dunha forma inesperada. A multitude corría despavorida con gritos, xemidos de dor e o ruído das balas como ruído de fondo. Adiante, camaradas, é a liberdade ou a morte! escóitase mentres a masa se concentra de novo para atacar aos soldados no medio do medo e a indignación. Os soldados seguen disparando á multitude desarmada. Noutros puntos da cidade repítese a mesma escena.

As cifras de mortos e feridos non se saben con exactitude. A Enciclopedia Soviética de 1930 cifra en 200 mortos e 800 feridos o balance daquel domingo. O domingo sanguento serviu para poñer a todo o país en pé. As folgas nas fábricas e os alzamentos no campo producíronse ao longo e ancho de Rusia durante 1905. O pobo ruso xa sabía ata onde podía chegar o zarismo criminal, e para iso deu un salto cualitativo na forma de enfocar as súas protestas: abandonou o espontaneísmo  inocente daquel día, e puxo en marcha unha serie de consellos: naceran os soviets. O proletariado e o pobo ruso, grazas á experiencia conseguida nas loitas de 1905, estaba mellor preparado para cumprir coa súa tarefa histórica.

No 2013, no marco desta bárbara crise estrutural e sistémica capitalista, centenares de persoas seguen a manifestarse en Moscú, conmemorando o aniversario do Domingo Sanguento, e en todo o mundo sucedense as mobilizacións e protestas contra o capitalismo agonizante que se atopa na súa fase terminal.*


Os antigos pobos soviéticos teñen sede de conseguir o que lles pertence, sen esquecer que os dereitos non se reciben, conquístanse con suor, bágoas e sangue.

No 2013 coma no 1905!*

 
* Modificación deste párrafo polo tradutor ao galego, por mor da antigüidade do artigo orixinal.
Fotos: 1.- Vladimir Makovsky, 1905. 2.- Pintura de Ivan Vladimirov. 3.- Gravado sobre o acontecido no Arco do Triunfo de Narva. 4.- Foto enviada por un colaborador anónimo ao mail de Forxa!