Campaña dos CUO por outra Folga Xeral.


Baixo o lema “Contra os recortes e a explotación, unidade obreira e Folga Xeral” os CUO lanzan unha campaña estatal pola convocatoria dunha nova Folga Xeral, iniciándose no medio da mesma unha recollida de firmas en empresas de todo o estado español. A Campaña consistirá en diferentes elementos como actos, carteis, pintadas, megafonías, concentracións, faixas, repartición de panfletos, recollida de sinaturas, etc.

Neste enlace podes descargar a folla de recollida de sinaturas por se queres contribuír coa campaña. Tamén copiamos a continuación o texto das octavillas que serán distribuídas:

CONTRA OS RECORTES E A EXPLOTACIÓN, UNIDADE OBREIRA E FOLGA XERAL

O pobo traballador estamos sendo vítimas das consecuencias dunha crise do sistema capitalista, que en ningún caso xeramos.

Os partidos políticos do sistema, dá igual en que administración, están liquidando dereitos de carácter laboral, económico ou social no seu día conquistados grazas ao esforzo e á loita colectiva e consciente da clase obreira. Esta crise está supondo unha dura lección para a clase obreira e os sectores populares, que sofren un grave retroceso nas súas condicións de traballo e de vida.


Así, cae a máscara, o que non é senón unha ditadura do capital, cada vez menos encuberta, e na cal se lexisla ao servizo dunha clase social determinada, -a patronal, e en concreto, a favor do núcleo que se atopa na súa cúspide: a oligarquía, os grandes monopolios (Banco Santander, BBVA, Iberdrola, Gas Natural, Endesa…) que seguen declarando fabulosos beneficios mentres no noso pobo se instala en cada vez máis fogares o desemprego, a miseria, ou ata a fame.

Desde os Comités para a Unidade Obreira (CUO) chamamos a combater con contundencia en cada centro de traballo, en cada barrio, centro de estudos…

Ningún ataque aos dereitos do pobo traballador debe quedar sen resposta, e a resposta máis eficaz constitúea a convocatoria dunha Folga Xeral.

Temos que saír en defensa do sector público e loitar contra o desmantelamento da industria. Sen irmos moi lonxe no tempo nin no espazo, vemos grandes exemplos de unidade e loita da clase obreira, como na fábrica de John Deere en Xetafe, onde logo de 2 meses de loita, tiraron abaixo a reforma laboral. Temos o exemplo dos mineiros que, a pesar da represión e as ameazas, continúan firmemente a súa loita; ou como os traballadores públicos saen á rúa defendendo os seus dereitos laborais, así como todo o público.

Por que esta ferramenta de loita? Por que nesta data?

A Folga Xeral é o reflexo máis evidente da inmensa forza que a clase obreira ten se actúa con unidade. Se nós o decidimos, nin unha engrenaxe da maquinaria capitalista se move. É a demostración máis xenuína de que é a patronal, como clase social parasitaria que se apropia dos froitos do noso traballo, a que nos necesita e non ao revés.

A Folga Xeral non é, xa que logo, un fin en si mesma, senón un medio para situar como prioritarias as reivindicacións da maioría traballadora. Non o que a patronal e o goberno de quenda queiran concedernos, senón o que esiximos, e necesitamos conquistar para vivir con dignidade.

Desde os CUO consideramos que se desaproveitou o nivel de mobilización dos meses de Xuño e Xullo para convocar unha xornada de Folga Xeral en setembro porque a nosa resposta organizada, ademais de contundente, resulta urxente, pois as intencións da oligarquía seguen sendo implementar máis ataques contra a maioría obreira e popular. Nese sentido, saudamos a convocatoria de Folga Xeral convocada o 26 de Setembro nos territorios de País Vasco, Navarra e Galicia, e apostamos porque nesas datas o conxunto das organizacións sindicais se sitúen á altura do momento e a declaración de folga sexa a nivel estatal.

NON MÁIS RECORTES, NON MÁIS CAPITALISMO!
POR OUTRA FOLGA XERAL!

Comités para a Unidade Obreira (CUO)
Coordenación estatal