CUO en apoio da Folga Indefinida en VITRASA.



Os Comités para a Unidade Obreira apoiamos e chamamos a apoiar a Folga Indefinida que manteñen os traballadores/as de VITRASA diante do deterioro das súas condicións de traballo, horarios e calendario vacacional inadmisíbeis e elevada precarización dos contratos, e unhas condicións salariais que en absoluto reflicten os beneficios empresariais nin o aumento do custo da vida.

Dita folga, con importantes repercusións por canto VITRASA constitúe o sistema circulatorio da cidade viguesa e máis concretamente da súa clase traballadora, expresa os intereses do conxunto dos traballadores e traballadoras de Vigo que teremos que pagar un 4,26% máis de prezo do billete sen que este gravame supoña a menor mellora nos salarios dos traballadores do transporte.

Rexeitamos e denunciamos a actitude da dirección, quen incumpre os (abusivos) servizos mínimos mantendo as liñas máis rendíbeis e cancelando por completo algunhas dos arrabaldes.

Chamamos aos traballadores e traballadoras a solidarizarse con esta loita que se encadra na destrución de dereitos da clase obreira e as súas condicións de vida e de traballo en aras de engordar os beneficios empresariais a costa do sacrificio dos traballadores/as e os sectores populares.

Só a unidade e a loita obreira serán quen de facer fronte aos abusos dos patróns e de crear as condicións para iniciar o camiño cara ao derrocamento da ditadura patronal e a construción dunha nova sociedade, dos traballadores e para os traballadores, libre de explotación e ao servizo das necesidades do pobo traballador.
cuogaliza@gmail.com