Chamamento dos comunistas para a loita organizada.


Declaración e chamado do Partido Comunista de México fronte á imposición dun novo goberno anti-obreiro.

 
Buró Político do Partido Comunista de México
04-07-12

O Partido Comunista de México toma nota de que se consumou o que xa analizara o conxunto da súa militancia na Conferencia Nacional celebrada en abril do presente ano, e o que en varios escritos adiantara. Os plutócratas, os oligarcas, as centrais patronais erixíronse no gran elector ante o cal a vontade popular, o sufraxio masivo, non conta para nada neste país. Non foi a vontade dos mexicanos que concorreron ás urnas, a elección estaba feita desde antes do 1 de xullo pero requirían da farsa para a súa lexitimación.

O Buró Político do PCM estima necesario especificar o contido económico do novo réxime e alertar sobre as medidas bárbaras que se preparan contra a nosa clase e o noso pobo.

Como xa foi anunciado nos seus primeiros discursos, a misión esencial do goberno que foi colocado pola maioría dos grupos monopólicos consiste en aprobar a como dea lugar as chamadas “reformas estruturais”. O mandato do réxime consiste en impor a maior cantidade de sacrificios á clase obreira e aos oprimidos do noso país para ampliar as ganancias dos grandes capitalistas, sen reparar polo momento no efecto que isto poida ter na reprodución do consenso burgués.

Anunciáronse as seguintes medidas bárbaras:

*Reforma laboral

*Reforma fiscal

*Reforma ao Seguro Social

*Reforma enerxética

*Implementación do “Acordo pola Calidade Educativa”

*Lei de seguridade nacional e continuidade do Plan Mérida

Consideramos o noso deber alertar sobre o carácter destas mesmas, exporémolas na nosa prensa, órganos de difusión, actos de axitación e demais actividades políticas entre os obreiros, colonias populares e escolas. Máis tamén nos pronunciamos por outras agresións xa anunciadas.

Aínda sendo candidato, Pena Neto deu a entender de xeito perfectamente claro ante os capitais da industria aeroespacial que o proxecto do Aeroporto de Texcoco sería relanzado, e que os 6 mil millóns de dólares de investimento estarán por encima das condicións, propiedades e vidas dos campesiños aos que pon na mira. Se Pena Neto pensa que os compañeiros da Fronte de Pobos en Defensa da Terra estarán sos ante esa ameaza, equivócase.

A ofensiva é xeral, adquire diferentes formas e inclúe aos gobernos estatais recentemente electos e aos que xa están. Por exemplo, fóra da retórica necesaria para gardar as aparencias,  Manual Velasco Coello, o entrante gobernador de Chiapas,  fala de “agresivos” plans de “reforestación” e de “rescate” dos recursos naturais, que serían xestionados por grupos comuneiros e gandeiros afíns. Calquera lectura permite ver que se fala de escalar as agresións contra as comunidades indíxenas zapatistas. Fronte a isto, ningunha circunstancia ou desenvolvemento previo disuadiranos de expresar que estamos resoltos a mobilizarnos á beira do EZLN, pensamos que son moitísimos máis os que estarán en igual disposición.

É probábel que o flamante asesor Oscar Naranjo teña a idea de exportar ao noso país as medidas terroristas coas que anegou Colombia, como os falsos positivos, a proliferación dos grupos paramilitares, o uso de alianzas con grupos de narcotraficantes para desfacerse de rivais e inhibir a loita popular, o terror mediático contra os opositores, etc. Sabemos que posibelmente esteamos na mira. O Partido Comunista de México avisa aos seus inimigos de clase, igual que aos seus aliados e amigos, que os comunistas deste país nin nos vendemos, nin nos rendemos, nin nos paralizamos. Contamos con profundas conviccións así como un acumulado de experiencias para asegurar a continuidade e a vitoria do noso proxecto político.

O Buró Político do PCM estima necesario agregar á anterior chamada de alerta unha serie de reflexións.

Aínda que hai intelectuais que insisten en culpar ao pobo e aos revolucionarios por este desenlace, pensamos que nesta ocasión será moi difícil proceder dese xeito. É necesario que os intelectuais comprometidos reflexionen en cales son as verdadeiras causas de que non teña participado unha porcentaxe maior de electores. Pensamos que iso ten que ver con que non poderían apoiar entusiastamente un proxecto que fala de favorecer con incentivos aos banqueiros, dun proxecto onde se excluíse o interese das maiorías traballadoras deste país, onde se pretende convencer de que poden conciliarse cos seus opresores.

É necesario que aqueles que sementaron ilusións de que o pobo podería resolver os seus problemas cunha solución tan sinxela como tachar un nome reflexionen en que este é o custo de confiar en que os monopolios lles “darían permiso”, lles “facilitarían” levar adiante os seus proxectos. Debe reflexionarse na seriedade que implicaría aplicar formulas como a de “confiar no pobo”. Ou ben se aposta no respaldo de oligarcas ou ben se aposta no respaldo popular ata as súas últimas consecuencias, non se pode ter ámbalas so pena de sufrir estes desenlaces, quedando como verdadeiros mentecatos nos que non é posíbel ningunha confianza.

Pensamos que sen cambios substanciais que se lles arrinquen aos oligarcas, os partidos políticos rexistrados non expresarán a correlación de forzas que existe no marco da loita de clases no noso país. Representan exclusivamente os intereses dos monopolios e todos subscriben e defenden a continuidade do capitalismo, da explotación do traballo asalariado, da apropiación privada en poucas mans da riqueza socialmente producida, e a única diferenza que entre eles pode existir é sobre a xestión. Perder de vista o anterior significa claudicar ante a tiranía e arrinconar aos loitadores a sementar ilusións cada seis anos.

O contido económico e político do réxime de verdugos que se nos impón vén determinado polo carácter clasista do Estado, vén determinado pola existencia mesma dos grupos monopólicos deste país e as súas necesidades, que son completamente antagónicas con relación ás necesidades e aspiracións populares.

Nin o boicot económico, nin as accións illadas, nin a promoción de falsas ilusións son a saída a esta situación. Os monopolios só poden ser derrotados coa participación de quen procrea plusvalía, de quen procrean as súas ganancias. Para nós queda claro que o peor inimigo do novo réxime o constituirá a clase obreira mobilizada. Os obreiros terán que saír ás rúas a loitar pola defensa de todo o que constitúe o seu benestar, a súa vida e a súa seguridade.

Hai outras organizacións que pensan de xeito similar. Aínda que consideramos que a folga é un arma por excelencia da nosa clase, desexamos que se reflexione en que esta non poderá realizarse con carácter xeral se ninguén trastorna de xeito importante o control que exercen as cúpulas da CTN, da CROM e todas as direccións charras e neo-charras. O traballo da Coordinadora Sindical Unitaria de México segue avante nesta dirección, pero se podemos lograr alianzas que fagan avanzar as posicións de clase neste sentido sería un gran avance.

Ata onde alcancen as nosas forzas non permitiremos que se impoñan as reformas, e faremos todo o que estea ao noso alcance para darlle unha saída organizada a ese inevitábel descontento.

Apropiación dos monopolios polos seus traballadores manuais e intelectuais. Utilización dese poder económico en mans dos traballadores para resolver as necesidades populares. Tal é a saída, tal é a única base sobre a cal se pode construír unha democracia real, un poder popular, o socialismo.

O Buró Político do PCM identifica como a súa responsabilidade dirixir unha mensaxe a todos os loitadores, a todas as organizacións políticas, clasistas e revolucionarias do noso país.

O PCM espera que todos os revolucionarios, as organizacións e loitadores da clase obreira, de extracción campesiña, das clases oprimidas, independentemente de que por unha ou outra razón coloquen as súas esperanzas no actual sistema electoral, estean dispostos a loitar xunto connosco contra os designios do poder dos monopolios. O mesmo con todos aqueles abstencionistas, partidarios da ruptura, anticapitalistas que por diversas razóns teñamos desencontros, esperamos unirnos nunha coordinación de movementos sociais que teña como centro o movemento obreiro clasista. Esperamos que estean dispostos a loitar connosco contra os verdugos do pobo nas fábricas, escolas, centros de traballo, barrios e colonias.

A quen loita contra esta tiranía de xeito disperso chamámolo a que non prive en vostedes a desmobilización, a confusión e a desmoralización. Insistímoslles en que a nosa tarefa constitúe en organizar a clase obreira nos centros de traballo e nas rúas.
Chamámolos a que asuman esa tarefa, fan falta moitos máis revolucionarios disciplinados que desafíen todo para logralo, fan falta máis plumas, máis brazos, máis organizadores e axitadores. Fai falta máis organización. Fai falta loitar non dentro de seis anos, senón desde agora.

Ás organizacións e forzas revolucionarias, clasistas e populares chamámolas a unha alianza. Chamámolas a construír frontes contra as reformas, contra a desvalorización do traballo, contra as agresións bárbaras, contra as guerras imperialistas.

O PCM pola súa banda levanta a súa plataforma de loita para o período, atendendo as necesidades inmediatas do pobo traballador, unha plataforma contra a crise. Estas son algunhas das medidas que enarboraremos:

* Descoñecemento de todas as débedas que se contraeron para subsistir ou realizar traballo. Falamos aquí da renda, da hipoteca, das débedas coas empresas usureiras como COPPEL, ELEKTRA, FAMSA, todas as financeiras e casas de préstamos, etc.

* Garantir o abastecemento de alimento a toda a poboación. Isto significa tomar o control sobre os grandes centros comerciais, adegas, almacéns, empresas transportistas, procesadoras, produtoras de alimento, grandes concentracións de terra; é dicir os monopolios que lucran co fame.

* Ruptura unilateral de todos os tratados económicos e de calquera outra índole lesivos para o pobo de México. Desenvolver con isto todo o potencial produtivo do noso país.

* Creación inmediata de empregos permanentes nos sectores de produción e no sector social onde hai un gran baleiro, por exemplo educación e saúde.

* Redución inmediata da xornada laboral a 36 horas por semana.

* Seguro de desemprego decente para todos os desempregados. Xubilacións e pensións aseguradas para a clase obreira.

* Reapropiación da terra polos pobos Indíxenas, campesiños pobres e xornaleiros sen terra. Entrega ás colectividades que traballen a terra dos apeiros, maquinaria agrícola, abonos e todos os insumos necesarios existentes no territorio nacional.

* Recoñecemento dos acordos de San Andrés Larraínzar.

* Acceso gratuíto a todos os servizos de saúde para o pobo mexicano. Isto significa tomar o control das franquías de farmacias, as grandes farmacéuticas, hospitais privados, grandes fábricas de instrumental médico.

* Oposición a calquera intento de desvalorización da forza de traballo, é dicir calquera intento por directa ou indirectamente reducir os salarios, recortar as prestacións, anular os dereitos e conquistas, etc.

A única forma realista de conseguir o seu cumprimento é detendo as agresións bárbaras e os sacrificios contra a nosa clase e o noso pobo, é dicir lesionar os intereses dos monopolios. O PCM dille aos traballadores e aos explotados que non están de acordo co socialismo, que debemos loitar xuntos por esta plataforma, que debemos mobilizarnos para cumprila. A vitoria final non se logrará sen batallas vitoriosas.

Para rematar, fronte ás ameazas que se debuxan en boca dos nosos inimigos, chamamos a que ninguén quede só. Sabemos que vostedes tampouco se venderán, tampouco se renderán, e tampouco se paralizarán.

Proletarios de todos os países, Unídevos!

Buró Político do Partido Comunista de México.

[Tirado de "EL COMUNISTA", traducido ao galego por FORXA!]