A política de alianzas dos comunistas está determinada polo obxectivo de derrocar o réxime de explotación e non de mantelo.



Discurso de Giorgos Marinos, membro do Buró Político do CC do KKE, no peche do Encontro Comunista Europeo celebrado o 1 e 2 de Outubro.
 

A política de alianzas dos comunistas está determinada polo obxectivo de derrocar o réxime de explotación e non de mantelo.

Agradecemos aos Partidos Comunistas que participaron neste Encontro organizado polo KKE, e aos camaradas que contribuíron ao debate e compartiron a súa experiencia da loita de clases nos seus países, contra a ofensiva do capital e das forzas políticas que serven aos seus intereses.

Sabemos que os problemas son complexos, que hai diferentes aproximacións en cuestións moi serias, en asuntos de importancia estratéxica, que o movemento comunista en Europa e en xeral ten grandes dificultades, mais insistiremos. A elaboración dunha estratexia revolucionaria e de tácticas que correspondan a esta é un asunto difícil e á vez inevitábel.

É a ferramenta insubstituíbel que creará unha base sólida para a loita ideolóxica, política e de masas e contribuirá á agrupación e preparación de forzas obreiras e populares no conflito co capital, os seus partidos e as unións imperialistas, para derrocar a barbarie capitalista.


Esta é unha causa dos e das comunistas. É unha causa dos partidos comunistas que se opoñen á erosión oportunista e defenden a loita clasista até o final, que loitan pola perspectiva socialista. Isto serve os intereses da clase obreira e das forzas populares. O réxime de explotación do home polo home xera e agudiza os problemas sociais. Neste terreo non se poden satisfacer as necesidades populares.

A experiencia tanto dos partidos que loitan nos Estados-membros da Unión Europea como nos Estados que non pertencen á alianza de lobos imperialista, leva a unha conclusión: o ataque do capital é forte, unificado e o seu obxectivo é abaratar aínda máis a forza de traballo, abaratar aínda máis á clase obreira, para que os monopolios aumenten as súas ganancias, para descargar o peso da crise capitalista sobre os pobos.

Este obxectivo sérvese consecuentemente polas forzas que xestionan o capitalismo e a súa crise, calquera que sexa a forma de xestión que se segue. Independentemente de se se aplica unha política restritiva que profunda a recesión da economía capitalista ou unha política expansiva que infla o déficit e a débeda.

En todo caso, os pobos son os que pagan as consecuencias a través da redución dos soldos e das pensións, as altas taxas de desemprego, a abolición dos dereitos laborais e de seguridade social, a mercantilización dos servizos sociais, as privatizacións, as duras medidas fiscais.

A miúdo escoitamos que a deterioración da situación da clase obreira, do campesinado, das capas medias urbanas, e o socavamento do futuro da mocidade se deben ao capitalismo "desenfreado", ao neoliberalismo, ao capitalismo casino. Isto é o que afirma o Partido da Esquerda Europea (PEE), SYRIZA en Grecia e as demais forzas que desexan xestionar o sistema.

Isto require atención. Trátase dun esforzo organizado e planificado para enganar aos pobos. Estas caracterizacións tratan de ocultar a esencia, é dicir que o desemprego e a pobreza, os problemas populares en xeral, as crises e as guerras imperialistas se deben ao modo de produción capitalista e non só a unha forma de xestión. O responsábel é o sistema que respira e vive da explotación da clase obreira, da extracción da plusvalía, a procura da ganancia, o antagonismo pola expansión a novos mercados. O responsábel é o sistema que se basea no poder dos monopolios e na propiedade capitalista dos medios de produción.

A verdadeira causa da crise.

O mesmo pode dicirse da crise. O persoal da burguesía e todas as formacións oportunistas, sobre todo o Partido da Esquerda Europea, están a falar dunha "crise financeira", dunha "crise de débeda" e insisten niso a pesar de que a realidade, a profundidade e a duración da crise capitalista  o refuta. Ademais, refútano os acontecementos en Grecia, en Portugal, en Italia, en España e noutros estados na eurozona e na Unión Europea no seu conxunto.

Insisten a pesar de que os feitos sinalan que se trata dunha crise do modo de produción capitalista, unha crise de sobreacumulación de capital que expresa a agudización da contradición principal do sistema. Insisten porque queren esconder que a enfermidade do capitalismo é incurábel. Na crise, e nas crises en xeral, maniféstase a decadencia do sistema, a superación dos seus límites históricos.

Insisten co fin de fomentar aos pobos a ilusión de que o poder, os instrumentos económicos e a riqueza poden estar en mans do capital e que ao mesmo tempo é posíbel seguir unha política en favor dos traballadores e traballadoras. Trátase dunha trampa ben montada, trampa que temos que revelar, confrontar e explicar aberta e decididamente aos pobos.

Mesmo no caso de que o motor capitalista se reiniciase, o crecemento estará marcado pola explotación máis dura, efectuarase sobre as ruínas dos dereitos dos traballadores e do pobo, a rivalidade capitalista intensificarase, o sistema volverase máis agresivo, as posibilidades de concesións do capital reduciranse aínda máis posteriormente.

Nas condicións do desenvolvemento capitalista crearanse as condicións para unha nova crise.

Por tanto é de gran e decisiva importancia a loita das e dos comunistas que teñen a tarefa histórica de fortalecer a loita polo derrocamento do sistema podrecido, para que a clase obreira e o pobo tomen nas súas mans a loita pola construción da nova sociedade, o socialismo, que é máis vixente e necesario que antes. Este poder obreiro e popular expresa os intereses da maioría.

Os medios de produción, a riqueza, converteranse en propiedade de quen os producen, de quen os crean, a economía organizarase de acordo á satisfacción das necesidades populares, desenvolverase dunha forma planificada e será capaz de asegurar o dereito ao traballo para todos e todas, así como servizos sociais gratuítos.

Este camiño de desenvolvemento cancelará as causas das crises capitalistas. O poder obreiro e popular procederá ao desencadeamento das unións imperialistas, da OTAN e da UE; da OTAN das guerras, das intervencións, das ameazas contra os pobos; da UE dos 30 millóns de desempregados e dos 127 millóns que viven debaixo do limiar da pobreza; da UE que foi construída para servir aos intereses do capital e das multinacionais contra os pobos e que se volverá máis reaccionaria.

En canto á cuestión da "ocupación" e as "colonias".

A Unión Europea non é unha organización supranacional senón unha unión imperialista interestatal, é dicir unha unión de estados capitalistas en que a burguesía e os seus partidos unen as súas forzas contra os pobos.

A base dos monopolios segue sendo o Estado burgués. O Estado burgués como aparello de opresión da burguesía sobre a clase obreira non desaparece dentro da unión imperialista senón que axusta as súas funcións. Isto vémolo diariamente. Mantense o conflito de intereses, a rivalidade sobre os novos mercados, por maiores beneficios, agudízanse as contradicións interimperialistas.

Na unión interestatal e dentro do sistema imperialista en xeral, maniféstanse relacións desiguais entre os estados capitalistas debido ás diferenzas que existen no seu punto de partida histórico, no potencial de desenvolvemento, nas vantaxes xeográficas, na forza económica, militar e política.

Este é un elemento básico que reflicte a realidade e responde ás análises equivocadas con respecto á "ocupación", as "colonias", o "centro-periferia" ou "Norte-Sur".

A burguesía é hostil cara aos pobos, independentemente da posición xeográfica, independentemente da posición do estado capitalista no sistema imperialista. Por exemplo, en Alemaña e en Irlanda, en Francia e en Grecia.

A concesión dos dereitos soberanos pola burguesía dentro dunha organización imperialista como é a UE ou a OTAN faise conscientemente e o seu criterio é o interese clasista unificado contra os pobos, para a perpetuación do sistema capitalista, para o funcionamento máis eficaz das unións imperialistas.

Consideramos que estas serias cuestións que determinan a estratexia dos partidos comunistas deben seguir examinándose no curso da nosa loita. Ademais, débese discutir máis o asunto seguinte:

O imperialismo non é soamente unha política agresiva exterior senón a última fase, a fase superior, do capitalismo nos monopolios que predominan en todos os sectores.

É dicir, o imperialismo é un sistema en que participan os estados capitalistas segundo a súa capacidade económica, militar e política. Grecia ten unha posición intermedia neste sistema e desempeña o seu propio papel no cumprimento dos plans imperialistas. Desprega por exemplo forzas e bases militares nas guerras imperialistas da OTAN contra Afganistán, Iraq e Libia. Se non fose utilizada a base militar grega de Suda en Creta, as dificultades para as operacións militares serían serias.

Os problemas que provocou a asimilación nas organizacións imperialistas pódense erradicar se se eliminan as causas que as provocan, se se derroca a organización capitalista da economía e da sociedade, se se resolven os problemas do poder e da propiedade dos medios de produción.

A importancia da loita a nivel nacional.

Tanto na teoría como na práctica demostrouse que a lei do desenvolvemento desigual é unha lei absoluta do capitalismo. O desenvolvemento económico desigual crea condicións diferentes no desenvolvemento da loita de clases, a desigualdade manifestarase tamén na maduración das condicións previas para a revolución socialista.

O desenvolvemento dos acontecementos, unha crise económica e política profunda, unha guerra imperialista poden provocar unha situación revolucionaria e plantexar a cuestión do derrocamento do sistema. Sería mellor que isto non teña lugar só nun país, senón nun grupo de países; isto axudaríanos librar a loita en mellores condicións.

Mais mentres a historia afecta a un ou outro país, non podemos dicir que teñamos que agardar ata que se produza un derrocamento en todos os países en Europa. Esta posición subestima a loita de clases a nivel nacional e ten un impacto moi negativo na preparación dos partidos comunistas, da clase obreira e dos pobos nas duras confrontacións clasistas.

Por suposto é necesario intensificar os nosos esforzos para a coordinación europea e internacional da loita, mais é importante que os partidos comunistas e a clase obreira estean fortes, ben preparados, dar a loita para resolver a contradición capital e traballo. Podemos, por exemplo, fortalecer a loita internacional coordenada e dar pasos no reagrupamento do movemento obreiro a nivel nacional e nesta base dar un impulso á acción da FSM. Trátase dun obxectivo importante, decidímolo ademais nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e hai que facer algún progreso neste sentido.

Desde este punto de vista quixésemos saudar a decisión dos sindicatos de Sudáfrica, os sindicatos de COSATU que no seu congreso recente decidiron unirse á FSM.

En canto á política de alianzas dos Partidos Comunistas.

O KKE loita diariamente por obxectivos de loita que corresponden aos intereses do pobo. Loita polo aumento da tributación do capital e ao mesmo tempo polo aumento dos salarios e das pensións, por servizos sociais gratuítos, pola redución dos impostos sobre as familias populares.

A combinación dos obxectivos de loita é necesaria, pero o básico é en que dirección se libra esta loita. O básico é que a loita por un ou outro problema se incorpore no esforzo pola mellora da organización da clase obreira, polo cambio da correlación de forzas, que se incorpore na loita polo derrocamento do sistema, pola abolición do réxime da explotación do home polo home.

A violación desta liña de loita, a substitución da estratexia por iniciativas actuais sobre un ou outro tema, leva aos partidos comunistas a camiños de xestión do sistema.

Mesmo se se logra o obxectivo do aumento da tributación do capital, non se cancela a tendencia básica que está conectada coa política do estado burgués para o fortalecemento da actividade empresarial, polo aumento da competitividade do capital, o financiamento das empresas polo orzamento estatal.

A loita polo socialismo, non é unha declaración, unha proclamación. É a dirección básica que determina a actividade diaria dos comunistas en todos os campos. Neste sentido, hai que fortalecer a loita de clases e as e os comunistas deben xogar un papel principal para crear bases sólidas nas fábricas, nos centros de traballo, para fortalecer a unidade clasista da clase obreira, para derrotar ás forzas da colaboración clasista no movemento sindical, para derrotar o oportunismo e as políticas de xestión.

Hai que avanzar a alianza social da clase obreira, cos campesiños pequenos e medianos e os sectores pequenoburgueses da cidade, coa participación dos mozos e das mulleres, dos estratos populares, para que se converta realmente nunha forza para o derrocamento do sistema.

A política de alianzas dos comunistas é determinada polo obxectivo de derrocar o réxime de explotación e non mantelo. Todas as forzas políticas non se xulgan pola etiqueta que se poñen, senón pola súa postura en canto á explotación do traballo polo capital, a postura en canto ás unións imperialistas.

O exemplo de SYRIZA en Grecia, do Bloque de Esquerda en Portugal, de Die Linke en Alemaña e doutras formacións é característico. Debe ficar claro que as forzas políticas que defenden o capitalismo e a Unión Europea non poden converterse en forzas consecuentes de resistencia e defensa dos intereses do pobo, aliados dos comunistas, por moitas etiquetas de esquerdas que utilicen.

O partido da "Esquerda Democrática" en Grecia recibiu unha parte dos votos do pobo nas eleccións e na actualidade -como o esquerda gobernante- coopera co partido liberal da ND e co partido socialdemócrata do PASOK, goberna e participa na imposición de medidas duras contra o pobo.

Debemos construír partidos revolucionarios fortes.

Temos o deber histórico de confrontar e superar as nosas debilidades, de contribuír á construción de partidos revolucionarios, con bases sólidas e lazos fortes coa clase obreira, a mocidade e os sectores populares.

Hai que loitar diariamente contra a barbarie capitalista, o capital e os seus partidos, as monstruosidades fascistas que explotan a ansiedade do pobo, como fai o partido nazi do Amencer Dourado en Grecia.

Saudamos calorosamente as loitas dos traballadores e traballadoras, dos parados e as paradas en Portugal, España, Italia, Grecia, pois organizando as nosas forzas contra a represión patronal e estatal que plantexa o carácter clasista e antipopular da democracia parlamentaria burguesa, fortalecemos máis a solidariedade de clase.

Condenamos a intervención imperialista en Siria e as ameazas contra Irán, e isto débese expresar dunha maneira concreta en cada país.

[Fonte: KKE]