A gran participación na folga xeral foi unha resposta significativa ás medidas brutais contra as clases traballadoras.



 O mércores 26 de setembro tivo lugar en Grecia unha folga realmente grande e multitudinaria. Milleiros de traballadores e traballadoras venceron a intimidación e as ameazas dos patróns, as dificultades que traen as medidas bárbaras á vida das familias obreiras e populares, superaron as ilusións e declaráronse en folga. Decenas de millares de traballadores e traballadoras participaron nas manifestacións da PAME que se celebraron en 70 cidades por todo o país.

As manifestacións da PAME tanto en Atenas como en Tesalónica foron multitudinarias e impresionantes debido á súa notábel militancia e á enorme participación popular, algo que ata os peores inimigos da PAME non poden negar. Durante horas, a marcha da PAME estivo pasando pola praza Sintagma. Decenas de miles de traballadores, parados, xubilados, inmigrantes, traballadores autónomos e pequenos comerciantes participaron nas concentracións da PAME en todo o país. Foi particularmente característico o alto nivel de participación da mocidade.


A impresionante concentración do PAME en Atenas foi o resultado do labor dos sindicatos, dos comités de loita nos centros de traballo, dos comités populares, que no período anterior organizaron asembleas, reunións e discusións nos sectores, en varias fábricas, nos centros de traballo e os barrios. É un elemento que demostra o fortalecemento da corrente clasista no movemento obreiro, que apunta o camiño que debemos seguir.

Desde o amencer os piquetes da PAME estaban en varios centros de traballo, derrotaron a intimidación nos centros de traballo-guetos e contribuíron de xeito decisivo á folga. As consignas que dominaban eran: “Non máis sacrificios para a plutocracia. Podemos vivir sen os memorandos e fóra da UE”. Esta folga é unha resposta importante dado que o goberno de coalición de ND-PASOK-DIMAR xunto coa Troika están determinando o novo masacre do pobo no nome do suposto recorte de salvación.

Ao mesmo tempo a UE e o FMI están discutindo sobre quen se beneficiará dun posíbel novo recorte mentres que coinciden en canto a un maior ataque contra o pobo. O novo paquete de medidas garantirá a recuperación capitalista e a futura rendibilidade capitalista. Os capitalistas e a UE están esixindo a abolición plena dos convenios colectivos de traballo. Esixen que o xornal e o soldo se determine de xeito unilateral polos patróns e o goberno. A abolición do salario e do xornal mínimos concirne en xeral aos traballadores no sector privado e no sector público porque leva a unha redución xeral dos soldos e das pensións.

O aumento dun 33% en canto ao número dos selos da seguridade social que se requiren para a xubilación significa que a idade de xubilación non será só aos 67 anos, como se admite oficialmente, senón moito máis, é dicir aos 72 para cumprir coa expectativa da media de vida segundo está previsto no Tratado de Maastricht. A alguén que ten unha casa ou unha tenda se lle van impor impostos sen piedade. Os subsidios redúcense drasticamente igual que os gastos para a saúde levando ao peche ou á fusión de hospitais. Aos impostos vellos veñen engadir novos, cortan a subministración de electricidade aos que non poden pagala. Impón multas, reducen os salarios, as pensións, os subsidios e aumentan os prezos de todos os bens.

Na manifestación da PAME, Giorgos Perros, membro do Secretariado Executivo da PAME dixo no seu discurso que: “Nós non dixemos nunca que íamos cambiar as cousas cunha soa folga. As loitas efectivas, en primeiro lugar, requiren o conflito cos empresarios capitalistas nos sectores básicos. Isto é o que non queren. Isto é os que lles dá medo”.

Loita efectiva significan conflito e ruptura coa Unión Europea. Isto é o que lles dá medo porque non serve aos intereses dos monopolios. Cando estes señores din que os memorandos son unha política ineficaz, están sendo hipócritas e menten. Loita efectiva significa condenar as percepcións nazistas-racistas do Amencer Dourado. A parte dos sindicalistas burócratas coñecidos xurdiu unha nova xeración de burócratas que veñen do mesmo caldo de cultivo de compromiso e subordinación de cara aos grandes intereses pero levan unha nova fachada e teñen novos costumes.

Son os sindicalistas da Intervención Independente que é adxacente a SYRIZA. Logo de descubrir tardiamente a quebra da maioría dos dirixentes de GSEE e ADEDY están levantando a bandeira da loita. Loitas sen ningún custo. Loitas sen sacrificios. Eles consideran a folga como un xornal perdido e afirman que hai que pensar en novas formas de loita fóra das fábricas, os servizos, os centros de traballo, dixo o orador.

Na gran manifestación da PAME participou unha ampla delegación do CC do KKE encabezada pola Secretaria Xeral do CC, Aleka Papariga, quen dixo: “Para ter resultados nas loitas necesítase un novo comezo para aglutinar forzas, intensificación das demandas radicais e formas de loita elevadas. O pobo ten que crer que unha Grecia desvinculada da UE, unha Grecia onde o pobo tome o mando, pode garantir a prosperidade social e evitar o peor. Se o pobo non cre niso o mando terano os partidos no poder, os plutócratas e os distintos administradores que os enganan descaradamente”.

Os incidentes limitados, esaxerados polos medios de comunicación internacionais, tiñan como obxectivo ocultar o tamaño e as demandas das mobilizacións e da folga. O KKE fixo o seguinte comentario: “A gran mobilización da policía para facer fronte a algunhas decenas de encarapuchados, as detencións ata de alumnos lonxe do centro de Atenas desde moi cedo, as persecucións e o xogo de atropelo e fuga ata a praza Omonia, demostran a vontade do goberno e de diversos mecanismos de intimidar ao pobo. Ademais, demostra que prepararon un plan de represión do movemento popular a pesar de que non foi aplicado plenamente hoxe na folga xeral e nas enormes manifestacións da PAME en toda Grecia”.

O día seguinte da folga empezaron a prepararse os seguintes pasos, con disposición combativa para novas mobilizacións en todos os sectores, en todos os centros de traballo, para que non se implementen as novas medidas que levarán o empobrecemento do pobo. O pobo que fortalecer aínda máis as loitas sen medo; non debe aceptar a escravitude contemporánea.


[Fonte: KKE. Ver máis fotos]
Traducido por FORXA!