As organizacións sindicais pedirán unha reunión co Delegado do Goberno para esclarecer o acontecido en Ferrol.

Os representantes comarcais denuncian as políticas represivas aplicadas polo PP contra quen lexitimamente defende os seus dereitos.

Os responsábeis comarcais de CIG, UGT, CCOO e USTG compareceron en rolda de prensa na tarde deste venres para denunciar publicamente a gravidade dos feitos acontecidos na madrugada do xoves en Ferrol e o trato represivo padecido polo compañeiro Xesús López Pintos. Os representantes das organizacións sindicais entenden que episodios como este amosan ás claras as políticas represivas que está a aplicar o Partido Popular contra aquelas organizacións que se atreven a denunciar e loitar na contra das súas medidas antiobreiras e xa adiantaron que solicitarán unha reunión co Delegado do Goberno para aclarar o acontecido e depurar todas as responsabilidades.

12-10-05 ConcentracionapioPintos007O co-responsábel da CIG de Ferrol, Manel Grandal, denunciou os métodos represivos e con carácter claramente antidemocrático aos que está a recorrer o Partido Popular para acalar aquelas voces críticas coas súas políticas de recortes, e a utilización que fai da policía como brazo executor destas medidas. Así mesmo, lamentou que parte do poder xudicial se preste a este xogo e actúe de maneira cómplice. “Unhas políticas represivas, asegurou, dirixidas contra quen está defendendo o exercicio dos dereitos recollidos na propia Constitución española: o dereito á manifestarse, á liberdade de expresión e a ter un traballo digno, que era o que pedían os compañeiros e compañeiras do naval e Poligal”.

Grandal lembrou que a desproporcionada carga policial e a detención de Pintos ocorreron no marco dunha protesta convocada polo Comité de Navantia (na que están representados CIG, CCOO, UGT e USTG) para denunciar os enganos e incumprimentos do PP co sector e a comarca, aproveitando o acto de inicio de campaña dos populares nun hotel da cidade ferrolá.

A este respecto, aseverou que é o propio Partido Popular quen está infrinxido a lei e non dubidou en acusar a Diego Calvo e a José Manuel Rey de ter provocado un marco propiciatorio para os feitos que viñeron despois. Neste senso, referiuse ao informe elaborado polo director do hotel, no que se recoñece que todas aquelas persoas que estaban no acto electoral e saíron pola porta principal fixérono sen maiores problemas. Agás no caso de Calvo e Rey que, nunha decisión insólita, acordaron abandonar o edificio pola porta da cociña e fortemente escoltados pola policía.

O responsábel sindical quixo denunciar a actitude da policía, xa que unha vez que ambos os dous políticos abandonaran o lugar, os axentes deron a volta e cargaron contra os/as participantes na protesta, “ensañándose dunha maneira brutal e indo directamente a polo compañeiro Pintos, a quen ameazaron con romperlle a cabeza se non se daba a volta mentres o tiñan tirado no chan”.

Grandal relatou como unha vez en comisaría, Pintos foi torturado, humillado, recibiu varias malleiras e ameazas contra a súa persoa e o sindicato ao que representa. Un comportamento que cualificou de absolutamente “ilegal”. Cómpre subliñar que López Pintos estivo incomunicado toda a noite e o avogado só puido falar con el pasadas ás dez da mañá, cando lle tomaron declaración no xulgado.
O desproporcionado da actuación policial chegou a tal punto que mesmo cando tres representantes da CIG se achegaron á comisaría para interesarse pola situación de Pintos, estes foron recibidos con cadanseu golpe e con indicacións de que marchasen para a casa. 

Ante estes inconcibíbeis sucesos, a asesoría da central sindical está redactando xa demanda para que se investiguen os feitos, e dende a CIG pídese a xudicatura que abra unha investigación e depure responsabilidades. Do mesmo xeito, a central sindical pide ás organizacións policiais que fagan as súas indagacións e que descubran aos culpábeis para evitar que este tipo de comportamentos fascista se volva repetir. 

Durante a comparecencia de prensa, Grandal anunciou que as catro organizacións sindicais acordaron solicitar unha entrevista co Delegado do Goberno, Samuel Juárez, para pedir explicacións e para reclamarlle que “tome cartas no asunto, porque todo apunta a que esta actitude se enmarca nunha estratexia deseñada polo PP”, destinada a desacreditar á loita sindical e a impedir as reivindicacións sociais. Neste senso, na rolda apuntouse ás sospeitas que circulan por Pontevedra a respecto de que está no programa do Partido Popular prohibir toda clase de manifestación durante a campaña electoral.

Fronte a isto, os representantes de CIG, UGT, CCOO e USTG xa adiantaron que continuarán adiante coas mobilizacións e a convocatoria da manifestación comarcal en defensa do naval e do futuro de Ferrolterra, prevista para o día 17 de outubro ás 20:00 horas.
 [Fonte: Avantar]