Declaración conxunta de Partidos Comunistas e Obreiros ante o 95 aniversario da Gran Revolución Socialista de Outubro.




O Gran Outubro de 1917 e os posteriores acontecementos históricos avalaron a corrección da teoría marxista-leninista relativa á inevitabilidade do derrocamento revolucionario da ditadura da clase burguesa e o establecemento da ditadura do proletariado, contemplando a súa vitoria na loita de clases contra o capital e a exitosa construción e desenvolvemento do socialismo como primeira fase do comunismo, co obxectivo de lograr erradicar por completo a división da sociedade en clases, a salvagarda da completa prosperidade e o libre desenvolvemento multifacético de todos os membros da sociedade. A loita polas reformas sociais no marco do capitalismo e a loita parlamentaria son formas subordinadas de loita de clases para o establecemento revolucionario da ditadura do proletariado e por si mesmas non levarán a cambios no sistema socio-económico.


A vía ao socialismo, que a Comuna de París foi a primeira en seguir, é unha vía pioneira. A teoría do comunismo científico e a práctica da construción e desenvolvemento do socialismo no século XX demostraron recorrentemente que o poder que se establece trala vitoria da revolución socialista non pode en esencia ser outra cousa que a ditadura do proletariado, da clase obreira. A ditadura do proletariado é a esencia do estado socialista. A súa forma, como a experiencia da construción, desenvolvemento e derrota temporal do socialismo na URSS demostrou, non é a democracia parlamentaria senón a democracia soviética, na que as unidades electorais básicas non son áreas xeográficas senón as fábricas. Isto salvagarda os estreitos lazos do estado coas masas obreiras, a facilidade e a aplicación práctica da revogación polos traballadores dos empregados públicos que non colman as súas expectativas.

O poder obreiro ou socialista, independientemente de como se chamen os órganos de poder, está formado por colectivos de obreiros e non sobre unha base xeográfica e é a forma organizativa da ditadura do proletariado. Como os soviets na URSS, as formas futuras de organización do poder obreiro expresarán a ditadura do proletariado porque a súa formación e o seu traballo se basearán na realidade obxectiva, na organización dos traballadores no proceso de produción social. Estes órganos de poder, que son elixidos polos colectivos obreiros, funcionan como unha rede unificada e garanten o carácter do estado como un estado da clase obreira, o control do mantemento do seu carácter de clase en nome da clase obreira, dos traballadores. A formación de órganos de poder socialista fose dos colectivos obreiros, independientemente do seu nome, resulta en formas temporais e inestábeis como demostra a mesma experiencia da Unión Soviética, que a mediados dos anos 30 procedeu á elección dos órganos sobre unha base xeográfica.

A experiencia da URSS demostrou o papel irremprazábel da vangarda revolucionaria do partido da clase obreira como forza dirixente na construción e o desenvolvemento da nova sociedade. A teoría leninista sobre o partido mantén intacta a súa significancia. A experiencia confirmou a posición leninista de que non pode haber ningún movemento revolucionario sen un partido revolucionario. Tal partido foi o partido bolxevique, o partido de Lenin. Moitos problemas fundamentais e particularmente serios, que ningún país capitalista pode resolver completamente, foron resoltos na URSS baixo a súa dirección. Isto foi confirmado coa experiencia dos partidos irmáns dos países da comunidade socialista. En particular, resolveron o problema do pleno emprego, garantiron a educación gratuíta, a atención médica, a utilización dos logros da ciencia e a cultura. Na URSS a vivenda, as instalacións públicas, o transporte, etc., eran case gratuítos. Non só se satisfacían as necesidades básicas materiais e mentais de todos os membros da sociedade, senón que tamén se crearon as condicións para o desenvolvemento multifacético e o perfeccionamiento da personalidade humana. Ningún país capitalista ofrece tanta seguridade ao pobo como o fixo a Unión Soviética socialista.

Ademais, a experiencia da URSS demostrou convincentemente que a base económica da concreción, fortalecemento e desenvolvemento do poder soviético como forma organizativa da ditadura do proletariado é a propiedade social dos medios de produción, a produción social directa planificada e organizada, a produción de valores de uso co obxectivo de garantir a plena prosperidade e o libre desenvolvemento multifacético de todos os membros da sociedade.

O obxectivo da produción socialista non é incrementar o valor de si mesma, nin o da plusvalía, senón garantir a prosperidade e o desenvolvemento multifacético de todos os membros da sociedade. A renuncia a este obxectivo, a orientación de mercado, leva á disolución do socialismo xa que, segundo os principios, a economía de mercado baseada nas mercancías non pode servir como base económica da ditadura do proletariado. A economía universal baseada nas mercancías é o capitalismo, a base da ditadura da burguesía.

A necesidade da clase obreira dun estado determínase pola necesidade de oprimir aos seus inimigos de clase e organizar as novas relacións de produción. Por esta razón o estado socialista, segundo Lenin, xa é un semi-estado que ten que loitar contra a actitude pequeno-burguesa do resto de forzas e tradicións da sociedade burguesa. O estado obreiro só desaparecerá cando as metas finais dos comunistas se alcancen: coa completa erradicación das clases no curso do desenvolvemento socialista, co desenvolvemento do socialismo en pleno comunismo, coa erradicación da ameaza de agresión polo capitalismo, non desde dentro do país, senón tamén desde fóra.

A mutación política e ideolóxica dos máis altos órganos do partido e do estado levou á revisión do marxismo-leninismo no 20 Congreso do PCUS e logo no 22 Congreso. O PCUS renunciou ao elemento fundamental do marxismo, a ditadura do proletariado, e proclamou o “estado de todo o pobo”, que evolucionou cara ao denominado concepto de socialismo desenvolvido e á política da “perestroika”. A renuncia dos principios básicos do comunismo na teoría e na práctica levou á contrarrevolución e, co apoio do imperialismo internacional, ao derrocamento do socialismo na Unión Soviética, á súa disolución e á restauración do capitalismo nos estados que se formaron no seu territorio.

No entanto, o rumbo da historia pode ser revertido nun ou outro país, pero non pode deterse. O carácter social da produción, que se profunda e fortalece constantemente, está en grave contradición coa apropiación privada capitalista. Como resultado desta contradición, todas as contradicións económicas e políticas do capitalismo estanse agudizando. Por esta razón, os comunistas declaramos solidamente que a revolución non pode deterse. Á contrarrevolución seguiralle a revolución!

A agresividade imperialista está sendo fortalecida pola agudización das contradicións imperialistas polo control dos recursos naturais e as rutas de transporte de enerxía. A burguesía de cada país busca reforzar a súa posición e intensifica o ataque contra a clase obreira e os sectores populares pobres. As súas armas ideolóxicas son as teorías neoliberais e socialdemócratas do pacto social, a colaboración de clases, a paz social e o esgotamento das posibilidades para a realización da revolución. Este arsenal vese complementado polo revisionismo e o oportunismo, que se desenvolveron no movemento comunista internacional.

Pero a humanidade non se pode desenvolver nin facer progresos sobre a base da produción que se basea na propiedade privada. As vidas e o desenvolvemento do pobo non poden restrinxirse pola escala da propiedade ou o desexo dun grupo de xente por ser dominante, por facer dos outros os seus servos. Os comunistas declaramos o seguinte a todo o mundo, en resposta á consigna burguesa sobre a “democracia global”: Só a loita contra o imperialismo na perspectiva da construción do socialismo e o seu pleno desenvolvemento en comunismo, só o rumbo que se iniciou pola Gran Revolución Socialista de Outubro, é o camiño que levará á humanidade á abolición da explotación do home polo home, á satisfacción das necesidades actuais das persoas.

A reorganización do movemento comunista internacional, a saída da actual situación de crise e retirada, a formación dunha estratexia unificada sobre a base do marxismo-leninismo e do internacionalismo proletario, son unha tarefa inmediata, cuxa resolución é unha esixencia das actuais condicións de loita contra a unión global do capital. A loita internacional antiimperialista e contra a guerra é importante para o movemento comunista hoxe. Ao mesmo tempo, unha das tarefas básicas é a loita implacábel contra o oportunismo e o revisionismo en todas as súas formas, que constitúen o principal perigo para o movemento comunista.

As revolucións non teñen límites, non se levan a cabo segundo a vontade dos líderes e os partidos, senón que expresan a tendencia superior de toda clase progresista de que as xentes oprimidas e explotadas se beneficien dos produtos do seu traballo, do desenvolvemento das forzas produtivas da sociedade, a creación de valores intelectuais e materiais para todos.

As grandes ideas e obra do Gran Outubro deben pervivir durante séculos!

Traballadores e xentes explotadas e oprimidas, erguédevos e loitade!

Viva a Revolución Socialista!

Proletarios de todos os países, unídevos!

Asinado polos seguintes partidos:

PC de Acerbaián
PC de Grecia
PC Obreiro Húngaro
Partido Socialista de Letonia
PC de México
PC Obreiro Ruso – Partido Revolucionario dos Comunistas
PC da Unión Soviética
PC dos Pobos de España
PC Sirio
PC de Tayikistán
Unión de Comunistas de Ucraína

[Traducido por FORXA!]