Discurso da Secretaria Xeral do CC do KKE no 14º Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros.


[Beirut 22-25 de novembro de 2012] 

Tema “Fortalecer as loitas contra a agresividade imperialista crecente para satisfacer os dereitos socioeconómicos e democráticos e as aspiracións dos pobos, polo socialismo”


  
Estimados camaradas:

Quixeramos agradecerlles ter acollido o encontro nun país, nunha rexión que sofre desde hai anos, e nos últimos días, xa que a intervención imperialista e a invasión son elementos case permanentes que marcan todos os niveis da barbarie e do autoritarismo. Grecia tamén está nesta rexión e por iso sentimos sempre que é noso deber non só expresar a nosa solidariedade internacionalista senón ademais tomar en conta seriamente os acontecementos que teñen un impacto tamén no noso país, como un país capitalista plenamente asimilado nos obxectivos estratéxicos da UE, da OTAN e dos EE.UU., co acordo voluntario da gran maioría das forzas políticas. Condenamos o acordo estratéxico asinado entre Grecia e Israel, porque sen dúbida non ten nada que ver cos intereses comúns dos pobos senón cos obxectivos estratéxicos antipopulares da burguesía tanto do noso país como do de Israel. Trátase dunha cooperación estratéxica, tanto militar como económica, que ten como obxectivo a participación na loita incondicional e implacábel polos recursos enerxéticos e os recursos da rexión en xeral. Grecia está disposta a contribuír ás intervencións militares de Israel sobre todo se Israel decide atacar a Irán. De feito, realízanse exercicios conxuntos con Israel que inclúen exercicios idénticos ás operacións militares contra Siria ou contra Irán.

Non é casualidade que o goberno grego non tivo nin unha expresión formal de compaixón ao pobo palestino torturado que sofre unha vez máis os bombardeos mentres que, ao mesmo tempo, os demais partidos da oposición basicamente se manteñen en silencio.

Malia que a rexión estivo sufrindo durante moitos anos a intervención imperialista multifacética para o beneficio dos gobernos e os réximes reaccionarios, con todo, a situación que experimentamos nos últimos anos, e hoxe en día, está directamente relacionada co desenvolvemento da profunda e prolongada crise económica capitalista na zona euro que ten un impacto directo a nivel mundial e ata nos centros e as potencias imperialistas establecidas e emerxentes.

A crise que estamos vivindo, que tivo como punto de partida os EE.UU., é a continuación da crise que estalou a finais da década de 1990 nos chamados tigres asiáticos, en Rusia así como en países de América Latina. Ata cando se produciu a recuperación, non logrou a taxa anterior. Non excluímos a posibilidade dunha recuperación anémica que será seguida dunha crise máis profunda sincronizada na UE, os EE.UU. e Xapón.

O sistema capitalista non pode xestionar a crise coa facilidade que o facía antes. Non pode xestionar as consecuencias da pobreza e da indixencia como o facía antes. Por suposto, isto non significa que o sistema colapsará por si mesmo, debido ás súas contradicións, a menos que se forme en cada país un movemento obreiro poderoso, capaz de levar a cabo un asalto xeral, e preparado cando se produce a situación revolucionaria, ou cando esta sexa inminente. O movemento revolucionario non brotará de súpeto; está sendo preparado, está sendo educado, está adquirindo experiencia nas loitas diarias.

O estalido da crise económica capitalista sincronizada e xeralizada puxo de relevo o carácter historicamente anticuado e inhumano do sistema capitalista contemporáneo, a actualidade e a necesidade do socialismo, a necesidade de reagrupamento do movemento comunista internacional.

A cuestión é qué movemento obreiro, qué movemento popular pode avanzar no áspero carreiro cheo de curvas, subidas e baixadas, sen atraparse, sen dexenerarse? A experiencia anterior e recente proporcionounos unha gran cantidade de probas sobre ese perigo. Que movemento obreiro e popular se levantará contra a agresividade imperialista, abrirá unha fronte contra a guerra imperialista e a paz imperialista para que os pobos non derramen o seu sangue polos intereses dos imperialistas?

A liña para o fortalecemento do movemento obreiro, a súa alianza cos sectores populares soamente pode probarse, prepararse e librar batallas diariamente no camiño da loita emancipada, con obxectivos antimonopolistas e antiimperialistas, a nivel nacional e en termos de cooperación internacionalista e acción conxunta.

Hoxe en día, o patriotismo contemporáneo exprésase coa loita polo derrocamento do capitalismo, polo socialismo. Ningún país capitalista, por moi avanzada que sexa a democracia parlamentaria, pode garantir a independencia nacional do seu pobo, o respecto dos dereitos soberanos excepto nun sentido meramente formal e sen contido substancial.

Seguimos de cerca as reflexións, os debates no movemento comunista sobre o imperialismo, a estratexia do movemento, as acusacións que se dirixen contra a política neoliberal de xestión do sistema capitalista. Na nosa opinión, tal como é importante dar pasos e facer un progreso na actividade práctica, no esforzo para reunir amplas masas populares e obreiras, é igualmente importante aclarar cuestións serias da ideoloxía e a teoría que teñen que ver coa estratexia e a táctica do movemento contra o imperialismo.

A política que predomina a nivel mundial non é simplemente unha receita de xestión liberal, como se adoita afirmar. Independentemente de certas diferenzas entre as receitas liberais e socialdemócratas, trátase da estratexia contemporánea a favor dos monopolios que foi elaborada logo da crise de 1971-1973 como unha resposta ao problema da tendencia decrecente da taxa media de ganancia en condicións de antagonismo interimperialista mentres que o desenvolvemento desigual agudízase dado que é inherente ao sistema capitalista internacional.

Un compoñente da política contemporánea a favor dos monopolios é a forza de traballo barata, as reestruturacións reaccionarias, as “liberalizacións”, as privatizacións, a intervención imperialista e a guerra pola redistribución dos mercados.

Esta liña política a favor dos monopolios foi e segue sendo seguida por forzas gobernamentais burguesas liberais e socialdemócratas, así como por gobernos da centroesquerda, nos últimos trinta anos. Iniciou nos EE.UU. e Gran Bretaña e logo estendeuse á UE. No século XX tanto a xestión liberal como a xestión keynesiana non puideron, nin poden, cancelar a crise económica e a guerra imperialista.

Un asunto principal é convencer á maior parte posíbel da clase obreira, do pobo traballador a cerca do verdadeiro carácter da crise, como unha crise de sobreacumulación sobre a base da propiedade capitalista e da explotación clasista; confrontar con argumentos o esforzo sistemático de desinformar e ocultar para encubrir as verdadeiras causas e os factores da crise, as teorías sobre o “capitalismo casino”, a teoría de que a crise se debe exclusivamente ao sistema financeiro, ao “consumo excesivo” así como ao seu contrario, ao “subconsumo”.

O movemento obreiro e os seus aliados non deben quedarse atrapados nas diversas fórmulas de xestión da crise que aparecen hoxe na UE así como a nivel internacional porque non existe unha fórmula de saída da crise a favor do pobo. Todas as fórmulas que foron claramente expresadas, baséanse na forza de traballo barata, afectan a un gran número de sectores pequenos e medianos e apoian as reestruturacións capitalistas.

Hoxe en día hai un debate intenso e existen serios desacordos entre os estados membros da UE, entre sectores da burguesía en cada país, entre os partidos políticos burgueses sobre se unha creba controlada é a solución, sobre se a zona euro debe permanecer intacta, sobre se a UE debe transformarse nunha federación que posibelmente conducirá á expulsión dalgúns Estados, etc.

Ademais, círculos políticos burgueses e empresariais fomentan a teoría de que a saída da zona euro ou ata da UE axudaría a un goberno burgués a liberarse dos compromisos da moeda única, a imprimir o seu propio diñeiro, a atraer inversores que apostan por unha moeda nacional barata, etc.

Esta posición ten un carácter clasista na medida que se promove por sectores da burguesía e especuladores; non ten nada que ver coa posición clasista do KKE sobre o poder obreiro e popular, a retirada da UE, a cancelación unilateral da débeda e a socialización dos monopolios, cooperativas de produción agrícola populares que estean integradas en certo grao na planificación central.

As forzas oportunistas que toman unha posición en contra da receita alemá, promoven a relaxación da política fiscal e a creba controlada, así como a idea de que existe un programa político de transición de loita e poder que pode equilibrar os intereses dos monopolios e do pobo traballador. Tal programa gobernamental que ten resultados favorábeis tanto para os monopolios como para os pobos non existiu en ningún lugar, nin existe hoxe, é dicir no sentido de ser confirmado no ámbito nacional ou nun grupo de países. Non é casualidade que non se menciona nin un país como exemplo da aplicación desta opción.

Estamos nun período en que as contradicións interimperialistas en condicións dunha crise profunda están empuxando a sectores da burguesía, a toda a burguesía dun país ou outro para elixir se permanece nun campo imperialista ou se vai a outro, para decidir á beira de que potencia imperialista lle convén estar. Ademais, nas alianzas imperialistas prodúcense realineamentos o cal é un asunto fluído que na nosa opinión está relacionado coa rexión máis ampla do Mediterráneo Leste e ata África do Norte.

A alineación do movemento obreiro e dos seus aliados cunha ou outra fórmula de xestión, cunha ou outra potencia imperialista significa submisión e alistamento baixo unha bandeira allea. Vexamos como son as cousas na zona euro.

A burguesía alemá e a burguesía francesa enfróntanse a dilemas serios en canto ao futuro da zona euro. Malia as súas contradicións concluíron, como sucedeu no pasado, a un compromiso temporal fráxil que non alivia en absoluto a barbarie das medidas contra os traballadores e das reformas reaccionarias, e ademais non nega as causas da agudización das contradicións interimperialistas.

A tendencia dominante da burguesía alemá suscita como prioridade o fortalecemento do euro, a estabilidade monetaria, e négase a asumir o custo da depreciación do capital nos países altamente endebedados. Unha segunda tendencia que está cobrando forza na UE é a que quere manter intacta a zona euro para que o mercado europeo non se contraia ante o duro antagonismo internacional. Unha terceira tendencia cuestiona a forma actual da zona euro no seu conxunto e dá prioridade a achegarse ao eixo China-Rusia.

Os gobernos burgueses, os partidos liberais e socialdemócratas así como os chamados partidos da esquerda, da renovación, alinéanse detrás das forzas que expresan as contradicións e tratan de asimilar ao movemento obreiro e aos seus aliados nunha ou outra versión de xestión que esquematicamente a unha se caracteriza como restritiva e a outra como expansiva.

Estamos seguros dunha cousa -sen subestimar as dificultades que traen as ilusións e as visións utópicas no fortalecemento do movemento-, que obxectivamente maiores sectores da clase obreira entrarán en conflito coas solucións de xestión burguesa que trata de controlar a extensión da depreciación de capital e a distribución do dano entre os seus diferentes sectores.

Os partidos comunistas, a vangarda radical, non deben perder a independencia de xuízo e acción ante os varios bloques que están de lado dunha ou outra potencia imperialista, cun sector da burguesía en contra doutro, a favor dos estratos intermedios altos.

O carácter anticapitalista, antimonopolista, da loita debe fortalecerse e desde este punto de vista débense tratan os compromisos e a dependencia que sofren os países e os pobos que están integrados nas unións imperialistas como a OTAN e a UE.

O carácter do patriotismo contemporáneo coincide co derrocamento do poder burgués e a propiedade capitalista dos medios de produción, a retirada de toda coalición interestatal capitalista e alianza imperialista.

Polo tanto, a chamada fronte anti-alemá ou a fronte antiamericana, é dicir contra os EE.UU., por si soa non pode expresar ou facer fronte á loita contra o imperialismo, contra as consecuencias da crise. Tampouco debemos pasar por alto que o capitalismo monopolista, é dicir o imperialismo, determina o destino e o curso dos estados que non pertencen organicamente a unións imperialistas. Hoxe en día non existen países que non estean conectados dun xeito ou outro ao sistema global e rexional do imperialismo, é dicir ao mercado capitalista mundial, aos seus mercados rexionais. A vía de desenvolvemento capitalista é a vía que conduce á incorporación máis frouxa ou máis estreita no sistema imperialista e polo tanto a loita antiimperialista é anticapitalista, xa que nos atopamos na fase imperialista do capitalismo.

Os pobos non se volven máis combativos cando se deixan influír por opinións que separan a política imperialista do capitalismo monopolista, cando identifican o imperialismo soamente coas relacións internacionais desiguais, coa intervención imperialista e a guerra, é dicir cando separan as contradicións internas das interimperialistas.

O Partido Comunista debe ter un papel dirixente na organización independente da resistencia obreira e popular en todas as súas formas para que a resistencia se conecte coa loita pola completa derrota da burguesía, doméstica e estranxeira, como un invasor, para conectar na práctica a loita contra a guerra pola toma do poder. Por iniciativa e coa dirixencia do Partido débese formar unha fronte obreira e popular con e nas formas de actividade, baixo o lema: o pobo proporcionará a liberdade e a saída do sistema capitalista, que mentres predomina trae a guerra e a paz cunha pistola na cabeza do pobo.

Hoxe, en Grecia apoiamos a Alianza Popular que expresa os intereses da clase obreira, dos semi-proletarios, dos pobres traballadores autónomos e dos campesiños, así como dos científicos que traballan por conta propia que aínda que teñen maior liberdade que os traballadores asalariados, se converterán cada vez máis en asalariados en grandes empresas capitalistas con baixos ingresos, ou en desempregados ou semi-empregados. Desde este punto de vista rexeitamos todo apoio ás forzas políticas que apoian unha ou outra fórmula de xestión.

Hoxe en día en Grecia lévanse a cabo procesos de reforma do sistema político, xa que o sistema de alternancia bipartidista da ND liberal e do PASOK socialdemócrata non pode funcionar máis, sobre todo debido á desintegración do PASOK. Unha gran parte do aparello do PASOK, de sectores da aristocracia obreira e do sindicalismo pactista, de sectores das capas medias que operaban como satélites dos monopolios, xestionaban unha parte das subvencións da UE, cambiaron de partido, trasladáronse a SYRIZA que se está transformando dun partido oportunista no sucesor da socialdemocracia, gardando algunhas consignas co fin de manter o perfil da renovación da esquerda comunista.

O KKE resistiu a gran presión que foi exercida para tomar parte nun goberno con SYRIZA no seu núcleo, é dicir nun goberno cuxas posicións programáticas terían unha clara dirección de apoio ao desenvolvemento capitalista, con contradicións que determinan de antemán a súa plena asimilación cando se converte en maioría gobernamental. Esta posición trouxo un custo electoral pero non privou o partido da súa capacidade logo das eleccións de mobilizar e organizar ás masas populares. É un legado para o futuro para un movemento que evitará as trampas perigosas e os erros que poden danar os intereses populares e que finalmente o esmagarán por un período de tempo longo e crucial.

O KKE deixou a súa posición clara desde o primeiro momento das mobilizacións nos países de África do Norte así como do inicio do conflito armado en Siria. Calquera que sexa a participación popular, en particular en Exipto e Túnez, sinalou sen dúbida os problemas populares no país, os dereitos dos traballadores, o desexo dun cambio de política. Pero non podemos pechar os ollos ante o feito de que foron provocados ou utilizados polas potencias imperialistas fortes encabezadas polos EE.UU. e os seus antagonistas polo control dos recursos naturais, co fin de cambiar o goberno por forzas que o podían controlar mellor. Dixemos claramente que foi parte do plan que Bush declarara como plan de “democratización” dos países árabes e do mundo árabe. Os acontecementos en Siria teñen as súas raíces nos problemas económicos, sociais e políticos que están experimentando a clase obreira e as demais capas populares. Pero nós opoñémonos a calquera intento dunha intervención imperialista dos EE.UU., a UE, a OTAN, Israel, Turquía, Qatar, Arabia Saudita. puxemos de manifesto ao pobo grego que os EE.UU., a UE e Israel están interesados en desestabilizar e debilitar a correlación de forzas no réxime burgués sirio, porque o seu liderado é un aliado de Palestina e Líbano, oponse ás posicións e aos plans imperialistas dos EE.UU., a OTAN e Israel, hoxe está bombardeando Gaza sen piedade e está ocupando territorios palestinos, libaneses e sirios. O debilitamento, o derrocamento do réxime sirio abre o apetito dos imperialistas para atacar Irán, para proceder a novos desmembramentos de estados na rexión, é dicir un efecto dominou de desestabilización e de derramamento de sangue que traerá novas guerras e intervencións imperialistas.

Consideramos que todos debemos traballar na loita antiimperialista-antimonopolista común polo desencadeamento dos organismos imperialistas, a eliminación das bases militares estranxeiras e dos nucleares, o regreso das forzas militares das misións imperialistas e a integración desta loita na loita polo poder.
[Fonte:KKE]
Traducido por FORXA!