Breve crónica da concentración contra os recortes do capital e por unha Folga Xeral Europea [Ferrol].‏


O pasado 26 de setembro arredor dun centenar de traballadores e traballadoras participaron nunha concentración convocada pola CNT, o Colectivo Marxista-Leninista FORXA! e a Asemblea 15M, ante as portas do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza en Ferrol, en apoio ás folgas xerais que se estaban a desenvolver en Euskalherria e Grecia ese mesmo día, contra os recortes do capital e a prol dunha Folga Xeral europea.

Varias foron as consignas que se berraron durante o acto, “Contra a crise e o capital, folga xeral”, “Non se xoga coa clase traballadora”, “Desde Grecia a Portugal, FOLGA XERAL”, Contra os recortes, Loita Obreira”...

Rematou o acto con varias intervencións públicas a cargo dos representantes das organizacións convocantes, nos que se fixo especial fincapé na necesidade da unidade de clase para combater as medidas bárbaras que están a adoptar os xestores do capital.
Fica patente o convencemento de que dentro do sistema capitalista non hai saída posíbel á crise que sexa beneficiosa para as clases traballadoras. A única saída posíbel debe ser revolucionaria. Pois, ou o capital sae reforzado, a través dos seus macabros plans antiobreiros e antipopulares, e voltamos ás condicións de vida do século XIX, ou rachamos co sistema capitalista mediante a mobilización sostida e unitaria e a loita revolucionaria. Non existen solucións intermedias.


[Fotos: FORXA!]