Comunicado conxunto da PAME e LAB ante a xornada de folga xeral do 26 de setembro.



 En Grecia e o País Vasco, setembro de 2012

A clase traballadora europea, en Grecia, no País Vasco, e no resto de Pobos de Europa, está sendo a principal vítima da actual crise do sistema capitalista. A crise capitalista profúndase e os gobernos ao servizo do capital transnacional están adoptando medidas cada vez máis salvaxes contra os intereses da clase traballadora e do resto de sectores populares. O obxectivo final dos recortes sociais, dos recortes de Dereitos laborais e sindicais, dos recortes salariais, é lograr unha man de obra barata, sen dereitos de ningún tipo, e desmantelar totalmente o sector público co fin de garantir o máximo beneficio para as empresas privadas, e de ofrecer novas cotas de mercado á iniciativa privada, convertendo ámbitos como a saúde ou a educación en fonte de negocio e lucro privado.

Ante esta situación é evidente que é necesario e vital para a clase traballadora europea e para o resto de sectores populares, mobilizarse e levantarse contra as medidas antisociais e antiobreiras que están adoptando os diferentes gobernos da Unión Europea, ao ditado da troika.

É necesario igualmente impulsar un sindicalismo de clase, que teña na loita o seu maior aceno de identidade, rexeitando de plano o modelo sindical pactista e claudicador que se deu de forma maioritaria en Europa durante os últimos anos, desideoloxizando a amplos sectores da clase traballadora, e que a través do seu discurso sobre o “diálogo social” tentou dar un “rostro humano” ao capitalismo, algo que se demostrou que é imposíbel.


A clase traballadora debemos saír á rúa e loitar polos nosos dereitos. Por iso, PAME e LAB convocamos, xunto con outras organizacións, sendas Folgas Xerais o próximo 26 de setembro en Grecia e no País Vasco, en contra dos recortes antisociais e antiobreiros que se están a aplicar en cada un dos nosos Pobos e no conxunto de Europa. É a clase traballadora a que debe ser dona do seu futuro. Facemos un chamamento ao conxunto da clase traballadora europea e aos sindicatos de clase europeos a que ese día tamén se mobilicen.

Igualmente, facemos un chamamento aos sindicatos de clase europeos a que secunden a xornada de mobilización do 3 de outubro, convocada pola Federación Sindical Mundial (FSM).


[Fonte: PAME]