Concentración en solidariedade con dous sindicalistas xulgados en Ferrol

A folga xeral do pasado 29 de marzo foi secundada masivamente, alén de polos principais centros produtivos, polo pequeno comercio da comarca de Ferrol, cun peche sen precedentes.
Pola contra, o Hipermercado Alcampo desmarcouse do apoio á clase obreira que loita xunto co resto dos sectores populares contra os recortes e medidas que nos están a impor a oligarquía e os monopolios, e decidíu non secundar a folga, nin permitir que os seus traballadores e traballadoras exerceran este dereito.
O propio piquete informativo que estivo practicamente durante toda a xornada ante as portas deste establecemento, fortemente custodiado polos antidisturbios (como vén sendo habitual), decidíu preparar unha campaña informativa de sensibilización, a nivel comarcal, para os días posteriores.
Foi nesa primeira convocatoria unitaria de CCOO, CIG, UGT e USTG, do pasado 19 de abril, na que participaron un bo número de traballadores e traballadoras da comarca, onde a policía identificou, de xeito totalmente aleatorio, a dous compañeiros da CIG que posteriormente recibiron unha citación xudicial.
Estes dous compañeiros,  que son o co-portavoz comarcal da CIG-Ferrol e un membro do Consello Federal do Metal (tamén militante de FORXA!), teñen o xuízo este xoves 14 de xuño, ás 11:20 horas.
Ese mesmo día, está convocada unha concentración de solidariedade con estes dous compañeiros, e contra a persecución sindical, ás 10:45 horas, nas portas dos Xulgados de Ferrol.