En defensa dos cadros de persoal de Paradores nacionais.

O PATRIMONIO PÚBLICO PERTENCE AO POBO

Os Comités para a Unidade Obreira (CUO) apoiamos as mobilizacións que os cadros de persoal de Paradores Nacionais están levando a cabo en defensa das súas condicións de traballo e do conxunto do sector, e chamamos a toda a clase traballadora e os sectores populares a respaldar tanto as súas reivindicacións como as folgas que convocaron nas diferentes pontes deste mes de Decembro. En concreto, o 7-8  de Decembro, o 31 de Decembro e o 1 de xaneiro. Estas folgas supoñen unha continuidade respecto ás convocadas no sector os pasados 12 e 13 de Outubro, así como a folga xeral do 14 de novembro.

 
Os CUO denunciamos as condicións laborais abusivas que o actual goberno está tratando de impoñer aos 4.600 traballadores e traballadoras do preto do centenar de Paradores repartidos por todo o Estado. Ante os salarios xa de por si insuficientes que cobran os cadros de persoal, agora o goberno está intentando impoñerlles un convenio colectivo que flexibiliza horarios, quendas e vacacións; que aumenta as xornadas laborais a máis de 10 horas durante varios días á semana, o que reduce as prestacións de baixa por enfermidade. A eliminación da paga extra de nadal, unha restrición nos seus dereitos sindicais, unha rebaixa das actuais garantías en materia de IT, ou recortes relativos á súa xubilación e permisos retribuídos  son outras ameazas que penden sobre os cadros de persoal de Paradores.


Os CUO denunciamos igualmente a vontade por parte da Dirección da Empresa de Paradores Nacionais de aplicar un ERE de extinción ao 14% do cadro de persoal (644 traballadores e traballadoras).


Paradores Nacionais está presidido por Angeles Alarcón, ex muller de Rodrigo Rato, que fora Ministro de Economía, Director Xerente do Fondo Monetario Internacional (FMI) e Director de Bankia, grazas a cuxa xestión está actualmente imputado pola Audiencia Nacional.


Paradores Nacionais constitúe o buque insignia do turismo estatal e entra dentro do lote que o goberno tratará de subastar  nos próximos meses coa fin de poder axudar a facer fronte aos vencimentos da débeda do capitalismo español, que o pobo traballador non xerou, pero cuxas consecuencias estamos sufrindo.


O actual goberno pretende seguir con Paradores Nacionais a súa vaga privatizadora, entregando todos os sectores estratéxicos que aínda son de titularidade estatal ao capital privado, onde a obtención do máximo beneficio sexa o único criterio de xestión. Ao respecto, dende os CUO, denunciamos como a pesar de que o sector do turismo xera o 11,5% de todo o emprego, os recortes orzamentarios nos dous últimos exercicios superan ao 40%.


O obxectivo por parte do goberno é claro: precarizar o sector, baleiralo de investimentos coa fin de xustificar outra venda máis do patrimonio público.


Traballadores e traballadoras: defendede as reivindicacións dos cadros de persoal de Paradores Nacionais; defendede a titulariedade pública dun sector cuxa infraestrutura é de todos e todas.

[Fonte: CUO]
Traducido por CUO-Galiza
 cuogaliza@gmail.com