Celebrado en Toledo o XII encontro estatal de Solidariedade con Cuba

Varias organizacións de solidariedade con Cuba celebraron un Encontro en Toledo, no Castelo de San Servando, os días 22, 23 e 24 de xuño, no que cabe destacar a presencia de Mirtha, nai de Antonio Guerrero, un dos 5 Cubanos presos en EEUU. Kenia Serrano, presidenta de ICAP, deu comezo o Encontro. Acompañaban a esta, Alberto Betancour Roa, vicepresidente da Asociación Nacional de Economía e Contadores da Illa, que se encargou da ponencia sobre a actualidade económica; Luís Morloto, membro da Asemblea Nacional e presidente da Asociación Hermanos Saíz, organización artística; Olmedo Pérez, presidente de ICAP en Europa, e Alberto González, do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Destacabamos a presencia neste evento de Mirta Rodríguez, nai de Antonio Guerrero, un dos cinco antiterroristas cubanos presos do Imperio dende hai xa 14 anos, xunto con Xerardo Hernández, Fernando González, Ramón Labañino e René González. Mirta, que cando empezou todo este proceso tiña 66 anos e xa fixo, precisamente estes días en Toledo, os 80, segue, incansábel, a súa loita, consciente de que, pola súa avanzada idade, o tempo non xoga ao seu favor. Solicitou un maior apoio internacional a esta causa, dando a coñecer as continuas irregularidades que, dende o principio, rexiron este procedemento sumarial. O único que os Cinco intentaban coa recollida de información, era previr accións violentas contra a Illa, aclarou Mirta Rodríguez, nunca atentar contra o goberno de Estados Unidos. Insiste tamén en que a batalla mundial será a que poida facer que todo este pesadelo remate canto antes.

As transformacións económicas que se están dando na Illa foron tamén obxecto de debate. Fíxose fincapé en que a intención destas é garantir a continuidade do socialismo ao mesmo tempo que ofrecer un nivel de vida máis elevado para o pobo. Non hai que esquecer o bloqueo ao que están sometidos dende hai case 50 anos nin a desinformación e mentiras por parte dos medios de comunicación cando se trata de “informar” sobre a Illa.

Rematou o Encontro cunha manifestación de solidariedade, conclusións a ter en conta e a participación do Embaixador de Cuba en Madrid, Alejandro González Galiano, que agradeceu as continuas mostras de solidariedade por parte das organizacións de apoio a Cuba.







Fotos de Cubainformación.