Comunicado de solidariedade ante a vaga represiva.

O colectivo comunista FORXA! quere trasladar a súa solidariedade cos militantes da esquerda independentista detidos recentemente, sen que fosen amparados en ningún momento polo principio da presunción de inocencia, pese ao indiciario da posta en liberdade dun deles ás poucas horas.

Este feito, xunto ao xuízo do militante antifascista Arenas, sen que exista elemento probatorio algún que sosteña a acusación, son exemplos da escalada represiva do goberno reaccionario do PP, enmarcada en toda unha ofensiva contra dos dereitos e liberdades formais da democracia burguesa, da que a brutalidade e inmunidade policiais, a actuación represiva sistemática contra das mobilizacións populares, procesamentos de sindicalistas e militantes políticos, e as campañas mediáticas e mesmo institucionais contra todo aquelo que faga fronte aos plans da oligarquía contra o pobo traballador, son algunhas das súas manifestacións.

Contra estes plans, entre os que se inclúe tamén a limitación dos dereitos fundamentais de folga e xuntanza, a clase obreira e todos os traballadores e traballadoras teñen que promover a máis ampla unidade combativa, non só na defensa dos seus dereitos e intereses inmediatos, senón na aposta por unha alternativa e programa revolucionarios para o derrocamento da monarquía capitalista e polo socialismo.


Colectivo marxista-leninista FORXA!
17/9/2012