"É necesaria a loita de clases, pero tamén a batalla en contra da falsa esquerda e os seus partidos oportunistas que seguen tentando explicar as posibilidades de reformar o sistema capitalista" [Marco Rizzo, secretario xeral do CSP-PARTITO COMUNISTA]

Discurso de Marco Rizzo, Secretario Nacional do CSP-PARTIDO COMUNISTA.

Encontro Internacional en Madrid. Contra o Euro, a Unión Europea e a OTAN.
15 de decembro 2012.

Estimados compañeiros,

xunto coa gratitude pola invitación a participar neste evento significativo e importante, tráiolles os saúdos fraternais dos nosos militantes e o noso Partido.

Hai vinte anos, a Unión Soviética deixou de existir, a bandeira vermella coa fouce e o martelo foi arriada do hasta da bandeira do Kremlin, pero as nosas ideas correctas non morreron. Parecía que o capitalismo tiña definitivamente triunfado. Con todo, vinte e un anos logo dese acontecemento triste, o planeta enfróntase a unha crise devastadora cuantitativa e cualitativamente, na que o sistema continuará dando voltas sobre si mesmo sen poder atopar unha saída.

Isto non é un problema temporal remediábel con medidas técnicas, trátase dunha crise estrutural, provinte da sobreprodución e sobreacumulación de capital, cuxas causas non se atopan na esfera financeira e tampouco na aplicación dunha determinada teoría económica (neoliberalismo, keynesianismo ou teoría do decrecimiento); ao contrario, teñen as súas raíces na esencia mesma do modo de produción capitalista, que xa non é capaz de revolver a súa propia contradición fundamental entre o carácter social da produción e a apropiación privada do produto. O consumo de enerxía do mesmo modelo capitalista se se estende a todos os habitantes do planeta nun tempo moi curto produciría un colapso ecolóxico total.
Destruído pola competencia mundial inter-imperialista, o capitalismo xa non é capaz de soportar a tendencia decrecente da taxa de ganancia e reiniciar o ciclo de crecemento de reprodución e acumulación, a menos que non utilice as políticas de compresión dos salarios e a destrución dunha parte da masa do capital que circula no mundo, a redución de capacidade produtiva, os despedimentos e -non o esquezamos- a guerra.

Asistimos deste xeito á redución dos salarios directos, tanto o nominal mediante a negociación cada vez máis individual como dos salarios reais a través da supresión dos mecanismos de adecuación ao índice de prezos. E asistimos á redución dos salarios indirectos, a través dos recortes aos servizos e ao gasto social (nisto Italia atópase nos niveis máis baixos da Unión Europea) e a través da restrición dos salarios diferidos, co alongamento da vida laboral e a diminución das pensións. Isto provoca o descenso do consumo e a diminución dos aforros das familias, que para sobrevivir están obrigadas a gastar o que conseguiron aforrar no pasado. O ISTAT, a axencia de estatísticas italiana, confirma unha redución no consumo dos fogares (-3,3% en total), sobre todo polo que concirne aos alimentos (-14%). Unha situación que non se producía desde a última guerra mundial!

As políticas de austeridade que limitan o gasto publico nos seus compoñentes de gasto social, de seguridade social e de investimento público, debuxadas e impostas pola UE, contribúen a deprimir aínda máis a demanda interna, bloqueando a economía na espiral de débeda-austeridade-caída da demanda-caída do produto interno- máis débeda. O fracaso evidente destas políticas confírmano tanto os datos dos Institutos de Estatística, como, paradoxalmente, o BCE: en Italia, nun ano de goberno de austeridade de Monti, de acordo coas políticas da Unión Europea, a produción industrial caeu do -5.2%, o PIB diminuíu do 2,3%, o cociente de débeda respecto ao PIB pasou do 121,7% ao 126,1%.

Se miramos a situación desde o punto de vista dos traballadores e do pobo, vemos que as medidas de rigor e austeridade levaron o desemprego a máis do 11%, con picos de máis do 30% entre os mozos e o 50% nalgunhas rexións do sur de Italia. Os nominais dos salarios por hora creceron só un 1,4% sobre base anual, mentres que a inflación é do 3,2%: de feito, púxose en marcha unha importante redución dos salarios reais directos e diferidos (pensións), que se engade ao orixinario roubo do 50% dos salarios, perpetrados coa introdución do euro en Italia. O masacre social está baixo os ollos de cada un de nós.

Todo o asunto coroouse por unha redución substancial dos dereitos laborais e de seguridade no lugar de traballo. A incerteza non é só para a xeración máis nova, senón que se estendeu e xeralizou a todos os grupos de idade e de xénero; o ataque aos dereitos dos traballadores agora permite aos empresarios despedir sen causa xustificada, non só por motivos económicos, senón que tamén por motivos de discriminación político-sindical. A falta de medidas de seguridade no lugar de traballo, da cal os sindicatos colaboracionistas permitiron a monetización, confire a Italia a triste distinción en Europa dos falecido por accidentes laborais. O poderoso aparello mediático do Goberno Monti, fillo da oligarquía monopolísta e bancaria, encarnadas pola UE e o BCE, tense xactado de que a reforma do sistema de pensións, que rouba a millóns de xubilados, a reforma do mercado do traballo, que reduce moitísimo as redes de seguridade social e borra os dereitos dos traballadores que quedaban, a política de austeridade, que recorta a saúde, a educación, os servizos, a investigación científica, a cultura, o transporte público; todas estas políticas, unha vez implementadas, deberían ter feito remontar a economía.

O resultado foi sangue e bágoas para a clase obreira, os traballadores, os mozos, os pensionistas; novos agasallos á patronal que aumenta as súas ganancias a través de exencións fiscais adicionais, salarios ao nivel do cuarto mundo, privatización do patrimonio público e dos servizos con prezos de tempos de rebaixas; deterioración xeral da situación macroeconómica.

É esta a verdadeira intención dos ”mercados” e a isto serve a porra do rigor e da austeridade, coa ameaza da prima de risco! Non para restaurar a economía, senón para saquear a riqueza dos pobos, non para mellorar a vida das persoas, senón para explotar aínda máis aos traballadores, saqueándoos ata a miseria!

Este saqueo e roubo en contra dos traballadores, dos pobos e dos países, posto en práctica polo capital monopolista, industrial e financeiro, implica a participación, en maior ou menor medida dependendo dos equilibrios de forzas inter-imperialistas, de todas as burguesías nacionais, tanto dos países economicamente máis fortes como dos países máis febles. Non existen burguesías “boas” ou ”vítimas”: todas explotan a clase obreira! Non hai capitalismo “bo” (o capitalismo produtivo) e un “malo” (o capitalismo financeiro). Existe o capitalismo, simple e sinxelamente, co crime organizado, a mafia e todas as súas actividades delituosas.

A débeda non se debe á crise, é unha consecuencia da mesma… Non son os traballadores, non é a poboación, quen estiveron vivindo encima das súas posibilidades, os que xeraron a débeda pública. A débeda foi xerada polo capital para maximizar os beneficios. É o capital, de feito, quen ten financiado o seu crecemento nos períodos de expansión e compensado a inevitábel caída da taxa de ganancia a través do uso descarado do gasto público, esgotando os recursos do estado (en Italia ao redor do 83% dos ingresos fiscais proveñen do emprego, sen posibilidade de evasión) para cubrir estas adversas conxunturas; estes falsos programas de desenvolvemento, sectorial ou rexional, a través de subvencións sen límite; estas taxas de préstamos a cargo das finanzas públicas; estas exencións tributarias, etc. Esta é a causa principal da débeda, xunto cos inmensos intereses dos bancos e o peso crecente dos organismos represivos do Estado, dos armamentos e das misións de guerra xustificadas polo feito de ser membro da OTAN!

No plano interno, para facer fronte á crise e xestionar estes procesos de reestruturación brutal e inhumana, o capital non pode senón exacerbar os instrumentos represivos do seu dominio, chegando a borrar tambén os dereitos formais da democracia burguesa, reducida agora a un simulacro. Reformas constitucionais autoritarias e leis electorais fraudulentas baleiran as asembleas elixidas de calquera poder real e exclúen destas calquera forma de liderado da loita de clases, a través de sistemas bipartidistas, barreiras, peticións dunha cantidade incríbel de sintauras para a presentación das listas, das cales, con todo, son exceptuados os partidos burgueses presentes xa nas institucións, o que confirma a nosa crenza de canto é va e inconsistente a ficción dun parlamentarismo burgués.

Tamén no exterior, a utilización da forza é cada vez máis marcada. A intensificación da competencia inter-imperialista para o control das materias primas, das fontes de enerxía, da auga, das grandes vías de transporte, xunto coa necesidade antes mencionada de destruír cotas de capital que circulan a nivel global para contrarrestar a caída da taxa de ganancia, arrastran á humanidade cara unha guerra catastrófica de proporcións globais. Estamos sendo testemuñas dunha escalada de agresións contra distintos Estados soberanos, onte contra Libia, hoxe en contra de Siria, mañá en contra de Irán. Estas son as expresións locais dun conflito máis xeral pola hexemonía e o control, nunha perspectiva que ve a acción do imperialismo de Estados Unidos e de Europa.

Un sistema que non é capaz de reiniciar o ciclo de reprodución sen recorrer á máis brutal represión e á guerra, é un sistema acabado. Isto é o capitalismo hoxe en día: un modo de produción moribundo que terminou desde hai moito tempo o seu papel histórico, pero que aínda posúe armas afiadas e perigosas no seu arsenal, das sempre menos eficaces que ocultan as súas responsabilidades na crise ás terribles que poden levarnos á catástrofe da guerra.

O euro, a Unión Europea, a OTAN, son as armas coas que o imperialismo europeo, é dicir, o capital monopolista europeo, trata de impor o seu dominio e a súa política de roubo a pobos e países fóra da Europa, pero tamén no seu interior, como a historia de Grecia, España, Italia, Portugal e Irlanda nos amosa.

Para iso, os comunistas, conscientes do feito de que ningunha solución á crise é posíbel dentro do sistema capitalista e de que a marxe de manobra das políticas do reformismo e as políticas keynesianas esgotaron definitivamente, chaman á clase obreira, os traballadores, as clases populares afectadas pola crise, a organizarse nunha soa e poderosa Fronte, capaz de pór en marcha a mobilización de masas para saír da Unión Europea, o sistema do euro e da OTAN, como un primeiro paso cara á revolución socialista e o establecemento do poder obreiro que o fracaso do capitalismo pon na axenda de hoxe para evitar a barbarie e a guerra.

Para iso é necesaria a loita de clases, pero tamén a batalla en contra da falsa esquerda e os seus partidos oportunistas que seguen intentando explicar as posibilidades de reformar o sistema capitalista e continuar “coqueteando” cos gobernos de centro-esquerda a nivel nacional e rexional. Estes oportunistas non son menos responsábeis que o inimigo de clase xa que quitan e fan ineficaces forzas e enerxías na loita decisiva.

Isto require unha capacidade de coordinación forte e efectiva dos partidos comunistas internacionais coherentemente marxista-leninistas, ata adoptar medidas políticas que sexan visíbeis para as masas populares e grazas ás cales sexa posíbel desenvolver conxuntamente a teoría e a práctica da loita de clases nas condicións actuais, as estratexias e tácticas comúns para a revolución proletaria e a construción do socialismo-comunismo.

Pobos de Europa, erguédevos!

Fóra da Unión Europea e da OTAN! A derrocar a ditadura do capital!

Viva o internacionalismo proletario!

O comunismo é a mocidade do mundo!

Viva o PCPE! Viva os CJC!
[Fonte: Comunisti Sinistra Popolare-PARTITO COMUNISTA]
-Fotos: Mar Vizcaíno e Alba Molina / Traducido por FORXA!-