O 15-S e a Loita Obreira.

O pasado mes de xullo facíase pública a convocatoria dunha “Marcha a Madrid” o quince de setembro, impulsada principalmente por CCOO e UGT, xunto con outras organizacións e colectivos sindicais, profesionais e sociais[1]. A convocatoria foi lanzada co respaldo de máis de 150 organizacións, e que a 5 de setembro ascendían a máis de cincocentos na comunidade de Madrid[2]. A proposta que pon enriba da mesa esta iniciativa canda a “Marcha” é a de “emprazar ó Goberno a que convoque un Referendo” sobre a súa política social e económica, e en defensa do “Estado do Benestar”.

A resposta agardase masiva, e suma novos apoios continuamente. Non obstante, un sector da sociedade ten visto isto como un retroceso no proceso de mobilización sostida, tralos éxitos relativos da Folga Xeral de marzo e a mobilización do 19 de xullo. Por iso, moitos apoios súmanse dende unha postura “crítica”, apostando decididamente pola necesidade de convocar novamente unha folga xeral. Mais a mensaxe da Folga, xa convocada para o 26 de setembro en Euskal Herria, apoiada cunha xornada de loita pola CGT, e proposta pola CIG a CCOO e UGT en Galiza, semella non ter calado nas cúpulas destes dous últimos sindicatos.

Para comprendermos a función da convocatoria hai que ter en conta que non é presentada polos seus impulsores como unha xornada de loita e confrontación[3], senón que segue estancada no concepto de Pacto Social, culpando ó executivo de Rajoy de rompelo (exculpando ó do PSOE implicitamente) e defendendo o Estado do Benestar resultante da Transición. Así, cando falan de “defender o futuro”, realmente atopamos que as propostas son incluso reaccionarias, ó pretender rescatar un modelo económico e social en vías de extinción, porque perdeu os seus motivos de existencia, xa que, para qué vai negociar a burguesía podendo telo todo para si a golpe de decreto?

A función última de esta convocatoria é a de recuperar unha debilitada imaxe (principalmente ficticia) de confrontación entre os distintos sectores da burguesía: a reaccionaria do PP e a social-liberal do PSOE (e a súa pata esquerda, IU). Preténdese así recuperar a lexitimidade dunha facción para a retroalimentación do sistema e afastar á clase traballadora dos mecanismos de loita que si teñen elementos de confrontación e espírito de loita de clases. Entre as máis de cincocentas organizacións adheridas, non será complicado atopar os vínculos entre moitas delas e o cadro PSOE-IU. Tal é o exemplo de “Xuíces para a democracia”, “Economistas fronte á crise”...

Se lles formulásemos estas críticas, mesmo ós sectores máis “radicais” de dito tándem, xustificaríanse probabelmente dicindo que é unha boa maneira de darlle visibilidade á loita de cara a impulsar unha folga xeral. Termo este (o da visibilidade) tremendamente perigoso, pois adoita utilizarse no senso que lle daban os estudosos dos movementos sociais estadounidenses dos anos 60 e 70, que falaban da necesidade de “visibilizar” ós movementos (de cara ós medios de comunicación burgueses) para facerse sentir fronte os gobernantes, co fin de que estes asuman parte das reivindicacións. De máis está sinalar a concepción plenamente reformista do termo.


OS COMUNISTAS FRONTE Ó 15-S E A NECESIDADE DA FOLGA XERAL

É un feito que duns anos para acó atopámonos nun período de fluxo das loitas obreiras e populares perante os continuos ataques da burguesía. Isto lévanos ós a ás traballadoras a tomar progresivamente conciencia da necesidade da organización e resposta, e conforme evoluciona esta conciencia, evolucionarán tamén as formas de organización e resposta. Con este fin acudiremos os comunistas á xornada convocada para o día 15, para elevar o nivel de conciencia mediante unha mensaxe independente, de clase, explicando a necesidade da convocatoria dunha folga xeral e de manter un proceso de mobilización sostida, ascendente, de acumulación de forzas revolucionarias. Explicando que o único referendo válido para a clase traballadora é o que facemos nós mesmos cando decidimos tomar os medios de produción, demostrando que sen nós non se move unha engrenaxe e os burgueses non son necesarios.

É certo que é preciso darlle visibilidade á loita, pero iso non se consegue mediante simples “marchas” divididas en “mareas” de cores[4] (tan ó gusto de IU), onde non hai nin rastro de reivindicacións de clase no conxunto organizador, que semella ter esquecido mesmo a reforma laboral. A Folga Xeral non pode ter éxito apelando a conceptos interclasistas como a “cidadanía”, (que inclúe a cidadáns tan exemplares como Botín ou Amancio Ortega) sen ter claro cál é o suxeito que obxectivamente pode facer esa folga: os e as traballadoras.

A Folga Xeral faise visíbel previamente axitando nos propios centros de traballo, impulsando as loitas polas demandas concretas en cada centro e uníndoas a unha loita xeral e política, impulsando folgas ou paróns por centro ou sector, convocar asembleas conxuntas nos centros de traballo por riba das siglas sindicais… Moito máis que en ostentosas roldas de prensa ou convocatorias varias destinadas a encher uns minutos do telexornal ou un pé de páxina na prensa escrita.

Como dicía o camarada Lenin: “as folgas só son vitoriosas onde os obreiros posúen xa conciencia dabondo, onde saben elixir o momento para declaralas, onde saben presentar reivindicacións, onde manteñen contacto cos socialistas para recibir octavillas e folletos. Pero obreiros así hai aínda poucos en Rusia, e é preciso dirixir todos os esforzos a aumentar o seu número. A dar a coñecer a causa obreira ás masas obreiras, a facerlles coñecer o socialismo e a loita obreira. Esta é a misión que deben asumir os socialistas e os obreiros conscientes, formando para iso o Partido Obreiro Socialista”[5].

Este e non outro segue sendo, máis de cen anos despois, o camiño correcto cara unha Folga Xeral exitosa.


A RECUPERACIÓN DO SINDICALISMO DE CLASE

Os dereitos que até agora gozábamos e que están a ser continuamente atacados non caeron do ceo. Foron conquistados tras duras xornadas de loita de meses, anos, dunha clase obreira forte e organizada en sindicatos combativos e partidos de clase. Cada anaco de democracia tivo que ser duramente arrincado das gadoupas do capital: dende a fin do traballo infantil, o descanso semanal, a xornada de oito horas, a liberdade de asociación e de prensa, até a sanidade e educación universais e gratuítas. Loitas que moitas veces levaron a sangue de obreiros e obreiras, coma os Mártires de Chicago, en cuxa memoria millóns de bandeiras vermellas érguense en todo o mundo cada 1 de Maio.

Décadas de pacto social tan só levaron á derrota, deixándonos na calamitosa situación na que estamos agora. Polo tanto, faise preciso e mesmo urxente a recuperación dun sindicalismo combativo e de clase, capaz de poñer de novo entre a espada e a parede ó capital.

Para isto é preciso dotar á clase obreira de unidade, por riba das siglas sindicais, dende a base. A división entre o sindicalismo “maioritario” e o “alternativo”, cada un cos cadanseus erros e virtudes, só se superará recuperando a centralidade do centro de traballo como núcleo da unidade e a loita. Para iso, a creación de comités unitarios, que superen a división de siglas sindicais e aglutinen ó proletariado máis combativo, tornase imprescindible para coordinar esforzos e desbordar ás cúpulas sindicais pactistas.

Dende este humildade bolg, facemos un chamamento a todo obreiro e obreira consciente a impulsar estes espazos, superando as diferenzas que nos poidan distanciar dentro da nosa clase, e organizándonos para a defensa dos nosos intereses comúns fronte ós do patrón, rexeitando a paz entre clases antagónicas.



[1]http://www.ccoo.es/comunes/recursos/1/pub71663_Gaceta_Sindical_%28Edicion_especial_n_112%29__Cumbre_Social_para_defender_el_futuro.pdf
[2] http://www.ccoomadrid.es/webmadrid/menu.do?Inicio:378528
[3] http://www.insurgente.org/index.php/economia/item/1558-toxo-dice-que-el-15-s-no-es-para-preparar-una-huelga-general
[4] http://www.publico.es/dinero/442074/varias-mareas-humanas-recorreran-madrid-el-15-s-contra-el-retroceso-social-y-laboral
[5] Lenin, Sobre as Folgas (1898). 
[Fonte: aFouce]