SYRIZA: A ILUSIÓN REFORMISTA.

Por Miguel Urbano Rodrigues.

As eleccións gregas foron tema dunha ofensiva mediática do imperialismo co obxectivo de crear unha realidade virtual deformadora da Historia. Para confundir aos pobos, a situación existente en Grecia foi habilmente utilizada.

Os gobernantes e dirixentes da dereita e os seus ideólogos presentaron a campaña baixo unha falsa perspectiva e intentan agora extraer do voto popular conclusións perigosas que responden aos intereses do gran capital.

Controlados polos engrenaxes do sistema, os grandes medios afirman que os resultados das eleccións do 17 de febreiro expresaron unha clara opción da cidadanía grega pola Unión Europea e o euro.

A primeira mentira é a conclusión de que a gran maioría do electorado votou polos partidos representados no goberno de Samaras, definidos como «democráticos». En realidade houbo unha enorme abstención e dos cidadáns que foron ás urnas pouco máis de 40% se pronunciaron por Nova Democracia e Pasok.

Omítese que o gran capital e o imperialismo exerceron unha presión colosal sobre o pobo grego nas semanas que separaron a primeira da segunda volta das eleccións. Merkel, Hollande, Cameron, Obama, a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o FMI, en patente e esmagadora inxerencia na campaña, pediron o voto para a dereita, con submisión incondicional a todas as esixencias da troika. A alternativa sería o caos, a miseria, a fame. 

De Syriza, os grandes media esbozaron a imaxe dunha «esquerda radical revolucionaria» sen un proxecto críbel. Pero, de modo xeral, trataron con benevolencia ao seu líder, Alexis Tsipras, quen foi tema de titulares, artigos e entrevistas que o presentaron como rostro dunha «nova esquerda». Mentiron sen pudor.
Das garantías que Tsipras deu ao capital cando se desprazou a Berlín e París, afirmando ser partidario do euro, aberto ao diálogo coa Comisión Europea e o FMI,  pouco, case nada, se falou.

Algúns analistas comparárono a Cohn Bendit, subliñando o papel que ese mozo alemán -hoxe un dócil político burgués- cumpriu no Maio do 68 francés. Omitiuse que Synapismos, o partido nuclear de Syriza, naceu dunha disidencia de dereita do KKE e que a súa actividade desde o inicio caracterizouse por compromisos ambiguos coa burguesía e por un anticomunismo transparente. Omitiuse que a coalición de Syriza  é unha amálgama de anti-comunistas, anarquistas, trotskistas e ex-membros do Pasok.

Presentado como paradigma de «unha nova esquerda radical» Syriza é membro do Partido da Esquerda Europea, creado por partidos reformistas para neutralizar as loitas dos traballadores.
Significativamente, xornais, cadeas de TV e radios da Unión Europea coincidiron nas súas criticas ao Partido Comunista de Grecia-KKE, subliñando que o seu rexeitamento a calquera tipo de acordo con Syriza  impediu a formación dunha ampla fronte de esquerda. 

O KKE  afirmou desde o inicio que participaba nas eleccións nun cadro político e social moi desfavorable. Perdeu 14 dos 26 deputados que conseguira semanas antes. O discurso populista, tramposo e demagóxico de Syriza  quitoulle moitos votos de xente progresista que votou por candidatos que prometeron o que sabían que nunca poderían cumprir.

Ese gran revés do KKE nas urnas foi amplamente explotado polos grandes medios que o atribuíron ao «sectarismo» da dirección do partido ao cal algúns chaman «neostalinista».

Tan intensa foi esa ofensiva contra o KKE  que acabou por influenciar negativamente a intelectuais revolucionarios. Cito, por expresivo, o caso do norteamericano James Petras que conquistou prestixio mundial polas súas posicións anti-imperialistas. En Europa filósofos marxistas como o esloveno Zizek apoiaron a Syriza.

Artigos apoloxéticos de Tsipras  foron divulgados por webs progresistas de información alternativa como Rebelión. O mesmo Gara vasco participou do concerto de eloxios a Syriza.

Francisco Louçã, o líder do Bloco de Esquerda de Portugal, imaxe do radicalismo pequeno burgués, definiu a Syriza  como «partido irmán» e foi a Atenas a participar nun mitin dese partido.

Non sorprende que Boavenura Sousa Santos e Mario Soares, anti-comunistas asumidos con máscara socialista, sumáronse aos que presentan a Syriza como esperanza da esquerda, tal como eles a conciben.

O Comité Central do KKE, nunha primeira avaliación dos resultados electorais, non dubida en afirmar que a loita dos traballadores gregos contra as forzas internas e externas do capital será a partir de agora moito máis difícil. O partido comunista pagou un prezo moi alto polo seu sentido de responsabilidade revolucionaria. Foi o único coherente cos principios e valores que defende, que falou a linguaxe da verdade dirixíndose ao seu pobo.

Non ten compromisos co calendario. Tomar o poder non é posible en tempo previsíbel. Non prometeu o asalto ao ceo ao desafiar o imperialismo. Tal como os communards franceses de 1871, é consciente –como afirmou Karl Marx- de que o camiño ao socialismo pasa por batallas e derrotas cuxas leccións achegan aos auténticos revolucionarios a futuras e decisivas vitorias.

Pero non hai que alentar ilusións. O reformismo, baixo moitas máscaras, intenta utilizar o resultado das eleccións gregas como arma para confundir e neutralizar forzas e partidos solidarios coa loita revolucionaria do KKE.

Vila Nova de Gaia, 27 de Xuño de 2012