Aclaración sobre o PREPARA

Falaba un tertuliano de PRISA que a ampliación do PREPARA era unha estupenda medida para paliar as necesidades básicas das persoas desempregadas de longa duración e, así, evitar a tentación de que “rouben” nos supermercados... Nada máis distante da realidade.

A ampliación do PREPARA refírese exclusivamente a ampliación dos prazos para a poder solicitar. Até agora eran as persoas que esgotasen unha prestación (contributiva ou subsidio) antes do 16 de agosto eran quen podían solicitar esta subvención (pois esta é a súa categoría legal). Agora, e a falta da súa aprobación e comprobar os seus detalles, serán quen esgote unha prestación entre o 16 de agosto e seguramente o 15 de decembro de 2012. Quere dicir, a súa duración non se amplía, quen a cobrou xa non a poderá volver cobrar, e quen a estea cobrando verá como finaliza aos 6 meses. É máis, e se continúa igual, aquelas persoas que hai tres anos cobraron o PRODI, tampouco a poderán cobrar.

Precisamente como o PRODI, as declaracións dos dirixentes do Goberno, van polo camiño de que o PREPARA retome aquela outra exixencia do PRODI, que era non superar un límite de rendas da unidade familiar, entrando na unidade familiar o pai e a nai do solicitante cando este vivir con eles (algo que non acontece cos subsidios).

Os ridículos 399 euros non chegarán ás persoas que máis o precisen (precisamente as persoas desempregadas de longa duración que levan tempo sen cobraren ren). Representan unha esmola que, por riba, se cobra con moito atraso. Non son máis que un insulto da oligarquía e un motivo para que o reformismo ensine cinicamente o V da vitoria.

[Fonte: ESTOUTRAS]