"Non se poden resolver os problemas populares, nin satisfacer as necesidades populares, ata que un país se retire da UE" [G. Marinos, membro do buró político do KKE]



Giorgos Marinos, membro do Buró Político do Comité Central, participou no acto político que organizou o sábado 15/12/2012 o Partido Comunista dos Pobos de España baixo a consigna: “Pola saída da UE, do Euro e da OTAN”.

Alén do KKE, no acto participaron o PC de Italia (Comunistas-Esquerda Popular), a Unión de Comunistas Revolucionarios de Francia e o Polo de Refundación Comunista en Francia.

O discurso do camarada G.Mariños foi a seguinte:

Estimados camaradas:

Agradecemos ao Partido Comunista dos Pobos de España e os nosos camaradas dos demais partidos. Apreciamos moito a organización desta reunión e trataremos de contribuír ao debate sobre a UE coas posicións e a experiencia do KKE.

O KKE considera que a Unión Europea é unha alianza interestatal imperialista cuxo criterio son os intereses dos monopolios europeos, do gran capital europeo, o aumento da súa rendibilidade e o reforzo da competitividade mediante o aumento do grao de explotación da clase obreira, a eliminación dos dereitos laborais, o deterioro da vida dos pobos.

É unha unión imperialista interestatal que abre o camiño para a actividade libre do capital a nivel nacional, rexional e internacional. Para a expansión das actividades comerciais dos grandes grupos económicos, para a conquista de novos mercados e de esferas de influencia para saquear os recursos enerxéticos.

Fagan o que fagan os mecanismos de manipulación, non poden ocultar o feito de que a Unión Europea neste momento conta con 30 millóns de parados e outros tantos subempregados, socava o futuro da mocidade, condena á pobreza extrema a máis de 127 millóns de persoas.

A Unión Europea tomou parte nas guerras imperialistas en Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Libia xunto cos EE.UU. e a OTAN e actualmente está xogando un papel principal na intervención e as ameazas contra Siria e Irán utilizando pretextos indecentes mentres que en realidade pretende conquistar novos mercados, asegurar recursos de gas natural e petróleo.

Esta é a Unión Europea, a unión do anticomunismo que pretende calumniar a contribución histórica dos comunistas na loita polo progreso social, que calumnia a contribución decisiva da Unión Soviética á derrota do fascismo na II Guerra Mundial e que pretende de modo historicamente infundado identificar o comunismo, o verdadeiro inimigo do capital e do capitalismo, co fascismo que é produto do sistema e serve o capital.

Os últimos 20 anos ensinaron moito aos pobos. 

En primeiro lugar, a principios da década dos 90 co Tratado de Maastricht puxéronse as bases para a promoción da circulación libre de capitais, de mercadorías, de servizos e de mans de obra; implementanse as coñecidas reestruturacións capitalistas que eliminan os dereitos laborais e de seguridade social e impoñen medidas bárbaras antioreiras. A estratexia de Maastricht, de Lisboa e da “UE 2020” serven de modo planificado ao aumento da competitividade e da rendibilidade dos grupos económicos monopolistas co obxectivo de satisfacer as necesidades contemporáneas do capital que en condicións de crises capitalista intensifica a ofensiva para reducir aínda máis o prezo da forza de traballo, intensificar o grao de explotación da clase obreira. 

En segundo lugar, o obxectivo principal da Política Agrícola Común (PAC) da UE é a concentración da terra e da produción en poucas mans, para ampliar, fortalecer as relacións capitalistas na produción agrícola, para que se formen grandes granxas capitalistas de alta competitividade. Esta política foi desastrosa para moitos campesiños pequenos e medianos. Os cultivos tradicionais foron reducidos, o sector gandeiro foi atacado, Grecia foi inundada por produtos agrícolas importados e o déficit comercial creceu. 

Terceiro, a través do chamado espazo de “Liberdade, Seguridade, Xustiza” se blinda gradualmente a construción da UE, o poder político dos monopolios, o sistema capitalista.

Refórzase a represión e o autoritarismo, criminalízanse as loitas obreiras e populares, adóptanse medidas duras contra os inmigrantes, créase un mecanismo de vixilancia e persecución dos traballadores. 

Cuarto, a “Política Común de Seguridade e Defensa” utilízase como unha ferramenta da UE na intervención política e militar en todo o mundo, polo control e a explotación de novos mercados polos monopolios, pola conquista de novas posicións no antagonismo interimperialista. 

Quinto, a Unión Económica e Monetaria (UEM), que hoxe inclúe a 17 Estados, e a moeda común, o Euro, impulsaron a integración capitalista pero ademais intensificaron as contradicións interimperialistas. O sistema necesita ter estabilidade monetaria o cal foi e segue sendo utilizado para a imposición de medidas antipopulares duras. De feito, malia os pasos que se deron na dirección da integración capitalista, a Unión Europea como unha unión de Estados con diferentes niveis de desenvolvemento, enfróntase a problemas graves debido á desigualdade capitalista e isto foi manifestado intensamente durante a crise capitalista. Os burgueses e os apoloxistas do capitalismo e da UE están preocupados polo futuro da zona euro, polo desenvolvemento das contradicións e dos antagonismos interimperialistas, polo fortalecemento das tendencias centrífugas.

As leis do capitalismo son implacábeis. A agudización da contradición fundamental entre o carácter social da produción e a apropiación capitalista dos seus resultados levou á crise de sobreacumulación de capital e non a unha crise de débeda ou crise do neoliberalismo tal como sosteñen os partidos socialdemócratas e oportunistas.

Hoxe, catro anos despois do comezo da crise, o problema aparece de novo na zona euro que foi golpeada por unha nova recesión en 2012, cunha nova diminución da produción e da economía.

Nestas condicións, o capital necesita unha maior rendibilidade. Este obxectivo sérvese polo chamado “Goberno Económico Europeo”, é dicir o marco das medidas económicas e financeiras antipopulares, que ademais significa unha supervisión por parte de oficiais da UE nos Estados membros e unha transferencia consciente de dereitos soberanos de parte da burguesía e os seus representantes políticos.

Na mesmo dirección móvese o “Mecanismo Europeo de Estabilidade” que foi creado para facer fronte aos casos de creba controlada, como é o caso de Grecia. Ao mesmo tempo está en curso a discusión e o debate sobre dúas opcións antipopulares importantes: a primeira é o “Marco Financeiro Plurianual 2014-2020” para o cal expresanse serias contradicións interimperialistas entre Alemaña e Francia ou entre Alemaña e Gran Bretaña. A segunda é a proposta recente da Comisión Europea sobre a “Profundización da Unión Económica e Monetaria” para a protección da zona euro.

En conclusión, podemos dicir que a agresividade da UE non se limita nunha ou outra política. O asunto básico é que esta unión capitalista foi creada para atender as necesidades do gran capital e en base a este obxectivo elabórase e modernízase a estratexia da alianza depredadora, implementanse as políticas antipopulares respectivas. Por iso respondemos decisivamente aos partidos burgueses e ás forzas oportunistas e deixamos claro aos pobos que a UE como unión interestatal do capital ponse cada vez máis reaccionaria.

Isto destacámolo, revelando o papel do Partido da Esquerda Europea (PIE) que é un partido nado das entrañas da UE e implementa a súa estratexia e rende contas a esta unión imperialista.

O KKE está en conflito constante coa UE; a súa actividade está ligada con moitas mobilizacións obreiras e populares importantes que ao longo do tempo han ir adoptando obxectivos de loita máis e máis radicais.

O punto de lanza destes obxectivos é o desencadeamento de Grecia da UE (así como da OTAN) e a cancelación unilateral da débeda co poder popular e a socialización dos medios concentrados de produción.

Isto é de gran importancia porque o desencadeamento dos organismos imperialistas é asociado ao camiño socialista de desenvolvemento, tomando en conta que só neste camiño un país pode ter un desenvolvemento tendo como criterio a satisfacción das necesidades populares, e tratar de crear relacións de beneficio mutuo con outros Estados e pobos. 

O KKE considera que non se poden resolver os problemas populares, nin se poden satisfacer as necesidades populares ata que un país se retire da UE, da zona euro e do Euro porque seguirá avanzando no camiño de desenvolvemento capitalista, perpetuarase o réxime da explotación do home polo home, permanecerá o dominio do capital, manteranse as condicións previas para a manifestación da crise capitalista e a participación en guerras imperialistas.

Polo tanto, consideramos necesaria a intensificación dos esforzos polo fortalecemento da loita antimonopolista, anticapitalista, e a agrupación de amplas forzas obreiras e populares, a formación dunha alianza popular forte coa clase obreira como forza principal en dirección do derrocamento da barbarie capitalista e o desencadeamento das unións imperialistas.

Decembro de 2012

[Fonte: KKE]
-Fotos: Alba Molina e Carlos Fernández / Traducido por FORXA!-