Concentración da Asemblea de Desempregad@s de Ferrol [+comunicado].

O próximo mércores 10 de outubro ás 12.00h a Asemblea de Desempregad@s da CIG de Ferrol ten convocada unha concentración diante do supermercado Maxi-DIA próximo ao Edificio Administratvo da Xunta da Galiza (Rúa Rochel con Españoleto) para amosar o seu rechazo á sentenza condenatoria que o xulgado veu de impoñer a cinco compañeiros e unha compañeira de dita Asemblea, que participaron na acción simbólica do pasado 6 de xuño.

Anímase á participación masiva para amosar o apoio a estes compañeiros e compañeiras ante unha acción castigada de maneira desproporcionada (multa de 835€ fronte aos 25.37€ que estima dito supermercado que foron retirados) e que procura evitar que se xeralice este tipo de actos que só buscan crear consciencia social e mobilización ante a actual situación de miseria á que o sistema capitalista, na súa fase terminal, condena ás familias das clases traballadoras.


Texto da octavilla da Asemblea de Desempregad@s da CIG: 

Co conto da crise cada dia os ricos máis ricos, e @s pobres máis pobres.

A Asemblea de desempregad@s da CIG realizamos esta concentración para manifestar o rechazo à condena imposta a seis compañeir@s do noso colectivo como responsábeis dunha falta de "furto" por participaren nunha acción simbólica que pretendía chamar a atención sobre a dramática situación pola que están atravesar un cada vez maior número de traballadores/as en situación de desemprego, que xa non teñen recurso algún co que poder sobreviver ao esgotar as súas prestacións económicas.


A acción realizada o pasado 6 de xuño ante o establecemento que a multinacional da alimentación DIA ten no centro de Ferrol só tiña un carácter simbólico, pero procuraba desafiar abertamente o pensamento dominante que di que é máis importante o beneficio dunha empresa que a propia supervivencia e benestar das persoas.

Coñecedores deste desafío e conscientes da relevancia da voz de alarma social que conseguimos lanzar, os diferentes axentes implicados na denuncia da nosa acción puxéronse maos à obra para castigala exemplarmente sabedores que dun momento a outro este tipo de accións deixarán de ter ese carácter simbólico e pasarán converterse nunha situación xeneralizada debido às graves dificultades económicas polas que están a pasar moit@s desempregad@s da nosa comarca.

Con esta concentración queremos denunciar publicamente:

- o especial interese da policía española en preparar de maneira pormenorizada todos os detalles da denuncia xulgando de antemao @s nos@s compañeir@s e o sentido da nosa acción, erixíndose desta maneira en fieis defensores da propiedade privada

- ao poder xudicial que admitiu a trámite a denuncia preparada pola policía española e subscrita pola empresa DIA, sentenciándoa de maneira desproporcionada co obxectivo de establecer un castigo exemplar que intente evitar a xeneralización deste tipo de protestas. A multa total imposta @s nos@s compañeir@s ascende a 835€ cando o custo dos produtos de primeira necesidade requisados e devoltos ás estanterías do establecemento foi de apenas 25€

- à multinacional da alimentación DIA por continuar adiante con esta farsa dando a entender que lle importa máis ben pouco as causas que motivaron a realización desta acción promovida por traballadoras e traballadores en desemprego, que non queren ficar parad@s ante preocupante crise económica à que nos conduciu este podre sistema chamado capitalismo. Crise da que precisamente se están a beneficiar, entre outras, empresas como DIA que fan negocio con produtos tan elementares para a subsistencia das persoas. Resulta rechamante que DIA se moleste en reclamar 25.37€ a seis desempregad@s cando o ano pasado experimentou un aumento de beneficios do 150%, que se traducen en 95 millóns de euros que irán engrosar as contas dos propietarios da multinacional filial de Carrefour.

Desde a Asemblea de desempregad@s da CIG temos claro que este tipo de castigo non nos impedirán que continuemos na rúa a mobilizarnos polo emprego e a espertar a necesaria consciencia social de ruptura con este sistema que nos nega dereitos tan elementares como son o traballo ou à propia vida en condicións de dignidade.

Non nos calarán!!

Polo emprego e a dignidade, non ficamos parad@s!!