As organizacións sindicais de Ferrol convocan unha manifestación o 17 de outubro polo futuro da comarca e o sector naval.

04-10-12_Protesta naval Orzamentos_0039aOs Comités de Navantia abandonan, tras cumprirse un mes, o peche no Concello ao convocarse a comisión do Dique para o 24 de outubro.

Os comités de Navantia e os delegados/as das industrias auxiliares abandonaban o pasado xoves, e logo de transcorrido un mes do inicio da protesta, o peche no interior do Concello de Ferrol tras confirmarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique Flotante. Non obstante, advertiron que a mobilización continuará na rúa e as organizacións sindicais xa teñen convocada unha gran manifestación comarcal para este mércores 17 de outubro con saída ás 20:00 horas dende o Inferniño.


Coa marcha, convocada pola CIG, CCOO, UGT e USTG, as organizacións sindicais queren denunciar tanto os recortes e medidas contra a maioría social que están a aplicar os gobernos do PP como a situación de abandono na que teñen deixado á comarca e a un dos seus principais sectores industriais: o naval. A maiores, lembran que nos últimos anos unha boa parte das empresas máis grandes teñen pechado, aplicado EREs ou despedimentos, mentres os compromisos con Ferrolterra continúan sendo papel mollado.
A manifestación desenvolverase baixo o lema “Queren afundir a comarca. Impidámolo!”, sairá ás 20:00 horas dende o Inferniño para finalizar na Praza de Armas.


Continúan as protestas no naval.

Pola súa banda, o pasado xoves os membros do Comité de Navantia e as industrias auxiliares que dende o pasado 11 de setembro permanecían pechados no Concello de Ferrol, acordaron abandonar a medida de presión tras concretarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, para o 24 de outubro.
Os  traballadores/as tamén están chamados a secundar este luns día 15 un peche nos estaleiros até as seis e medida da tarde, cando sairán das instalacións para se sumar á mobilización que ten convocada a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos.

[Fonte: Avantar]