CIG, CCOO e UGT convocan unha concentración o xoves 18 de outubro en contra da represión da loita sindical.

As centrais sindicais repulsan as torturas sufridas polo compañeiro López Pintos e fan un chamamento a participar na defensa dos dereitos fundamentais.

12-10-05 Concentracion apoio Pintos00As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT veñen de convocar unha concentración o vindeiro xoves, 18 de outubro, en repulsa pola desproporcionada carga policial perpetrada na noite do pasado día 4, e a posterior repr
esión e torturas sufridas polo co-responsábel comarcal da CIG en Ferrol, Xesús A. López Pintos. Coa protesta, que se desenvolverá diante dos edificios da Xunta en Ferrol, as organizacións sindicais tamén queren denunciar o progresivo deterioro e vulneración de dereitos fundamentais “que nos retrotraen a épocas xa moi afastadas da ditadura”.


A continuación, polo seu interese, reproducimos o comunicado conxunto emitido polas tres centrais sindicais:
Xa hai tempo que as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT vimos denunciando e convocando todo tipo de mobilizacións contra as políticas de recortes que están a aplicar os actuais gobernos do PP, tanto central, como Autonómico. Recortes que afectan aos dereitos laborais, ás políticas de emprego, ao mantemento do posto de traballo, aos salarios, ás pensións, a uns servizos públicos de calidade en sanidade, educacións e benestar social, ás políticas de igualdade para a xente máis desfavorecida, á capacidade dos nosos principais sectores produtivos, ás infraestruturas e medios de comunicación na nosa comarca, etc.
Mais, sendo importantísimos todos estes dereitos, hai tamén outros que todos e todas ternos como persoas, como cidadáns e cidadás, que son fundamentais. Estámonos a referir ao dereito á libre expresión e a manifestala publicamente, de xeito individual ou colectivo, sempre que sexa de xeito pacífico, sen poñer en risco a integridade física ou psíquica de quen queira exercelos.
E estamos asistindo a un proceso acelerado de merma destes dereitos, non só a nivel cuantitativo, pois son moitos os episodios de represión policial contra todo tipo de protestas nos últimos tempos, senón desde o punto de vista cualitativo, dado que se está a sobrepasar unha liña vermella que nos retrotrae a épocas xa moi afastadas da ditadura.
Os feitos acontecidos a noite do pasado día 4, coincidindo co comezo da campaña electoral diante do Hotel Almirante, onde os Comités de Empresa de Navantia e Poligal manifestaron o seu rexeitamento a decisións que afectan ao futuro dos seus postos de traballo, son unha clara mostra deste deterioro democrático. Non só pola desproporcionada carga policial contra as persoas que participaron na protesta, e que non tiñan intención de agredir a ninguén (a xente que participaba nese acto do PP saíu sen sufrir ningún percance pola porta principal), senón só de facerlles chegar a súa indignación, senón polo que aconteceu a continuación, ó ensañamento na propia concentración, a detención, incomunicación e os malos tratos e torturas que un representante sindical, neste caso o Coportavoz da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, sufriu na Comisaría de Policía.
Por todo isto, ademais de ternos manifestado publicamente contra estes feitos, e solicitar conxuntamente unha entrevista do delegado do goberno, convocamos unha CONCENTRACIÓN DE PROTESTA o vindeiro xoves, día 18 de outubro, ás 12 horas. diante do edificio da xunta. na Praza de España, e facemos un chamamento á participación, para preservar estes dereitos e esixir unha investigación dos feitos e a depuración das responsabilidades a que houbera lugar, á marxe das actuacións xurídicas que se puideran levar a cabo.
Pola defensa dos dereitos civís!
Ferrol, a 16 de outubro de 2012
Asdo: Por CIG, Manuel Grandal Anca
Por UGT, Cesáreo Fraga García
Por CCOO, Julio Abelleira Souto

[Fonte: Avantar]