Principais cambios nas prestacións por desemprego.

O Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantiren a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, ademais doutras medidas relacionadas co Fondo de Garantía Social, co Sistema de Dependencia, coa fiscalidade ou coas condicións laborais dos empregados públicos, en materia de desemprego ven de dar un novo machadazo aos xa escasos dereitos con que contaban até agora as persoas en desemprego. 

Ímonos centrar exclusivamente nos principais cambios a respecto das prestacións por desemprego, quer contributivas, quer de tipo asistencial. 

Principais modificacións do Real Decreto Lexislativo 1/1994, de 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social:

- Modificación do apartado 2 do artigo 211: A base reguladora da prestación contributiva de desemprego manterase no 70% da base de cotización durante o primeiros 180 días e baixará ao 50% o resto da prestación. Fronte ao 70% e 60%, respectivamente, que se aplicaba até agora.

Poñamos o exemplo do que cobraría de prestación en bruto (habería que restar as deducións á Seguridade Social e ao IRPF) dunha persoa que cotizase 1200 € mensuais nos últimos 6 meses. 


Base Reguladora
Prestación en bruto os 6 primeiros meses
Prestación en bruto a partir do día 181
Antes do Real Decreto-lei 20/2012
40,00
28 €/día
(840 €/mes)
24 €/día
(720 €/mes)
A partir do Real Decreto-lei 20/2012
40,00
28 €/día
(840 €/mes)
20 €/día
(600 €/mes)

- Modificación do apartado 3 do artigo 211: As contías máximas e mínimas estabeleceranse en función da media das horas traballadas nos últimos 180 días, ponderándose esta media en relación cos días en cada emprego a tempo parcial ou completo nese período. 

Até agora, era a porcentaxe do último contrato o que marcaba o conxunto da prestación. É dicir, se unha persoa nos seus últimos seis meses cotizados traballara en distintos contratos (uns parciais e outros completos), era o último o que marcaba os topes mínimos e máximos da prestación. Por exemplo, se tiña un primeiro contrato de x meses a tempo parcial e despois un contrato a tempo completo (independentemente da súa duración), os topes máximo e mínimos eran os totais, xa que o último contrato era a tempo completo. Agora haberá que facer unha media.

- Modificación do apartado 1 do artigo 215: O Subsidio para Maiores de 52 anos, que unha persoa podía cobrar até a súa xubilación, pasa a ser Subsidio para Maiores de 55 anos. Agás a idade, o resto de requisitos non varían.

Esta media garante a miseria para milleiros de persoas, que se verán sen ningún tipo de ingresos até cumprir os 55 anos. Poñamos un exemplo bastante común, unha persoa de 47 anos que traballou toda a súa vida desde ben mozo, e que agora non dá atopado un emprego. Até a aprobación desta lei, e supoñendo que a situación de desemprego se mantivese constante, o seu percorrido normal nas prestación sería este: 2 anos de prestación contributiva; 6 meses de subsidio especial para maiores de 45 anos (agora tamén elminado); 1 mes de espera; no caso de ter cargas familiares, 30 meses de subsidio por esgotamento da prestación. Xa tería os 52 anos e podería pasar ao Subsidio para Maiores de 52 anos até a súa xubilación. Coa modificación que presenta este Real Decreto-lei, esta persoa tería que esperar 3 anos e medio até se poder acoller ao novo Subsidio de Maiores de 55 anos. Aínda que puidese cobrar a RAI (11 meses), esta axuda asistencial non pode cobrarse dúas veces seguidas, tendo que deixar pasar un ano entre que finaliza unha e empeza a segunda, polo que, polo menos, habería 12 meses en que esta persoa non tería ningún ingreso. Máis unha medida encamiñada ao aumento da miseria.

- Modificación do artigo 217. Agás nos casos do subsidios para emigrantes retornados, liberados de prisión e expediente de revisión de invalidez, a contía do subsidio de desemprego será proporcional ás horas traballadas. Até agora se cobraba o 100% do subsidio (426 €) independentemente das horas traballadas no/s contrato/s que xeraran o dereito ao subsidio.

Por exemplo, unha persoa cun contrato parcial do 12% da xornada e de 6 meses de duración, que até agora cobraría 426 €/mes, pasaría a percibir 51,29 €/mes. Vemos canto razón tiña esa representante burguesa cando berraba «Que vos fodan!».

- Derrogación do apartado 1.4 do artigo 215. Elimínase o Subsidio Especial para Maiores de 45 Anos. Este subsidio cobrábase cando unha persoa, con ou sen cargas familiares, esgotaba unha prestación contributiva de 720 días, dous anos. A súa duración era de 6 meses. Após a súa finalización, había que facer un mes de espera e pasar a cobrar o subsidio por esgotamento do paro, dependendo a súa duración dos meses de paro ao que se tivo dereito e se a persoa tiña cargas familiares ou non.

Principais modificacións do Real Decreto 1369/2006, de 24 de novembro, polo que se regula o programa de renda activa de inserción para desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para atoparen emprego (RAI):

- Modificación da letra c) do apartado 1 do artigo 2. Agás para o caso de emigrantes retornados que cotizaron un mínimo de 6 meses no estranxeiro e o caso de persoas vítimas de violencia de xénero ou doméstica, agora o resto de modalidades da RAI (a inmensa maioría; a modalidade de persoas con máis de 45 anos, cun anos de permanencia como demandantes de emprego e sen superar uns límites de rendas, e a modalidade de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, tamén cun ano como demandantes de emprego e que non superen os límites de rendas) requiren que a persoa esgotase unha prestación contributiva ou asistencial (para nos entendermos, o paro ou a axuda).

No caso máis común, o da persoa que leva moitos anos sen traballar, ou que nunca traballou, e que estivo pacientemente selando durante un ano a súa tarxeta de desemprego, agora xa non vai poder cobrar a RAI. A oligarquía precisa eses cartos.

- Modificación da letra c) do apartado 1 do artigo 2. Ao requisito de permanecer un mínimo de 365 días como demandante de emprego (traballando menos de 90 días non se perde esta antigüidade) hai que engadirlle agora a prohibición de saír ao estranxeiro en ningunha circunstancia. Nin buscar traballo, nin estudar, nin visitar a un familiar enfermo. Nin 15 días nin 1 día.
[Tirado de ESTOUTRAS]