II Encontro de Solidariedade con Cuba

En xuño de 2011 tivo lugar en Compostela o I Encontro de Solidariedade con Cuba, celebrado entre as Asociacións de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e a Asociación “Porto Com Cuba”.

Un dos compromisos adoitados naquel encontro  de hai case un ano, fora facer visíble a violencia dos estados ricos e comerciantes de armas contra un país sen recursos como é Cuba, defensor da independencia e do socialismo e exportador de saúde e de ensino.

Tamén se criticara abertamente a submisión da Unión Europea ós ditados de EEUU en canto ao bloqueo da illa e se esixira encarecidamente a liberación dos Cinco Cubanos Antiterroristas presos no país imperialista.

Un ano despois, o 16 de xuño,  ditas asociacións convocan o II Encontro de Solidariedade en Porto, cumprindo así  un dos puntos adoitados no I Encontro.

A xornada comezará ás 10 da mañá, coa saída dun autobús dende Santiago. Fará paradas en Vigo e Baixo Miño. Ás 17 horas dará comezo o debate. Previamente xantaremos, podendo cada un escoller a modalidade para facelo (ou levalo da casa ou parar unha vez chegados a Porto). Rematará a xornada cunha cea e voltaremos, tendo prevista a chegada a Santiago ó redor das 3 ou 4 da mañá. O prezo total do evento estímase nuns 40 euros.

O punto principal da xornada en Porto será loxicamente o debate. Este xirará ó carón do común traballo de solidariedade con Cuba, sen esquecer o bloqueo ao que está sometido a illa, e que serve de espello para o grave castigo que a crise do capital está a producir nas dúas beiras do Miño.

Quen queira participar pode facelo apuntándose tanto no correo da Asociación, galegocubana@gmail.com, como chamando ao teléfono do  local da devandita Asociación, 986 432892, os xoves de 18 a 20 horas.