Carta a unha caixeira de Mercadona.


Prezada traballadora da cadea de supermercados Mercadona.

Todos puidemos ver o vídeo no que, ao encontrarte con que un bo número dos xornaleiros do Sindicato Andaluz de Trabajadores intentaban expropiar diversos alimentos básicos do teu supermercado para donalos a un banco de alimentos, intentaches evitalo e recibiches o empurrón de un deles. Como resultado sentícheste humillada e quedaches chorando nun recuncho. Moitos políticos, analistas e medios de comunicación saíron na túa defensa e convertéronse, sorpresivamente e por primeira vez, en defensores dos traballadores, mellor dito, dunha traballadora coma ti. Agora, varios días despois, probabelmente sigas indignada cos que te empurraron e te sintas arroupada e agradecida con estes defensores.

En primeiro lugar quero dicirche que é comprensíbel a túa reacción instintiva de oposición a quen intentaba levar a comida no centro onde traballas, por iso é necesario recorrer á razón para non limitarnos ao instinto. Para empezar, temos que precisar que o teu traballo consiste en cobrar os produtos aos clientes, non custodialos nin impedir a súa sustracción nin apropiación sen pagamento. Cando intentaches evitalo non estabas cumprindo co teu traballo, tomaches posición nun conflito que non era o teu, porque a discusión pola propiedade duns litros de aceite, outros de leite e algunha lata, entre o dono da cadea de supermercados e uns activistas que querían repartilo entre familias sen recursos para comer, era un asunto alleo ás condicións laborais do teu contrato.

Estimada traballadora, non sei se tes oído falar das clases sociais ou da loita de clases. Basicamente consiste en recoñecer que nunha sociedade hai ricos e pobres, e que se atopan en conflito porque a máis riqueza para os ricos, máis pobreza para os pobres. Algo moito máis indignante se son estes pobres os que, co seu traballo, logran que os ricos amasen a súa fortuna. Co teu xesto do outro día, ti tomaches unha posición nesa loita, nese conflito. Cando tiveches que decidir entre os pobres que deben recorrer á caridade do banco de alimentos onde irían destinados os produtos substraídos do supermercado onde traballas e o patrimonio da familia Roig, propietaria da cadea, cun beneficio no ano 2011 de  474 millóns de euros, ti, libremente, te puxeches ao carón dos segundos. Non te quero culpar por isto, insisto en que puido ser unha reacción instintiva que che fixo esquecer que eses produtos que pasan durante corenta horas polas túas mans non son teus, son dunha familia millonaria, ti só traballas cobrando aos clientes. Equivochácheste  á hora de defender os intereses dunha clase social, defendiches os do rico a pesar de que ti es unha traballadora e os teus intereses son opostos aos del: para que el sexa rico ti debes cobrar menos, se ti cobrases máis el sería menos rico. Os teus intereses, aínda que  algúns insistan no contrario, non son os mesmos que os do dono de Mercadona. Non es a única que confunde os intereses da súa clase cos dos ricos, basta observar cantos traballadores votaron ao Partido Popular para que aprobe unha amnistía fiscal aos ricos que defraudan a Facenda ou destine cartos públicos a bancos dirixidos por diretivos que ganan centos de miles de euros e, ao mesmo tempo lles obrigue a eses traballadores a que paguen máis IVA polo material escolar dos seus fillos ou os despida como empregados públicos se son interinos.

En canto aos que te defenderon e te presentaron como vítima duns ladróns de supermercado que non respectan a lei, quero que saibas que só o fixeron para utilizarte contra os da túa propia clase social, nunca eses políticos e xornalistas de Intereconomía ou da COPE se terían preocupado por ti se quedaras sen traballo, nunca lles interesou que unha caixeira cobre un salario digno. É máis, a eses que lles molestou tanto o empurrón que sufriches, nunca dixeron nada cando aos traballadores que pedían que non lles despediran coa nova reforma laboral, que os seus fillos tiveran calefacción no colexio ou que as medicinas seguiran sendo gratuítas para os nosos pensionistas, os policías abríanlles a cabeza cunha porra.

Querida traballadora, o outro día choraches desconsolada despois do empurrón, sen dúbida te sentiches soa. Sentícheste soa porque estiveches defendendo as propiedades dun millonario que gana 474 millóns ao ano, e mentres tanto ese millonario ben podería estar disfrutando das súas vacacións de agosto nun luxoso hotel ou nun iate mentres ti defendías os seus cartos. En cambio, os sindicalistas que tomaban a comida do teu supermercado nunca están sós porque saben cal é a súa clase social, saben de que lado están, axúdanse, e por iso foron a por comida ao teu supermercado que, por certo, non é teu. Na túa man está non volverte sentir soa, non volver chorar por nada parecido. Esas persoas que te empurraron cando te puxeches do lado do empresario son as mesmas que volverán a por comida para ti se mañá es ti a que non ten para comer. Serán eles os que te axuden e non os xornalistas de Intereconomía. Só necesitas recoñecer aos teus, son todas esas persoas que loitan para que ninguén pase fame mentres outros se fan millonarios. Se os volves ver no supermercado onde traballas, lembra que non son teus inimigos, que a comida do supermercado non é túa, que quizais mañá ti non teñas traballo e a necesites, que eles as estarán collendo para ti e que ó dono de Mercadona gana 474 millóns ao ano.

[Artigo do xornalista Pascual Serrano]

- FOTOS: 1ª) tirada de Kaos en la Red; 2ª) do SAT, correspondente á Folga Xeral do 29M -