Comunicado do CC do KKE sobre o resultado das eleccións do 6 de maio de 2012.


O CC do KKE reuniuse (7 de maio de 2012) co fin de facer unha primeira avaliación sobre o resultado das eleccións do 6 de maio de 2012. Esta avaliación será discutida nos organismos e nas organizacións de base do partido, así como nos órganos e as organizacións de base da KNE. Ademais, o resultado das eleccións será discutido coas persoas que traballan xunto ao partido, os partidarios e amigos. Logo desta rolda de debate e contribucións, o Comité Central concluirá a súa avaliación.


1. O resultado das eleccións levou ao fortalecemento da tendencia de restauración do escenario político tal como se formou durante tres décadas coa rotación da ND e o PASOK no goberno, xa que estes dous partidos sufriron unha gran derrota. O envorco no escenario político coa forma que tomou co resultado electoral, non constitúe un derrocamento político. Nas condicións de indignación e ira xustificadas, impúxose a lóxica do castigo e da ilusión de que existen solucións inmediatas por riba e mediante negociacións. Con todo, o resultado mostrou tamén a tendencia positiva para un cambio radical a nivel do poder en contraste coas ilusións dunha solución fácil. O resultado das eleccións, a pesar da caída espectacular da ND e do PASOK, non constitúe unha nova era na correlación de forzas entre o pobo e os monopolios, nin un derrocamento ou unha “revolución pacífica” como foi sinalado.




2. Ademais, a modificación do escenario burgués que aínda está nunha fase transitoria, serve ao esforzo de frear a tendencia de radicalización, de liberación influencia da política e ideoloxía burguesa. As súas características principais son: a restauración da centrodereita e da centroesquerda, a recomposición da socialdemocracia tendo como núcleo en primeiro lugar as forzas de SYRIZA. O poder dos monopolios necesita que o sistema político burgués sexa restaurado, posibelmente a través da creación de novos partidos, para proporcionar as respectivas alianzas e os gobernos de coalición. Esta posibilidade de intentar restaurar o sistema baséase no feito de que non se diminuíron no seu conxunto as forzas da “vía de sentido único da UE”, que serven aos intereses do capital, do sistema capitalista.


3. A gran maioría dos votantes dos dous partidos burgueses dispersáronse principalmente ás forzas políticas cunha ideoloxía similar que apoian a política da “vía de sentido único da UE”. Nun grao moito menor dirixíronse ao KKE. Neste marco, a diversa dispersión de votos foi dirixida tamén a partidos reaccionarios e nacionalistas como son os “Gregos Independentes” e o nazi fascista “Amencer Dourado”. Ademais, o resultado electoral foi marcado pola baixa participación que expresa tamén unha indignación sen saída, así como a dificultade financeira dos votantes que tiñan que viaxar. O ascenso do “Amencer Dourado” é unha proba máis que en condicións de crise profunda e de empobrecemento do pobo, mentres o movemento obreiro e popular non pasou ao contraataque e a maioría dos partidos apoian o sistema capitalista ou remiten á ilusión da súa humanización, estase fortalecendo o risco da influencia de puntos de vista nacionalistas e neo-fascistas. De feito, en condicións en que a UE e todos os Estados-membros adoptaron a ecuación do fascismo co comunismo como ideoloxía estatal. Soamente un movemento popular e obreiro forte e un fortísimo KKE poden facer fronte a estes puntos de vista perigosos, levalos á marxe e convertelos en inofensivos. O “Amencer Dourado” non pode ser tratado con sermóns antifascistas, nin moito menos co chamamento á unidade nacional e o consenso antifascista.


4. O pobo non debe manter unha posición de espera con respecto a estes procesos que inician co intento de formar un goberno. O núcleo duro da burguesía, os grupos empresariais así como os mecanismos e os órganos dirixentes da UE e do FMI desempeñarán un papel activo na restauración do sistema político. Tratan de proporcionar ao pobo substitutos o máis rápido posíbel, antes de que o radicalismo obreiro popular, a organización e a iniciativa do pobo se volven máis fortes e adquiran características de masas. Independentemente dos resultados destes intentos, a orientación principal é a aceleración das accións para que se deteña a tempo a agudeza da loita de clases e a agrupación das forzas sociais que deben entrar en conflito e ruptura cos monopolios e o imperialismo, coa propia UE e as decisións da OTAN, para o fortalecemento da conciencia anticapitalista. SYRIZA, que conta cun programa socialdemócrata, ten grandes responsabilidades en relación co pobo porque mentiu descaradamente antes e durante o período preelectoral, está sementando falsas ilusións que pode haber unha situación mellor para os traballadores e as traballadoras sen unha confrontación cos monopolios e as unións imperialistas.


5. A restauración do sistema político burgués debe ser enfrontada pola vixilancia e preparación do pobo xunto coa organización de masas e a loita nos centros de traballo, nos sectores, nas oficinas, nos barrios populares, no campo, nos centros de formación profesional e as universidades, con obxectivos de loita inmediatos para rexeitar as medidas que están en camiño. Non debe haber ningunha tolerancia coas consignas de renegociación, de retirada dos memorandos e do contrato de préstamo no marco dos órganos da UE e do FMI.


6. O Comité Central chama aos membros do partido, da KNE, os amigos e simpatizantes, as persoas que traballan xunto co partido e que loitaron antes e durante o período preelectoral de forma coherente, a estar á beira dos traballadores e defender consecuentemente os seus dereitos e a súa xusta causa. Estase aumentando o papel e as responsabilidades do KKE. É a forza insubstituíbel e determinante para o movemento popular de reivindicación, contraataque e perspectiva pola conquista do poder e a economía obreira e popular, pola retirada da UE e a cancelación unilateral da débeda, a socialización dos medios de produción concentrados, as cooperativas de produción populares, a planificación a nivel nacional para a plena utilización das potencias de desenvolvemento do país, co poder obreiro popular desde abaixo cara arriba.


7. O Comité Central considera que o resultado das eleccións formouse en condicións de ira e indignación xeneralizada do pobo, en condicións dunha aguda e prolongada crise económica capitalista, mentres que a UE co acordo do PASOK e a ND escolleu o camiño clásico e típico a favor do capital e os monopolios: a quebra non controlada a expensas dos sectores obreiros populares e a quebra controlada do capital. Os Memorandos e o contrato de préstamo inclúen medidas que se basean no Tratado de Maastricht, cuxa aplicación encetou gradualmente en todos os Estados-membros. Ademais, baséase nas resolucións posteriores e no tratado europeo que se estende ata o ano 2020. Por iso o KKE puxo de manifesto o carácter ilusorio da separación dos partidos da “vía de sentido único da UE” nos que están a favor e en contra do memorando.

O KKE pasou literalmente a través dos obstáculos colocados a ambos os dous lados polas forzas do sistema e os seus reservas, que están unidos, a pesar das contradicións entre eles, na súa insistencia na asimilación do país na UE, é dicir tendo como criterio o cumprimento a todo custo das súas decisións clasistas polo noso pobo no nome do euro. Por unha banda, tomaron a forma da indignación cega e doutra banda había ilusións de que un goberno das chamadas forzas anti-memorando pode dar solución e alivio aos problemas perentorios. A maior parte dos traballadores e desempregados descontentos e anoxados sucumbiu ante a impaciencia e a presión da ilusión dun resultado positivo inmediato, dunha solución inmediata, sen ter a experiencia directa necesaria da participación na organización e realización de loitas. Sucumbiu ante a propaganda xeneralizada de que non pode haber un cambio radical e que isto levará a cabo na “segunda avinda”, unha consigna coñecida que utiliza SYRIZA que é perigosa para o pobo. O KKE avalía os resultados electorais e as tendencias tendo como criterio as condicións obxectivas; non determina a súa postura sobre o poder electoral ou a caída electoral dos demais partidos políticos.


O KKE tivo un pequeno aumento nestas eleccións. Con todo, a avaliación final da calidade da intervención e da actividade do partido en relación co resultado das eleccións concluirase logo da recolección de opinións e datos de cada rexión e por suposto da opinión colectiva das organizacións do partido.


Segundo as cifras actuais e os cambios na disposición das forzas políticas, independentemente das avaliacións finais que determinará o proceso colectivo no partido, o CC estima que se confirmou unha vez máis a posición do partido de que o progreso e a agudeza da loita de clases determinan a influencia política do KKE, o seu desempeño electoral. Ademais, confirmouse a avaliación do KKE, a cal manifestara abertamente cando estalou a crise, que en condicións de crise económica capitalista, cando se está aumentando a pobreza relativa e absoluta do pobo, coexisten dúas opcións: que o movemento faga pasos cara adiante ou que se retira temporalmente. Que os sectores máis empobrecidos da clase obreira, os desempregados e os semi-empregados, sectores da pequena burguesía que perderon de súpeto o seu ingreso, están baixo a influencia e as tendencias de sectores pequenoburgueses que aínda aguantan desde o punto de vista financeiro e non queren perdelo todo, e que actualmente son hostís a un cambio radical pensando na súa supervivencia continuada. O KKE considera que a segunda versión, é dicir a retirada, aínda non foi determinada. Hai posibilidades de que no período próximo a loita de clase se intensifique e que o movemento adquira novas forzas para que haxa esperanza e unha perspectiva positiva.


O Comité Central saúda aos miles de traballadoras e traballadores, desempregados, que apreciaron a combatividade, a coherencia e a verdade clara das súas posicións, o espírito de loita e a abnegación das e dos comunistas, apoiándoo nas eleccións, independentemente do grao de acordo coa súa proposta política en conxunto. Gran parte dos traballadores, así como unha parte dos votantes do partido, baixo a presión da agudeza  dos problemas populares, consignas enganosas con respecto á renegociación do memorando e o alivio inmediato dos traballadores, non puido comprender e asumir a diferenza entre o goberno e o poder real. O Comité Central vai resumir as avaliacións e as conclusións das organizacións partidistas, vai examinar mellor as debilidades que debemos superar ante todo na nosa actividade na clase obreira e os seus aliados e vai avaliar máis en concreto o período preelectoral.


No período próximo, a proposta política do KKE de loita polo poder obreiro popular estará no centro da atención do pobo xa que se fai cada vez máis clara a diferenza entre o goberno e o poder popular verdadeiro, así como a proposta global relativa aos problemas inmediatos da supervivencia dos pobos e o poder obreiro e popular. Desde este punto de vista, esta actividade electoral política do KKE en harmonía coa súa estratexia como cómpre, é un legado importante para os próximos anos.


O KKE non vai apoiar ningún goberno -calquera que sexa a súa composición- que xurdirá como resultado da colaboración dos partidos logo das eleccións, con calquera título que poida levar. Este goberno non vai ofrecer nada positivo para o pobo. Ao contrario, servirá as necesidades e os intereses do capital, as decisións da UE e do FMI. Para que o KKE participe nun goberno non tería que facer soamente un pequeno retroceso; debería cambiar o seu programa e política, facer concesións inaceptábeis en relación co presente e, por suposto, o futuro dos intereses do pobo. O POBO NON NECESITA TAL KKE.


8. O KKE e a KNE van estar desde o primeiro momento e cada día, na primeira liña de loita. O CC do KKE insta ao pobo traballador que está sufrindo, aos desempregados, os xubilados, os autónomos na cidade e no campo, a unir as súas forzas de novo cos comunistas, cos mozos da KNE, os que traballan xunto co KKE e as forzas obreiras populares na loita polo alivio dos problemas agudos, na confrontación de medidas peores que están en camiño. Ningunha consigna para a negociación e a renegociación pode apoiar o máis mínimo as necesidades perentorias dos traballadores e dos desempregados. Requírese preparación e adaptación precisa en cada paso da loita. Ante todo é necesaria a acción inmediata se non se forma un goberno de coalición e se proclaman novas eleccións que exporán de novo dilemas electorais máis fortes e ilusións máis potentes.


Atenas 7/5/2012

O CC do KKE