Sílvia C.S. vén de ser posta en liberdade após
declarar perante o xuíz. A policía española prendeuna esta segunda feira
á última hora do serán, incomunicándoa de inmediato e afastándoa da súa
crianza, un neno de oito meses aínda lactante. No comunicado emitido
polo ministerio de Interior non se lle atribuía acción delitiva ningunha
e nos rexistros domiciliarios practicados só atoparon folletos de
propaganda e unha axenda. A súa parella, Júlio S.S., detido canda ela,
pasará na quinta feira a disposición xudicial após serlle negado o habeas corpus.
En liberdade e sen cargos. É a situación que vén de decretar o xuíz
da Audiencia española Eloy Velasco para Sílvia C.S., a moza
independentista que foi arrestada á ultima hora do serán desta segunda
feira canda a súa parella, Júlio S.S., afastando amb@s @s dúas durante horas da súa crianza,
un neno de oito meses aínda lactante que ficou sen se alimentar desde
que prenderon á nai, ao redor das onde da noite, até que unha familiar
foi avisada para se facer cargo del. As dúas persoas detidas foron
incomunicadas de inmediato en aplicación da lei antiterrorista, ficando
tamén o pequeno sometido a ela.
A posta en liberdade da muller, activista en varios colectivos
sociais e culturais, sobrevén após un comunicado de imprensa feito
público polo ministerio de Interior en que non se lle imputaba á moza
ningunha acción constitutiva de delito. Porén, aínda na información
reproducida agora con motivo da súa liberdade nos medios de comunicación
segue a obviarse a presunción de inocencia e aparece vinculada, citando
fontes do Goberno español, á organización Resistencia Galega.
A outra persoa detida, Júlio C.S., pasará esta quinta feira a
disposición xudicial a pesares de cadrar cun día feriado, após denegaren
para el o habeas corpus --a posta inmediata a disposición
xudicial-- solicitado polo avogado da defensa. O ministerio de Interior
atribúelle responsabilidades no que denominan "aparello de financiación"
de Resistencia Galega.
A información facilitada á prensa desde o Goberno español sinala que
nos rexistros domiciliarios que se practicaron a policía incautouse
unicamente de panfletos propagandísticos, "diverso material informático"
--non se especifica cal-- e unha axenda. Con todo, o documento emitido
polo departamento que dirixe Jorge Fernández Díaz aparece ilustrada con
imaxes de arquivo do material explosivo incautado nunha operación
anterior, de novembro de 2011.
Asembleas informativas e concentracións
O organismo antirrepresivo Ceivar realizou asembleas informativas en
diferentes cidades do país e convoca para esta cuarta feira
concentracións de solidariedade coas persoas detidas. Terán lugar en
Vigo ás 20h, diante do MARCO, e en Compostela ás 20:30h, na praza do Pan
(Cervantes).
[Fonte: Sermos Galiza]