Reunión de ilusionistas e trileiros para confundir á clase obreira.



Comezar a formar unha alternativa viábel para outra UE” proclamaba o eurodeputado W. Meyer no mitin internacional realizado pola AGE na Coruña coa participación do Front de Gauche francés e a coalición electoral Syriza de Grecia. Palabras que resumen o discurso destas tres forzas electorais proclamando con rotunda claridade que eles só entenden o futuro da Galiza dentro doutra U.E. O mesmo discurso dos seus compañeiros españois de IU e dos seus amigos gregos e franceses.

Un discurso que chama aos traballadores e traballadoras a confiar o seu porvir a un futuro cambio social da UE propiciado polo avance electoral das forzas reformistas que eles representan. Un chamamento oportunista ao que queren arrastrar á clase obreira e aos sectores populares galegos e ao resto de pobos de Europa, e que se sustenta na idealista e imposíbel idea dunha volta atrás cara escenarios dun capitalismo “bo” e en crecemento, capaz de seguir a repartirnos migallas aos traballadores e traballadoras no que denominaron Estado do Benestar.

Unha reivindicación non só imposíbel, senón ademais insolidaria, pois os seus beneficios, os que compartiron connosco durante uns anos mediante a alienante e embrutecedora sociedade de consumo, sempre se fundamentaron na explotación, o saqueo dos pobos, a fame, a miseria e a guerra.

Falan de que dentro da UE e o sistema capitalista é posíbel un modelo de crecemento económico favorábel á maioría social contraposto ao que impoñen os mercados e a Sra. Merkel. Nós, os e as comunistas galegas, dicimos que iso é imposíbel e que saben que menten cando, no seu fracaso para concibir unha sociedade distinta ao Capitalismo, nos prometen un capitalismo distinto e bo. Hoxe, no marco da crise estrutural do sistema, a clase dominante (os monopolios europeos e o bloque de dominación oligárquico burgués que impón a súa ditadura de clase no estado español e a UE), está a facer todo o que necesita para tratar de superar as súas graves dificultades e non deixarán de facelo porque uns ilusionistas como estes señores de AGE pretendan mudar a realidade con falsas promesas.

As súas mentiras evidéncianse coa aplicación dos recortes sociais e laborais polo goberno de coalición PSOE-EU en Andalucía (incluído o departamento de vivenda no que o Sr. Meyer ten enchufada á súa filla como directora xeral), coa acción xenocida de Hollande en Siria tras recibir o soporte entusiasta do Front de Gauche e co proclamado apoio de Syriza ao EURO e á UE.

Desde Comunistas de Galiza, dirixímonos á clase obreira galega, aos campesiños e campesiñas empobrecidos pola PAC, á mocidade obreira e popular que nin atopa traballo nin ten futuro nesta sociedade, ás mulleres que sofren dobremente o capitalismo e o patriarcado, a que non se deixen enganar por estes ilusionistas que tan comodamente viven instalados no sistema. Os trucos de trileiro que practican aínda enganan a un pobo que pensa saír desta situación de paro, pobreza e miseria sen organizarse e loitar, pero as mentiras teñen as patas curtas e non cabe a menor dúbida de que cando o pobo decida organizarse e loitar saberá distinguir con claridade quen lles enganou e quen lles dixo a verdade.

A verdade é revolucionaria e por iso nós dicímoslle ao pobo que a alternativa é só unha: ou eles ou nós, ou Socialismo ou Barbarie.

COMUNISTAS DA GALIZA