Carmelo Suárez: “o PCPE vai ter un crecemento importante e un aumento da súa influencia política”.



“Este é un acto que vai máis aló dun acto do PCPE e CJC. É un acto de loita do movemento comunista internacional por recuperar a súa capacidade de liderado político, de coordinación de todas as organizacións revolucionarias e de posicionamento político e ideolóxico na clave que corresponde hoxe ao grao de agudización das contradicións de clase, dentro do proceso da Clase Obreira para a toma do poder”.

Inicio intervención de Carmelo Suárez no Mitin Internacional



O PCPE e os CJC presentábanse ao Mitin Comunista Internacional coa intención de dar un salto cualitativo na súa tarefa de construción dun PC marxista-leninista, e poder asentar así o bo traballo realizado durante os últimos tempos, tanto a nivel interno (coa incorporación de importantes destacamentos comunistas como UP, UJC-m, etc) como a nivel internacional coa creación da Revista Comunista Internacional, a participación destacada nos encontros de Partidos Comunistas e Obreiros ou a presenza en actos importantes doutros Partidos irmáns (como é o caso do KKE).

Tres eran os grandes retos que debían superar neste mitin para poder cualificalo como un éxito: dar unha imaxe solvente como organizadores dun acto importante, mandar á clase obreira unha mensaxe política clara e á vez revolucionaria sobre a saída da crise e mostrarse ante o movemento comunista internacional como un serio referente marxista-leninista no noso país.

A impecábel organización técnica do acto, a enchente impresionante da sala cunha importante presenza da mocidade, o despregue duns discursos claros e contundentes sobre os motivos para saírmos da UE, do Euro e da OTAN por parte de todos os partidos participantes, marcando un posicionamento político e ideolóxico do movemento comunista europeo, o que en palabras de Carmelo Suárez “vén trazar unha liña divisoria entre o campo reformista e o campo revolucionario”, así como a boa imaxe proxectada ao exterior, converten a este Mitin nun punto de inflexión para o movemento comunista e para o propio PCPE, que ofrece unha imaxe de “crecemento importante e un aumento da súa influencia política”, empezando a mostrarse as condicións obxectivas para asumir nun curto/medio prazo a hexemonía comunista no noso país.

Minutos antes do mitin tivemos a oportunidade e o pracer de poder entrevistar ao Secretario Xeral do PCPE, Carmelo Suárez, ao que desde LMO e Pravda quixeramos agradecer a súa colaboración. 

LMO / PRAVDA.- Como valoras este Mitin Comunista Internacional? 

Carmelo Suárez.-  A convocatoria deste mitin ten a singularidade de estar organizado polo PCPE, pero é un mitin no que as outras forzas políticas participantes aparecen tamén como protagonistas do mesmo, isto significa un paso adiante desde o punto de vista do traballo de coordinación do movemento comunista internacional, porque nesta ocasión somos cinco PC´s, que fixamos unha posición política e ideolóxica clara con respecto ao proxecto imperialista da UE.

Este posicionamento vén trazar unha liña divisoria entre o campo reformista e o campo revolucionario. O campo reformista que trata de vender a imaxe dunha Europa social e da posibilidade de transformar o proxecto imperialista da UE nun proxecto de carácter social, da Europa dos pobos e os que dicimos que ese proxecto pola súa natureza é de carácter imperialista e dunha enorme agresividade cara aos pobos, que non é posíbel transformalo e que, polo tanto,  hai que adoptar unha posición de saída dese proxecto imperialista e de todas as súas estruturas económicas, políticas, ideolóxicas e militares.

Así este mitin ten a oportunidade política de fixar esa posición dun xeito claro e rotundo. 

Valorando a importancia da presenza de cinco Partidos Comunistas presentes hoxe aquí, hai algún motivo polo que outros Partidos, por exemplo o PTB, non veñan? 

A liña práctica no movemento comunista europeo, por exemplo de ir concretando elementos da unidade de acción, son elementos que sempre teñen a súa complexidade e que están influenciados pola propia dinámica de cada Partido. Por exemplo o Partido do Traballo de Bélgica (PTB) ten hoxe un ámbito próximo ao Partido Comunista Luxemburgo e de Holanda, fan comunicados conxuntos e teñen unha liña de colaboración permanente.

Cando se suscita esta iniciativa, aparecen unha serie de partidos que en base á súa dinámica, e dun xeito natural, viron ben a súa participación aquí e iso non quita en absoluto que outras organizacións comunistas europeas noutras ocasións poidan tamén ter unha presenza máis ampla. 

En poucas palabras, como lle explicarías a un traballador/a por que debemos  saír da UE? 

Nestes momentos o que hoxe ten que plantexarse calquera traballador é que, se quere defender determinadas políticas económicas e sociais para favorecer o emprego, a protección do sector público, da sanidade ou a educación pública, etc., todo iso está xusto no sentido contrario ao que propón a UE.

A UE propón todo un proceso de privatización de todos os servizos públicos. A UE subordina toda a liña política á hexemonía dos monopolios, e polo tanto á destrución do tecido económico e produtivo do país. Xa que logo, se se quere defender outro modelo de sociedade a UE o impide, traballa na dirección contraria, así que non queda máis remedio que saírse dela. 

Logo dos últimos tombos electorais, cres que o PSOE entrou no mesmo proceso de descomposición que o PASOK grego? 

Seguramente o proceso non vai ser igual porque, incluso o proceso do PASOK en Grecia haberá que ver canto ten de viaxe de ida e de volta. É dicir, que esa Syriza que agora está tan eufórica, poida que mañá vexa como sectores enteiros do PASOK que entraron aí volvan á súa casa.

En España hai que recoñecer que o PSOE ten unha tradición histórica máis arraigada e non será tan fácil que se dea ese proceso de trasvase de votos tan forte como se deu en Grecia e xa que logo será máis complicado que se cumpran as ilusións que poida ter IU de que lle chegue en aluvión todo ese sector. Non será fácil a creación da Syriza española, pero seguramente o que pode pasar nalgún momento é que si se dea un acordo entre o PSOE e IU, como xa se deu en situacións anteriores, e onde en función das aspiracións de participar na xestión do capitalismo, uns e outros entendan que lles convén un acordo. Como están facendo en Andalucía. 

En que situación se atopa o PCPE nestes momentos? 

Estamos nun momento de crecemento, onde a agudización da crise capitalista vén  ratificar as teses do PCPE que adiantamos durante moitos anos. E o que antes tiña menos respaldo social, hoxe é comprendido pola clase obreira e os sectores populares e da mocidade.

Estamos ante un reto importante, necesitamos máis partido do que hoxe temos e por iso estamos nun emprazamento urxente dunha política de cadros, que nos permita ter a militancia do Partido con maior capacidade de intervención nas masas e con maior capacidade de explicar a política do Partido na rúa. Imos dedicar moitos esforzos nos próximos meses a esa tarefa e pensamos que iso pode dar como resultado un salto cualitativo moi importante. Aí está o crecemento importantísimo da mocidade, que logo do seu Congreso vai pasar a unha serie de cadros ao Partido, cadros moi ben preparados e moi capaces. E por iso é polo que estamos nunha fase na que o PCPE vai ter un crecemento importante e un aumento da súa influencia política, o que nos vai a suscitar loxicamente un esforzo extraordinario. Pero é neste momento no que a agudización da loita de clases favorece o desenvolvemento do proxecto revolucionario e a nosa responsabilidade principal é responder ás demandas que neste momento os traballadores teñen. 

Como valoras o papel dos sindicatos maioritarios trala folga xeral? 

As centrais sindicais maioritarias teñen neste momento unha situación moi complicada. Logo de dúas FX contra o goberno que saíron moi ben, cunhas manifestacións tremendamente masivas e nunha situación na que está pechada a vía do pacto social, porque nin tan sequera lles van chamar para sentarse, esas centrais quedáronse realmente sen espazo político no que poideran ter un papel protagonista. Os sindicatos maioritarios van ter moitas dificultades para liderar as loitas que se están dando na Clase Obreira e que se están dando por enriba e, nalgunhas ocasións, aínda malia esas estruturas sindicais.

Neste momento o reto para o movemento obreiro, é que estamos vendo que as loitas se están dando por sectores, é dicir na Sanidade en Madrid, nos transportes noutro lado, os funcionarios por outro, etc. e do que se trata é de que sexamos capaces de intervir nestas loitas para orientalas e coordinalas creando Comités para a Unidade Obreira (CUO), para que deste xeito se supere o fraccionamento sindical.

[Fonte: LMO]