O KKE denuncia despedimentos por intimidación e por vinganza na Aceiría Grega.


Hai que fortalecer a solidariedade clasista aínda máis decisivamente.

A Oficina de Prensa do Comité Central do KKE, con respecto aos seis novos despedimentos de traballadores na aceiría pola patronal da Aceiría Grega, sinala no seu comunicado que:

“O KKE denuncia ao pobo os seis novos despedimentos de intimidación e de vinganza dos traballadores militantes por parte do gran capitalista de Manesis, co fin de atacar as súas conviccións clasistas insubmisas. Non é casual que o gran empresario e os seus colaboradores se dirixíran contra os seis traballadores detidos polas forzas de represión durante o asalto violento ás portas da fábrica baixo a orde da fiscalía e do Primeiro Ministro. Un membro da administración do sindicato e dous membros suplentes están entre os seis obreiros que foron despedidos.

A agresividade desenfreada de Manesis, a mostra de odio de parte dos xestores e os matóns contra os traballadores heroicos contan co apoio e respaldo do goberno de coalición de ND, PASOK e DIMAR, do aparello estatal en xeral, das canles de televisión e os xornais que serven á plutocracia. O Ministro de Traballo foi completamente desenmascarado e demostrouse cómplice con respecto aos seis novos despedimentos de intimidación posto que cubrira e alentara as mentiras e as provocacións contra os traballadores na aceiría no nome supostamente da protección do traballo.



O Ministro de Xustiza ten a responsabilidade política e non pode permanecer en silencio mentres os fiscais e os demais xuíces operan abertamente como axentes de Manesis participando no plan de intimidación e represión da loita xusta dos traballadores na aceiría.

Esta é a democracia dos grandes empresarios e dos seus axentes: ameazas, calumnias, intimidación descarada, explotación cruel dos traballadores; isto é o que queren que predomine nas fábricas e nos centros de traballo. Co fin de salvagardar as súas ganancias e a competitividade, están intentando con todos os medios que os traballadores acepten a miseria, o sometemento e a humillación.

O ataque cruel coordinado contra os heroicos traballadores da aceiría debe espertar a ira do pobo e especialmente da clase obreira e da xente progresista. Hai que aumentar máis decisivamente a solidariedade clasista, a agrupación de forzas e o contraataque. A loita dos traballadores na aceiría concerne a toda a clase obreira, é un exemplo e mostra o camiño da loita clasista intransixente pola causa xusta, a honra e a vitoria da clase obreira”.

[Fonte: KKE]