Celebrado o Primeiro Encontro Estatal dos CUO: “Organizando o contraataque”.

cuo
Un centenar de delegados e delegadas en representación dos diversos Comités, ou Grupos Promotores, constituídos ao longo e ancho do Estado español déronse cita no auditorio da cidade de Oviedo o 26 de maio para celebrar o Primeiro Encontro Estatal dos CUO, baixo o lema: “Organizando o contraataque”.

Representantes de Cantabria, Galiza, León, Palencia, Alacante, Catalunya, Andalucía, Gran Canaria, Madrid, Toledo, A Rioxa e Asturies tiveron ocasión de compartir e pór en común as diversas experiencias acumuladas no desenvolvemento do proxecto dos CUO durante os últimos meses. Compañeiros e compañeiras (en activo ou en desemprego) de sectores tan diversos como a minería, a educación, o transporte, a sanidade, os servizos, o metal, a construción, a administración pública, etc. Onde a media de idade non superaba os 37 anos e algo máis do 26% eran traballadoras.


A sesión da mañá comezou cunha presentación do documento a debate ao que seguiron as intervencións dos portavoces territoriais e doutros delegados e delegadas. As achegas, que melloraron substancialmente o documento inicial, centráronse sobre todo no apartado dedicado á plataforma reivindicativa, quedando a mesma moito máis matizada e ampliada. O documento final, coas incorporacións engadidas resultou votado por unanimidade.



Tras a comida iniciouse a sesión da tarde que se centrou principalmente no debate sobre o modelo organizativo e as experiencias de loita e articulación do proxecto nas distintas realidades. Cada CUO tivo ocasión de presentar un pouco a súa historia, a súa situación de desenvolvemento actual así como as propostas que se consideran máis eficaces para coordinarnos neste momento concreto do desenvolvemento do proxecto dos CUO. As intervencións tiveron todas un marcado carácter realista expondo os avances logrados pero sen ocultar as dificultades coas que nos imos atopando, aínda que sempre expresadas desde o optimismo da vontade de seguir adiante na construción dun proxecto que, como se reflectía no título do documento a debate, nace para “Unir a toda a clase obreira para loitar polos seus dereitos e polo avance cara a unha sociedade socialista”.

Finalmente a proposta de organización acordada baséase na creación dun Comité de Coordinación constituído por representantes de cada estrutura dos CUO que terán de ser elixidos na asemblea desas mesmas estruturas e comunicar a súa elección no prazo dun mes. O Comité de Coordinación acordou que deberá centrar o seu traballo en, entre outras, as seguinte funcións: axudar ao crecemento e desenvolvemento dos CUO, promover e coordinar a creación dos CUO sectoriais de ámbito estatal, coordinar o debate sobre o modelo de finanzas que permita a independencia económica do proxecto, promover accións de formación sindical, estudar a viabilidade dun boletín estatal como complemento á función de difusión realizada desde a web www.unidad-obreira.org, e manter e consolidar as relacións internacionais.


Durante a tarde tamén, no tempo asignado ás intervencións de organizacións internacionais convidadas, leuse o saúdo da organización italiana Fronte Unida do Traballo e posteriormente interveu o compañeiro Georgios Skiadiotis, membro do Secretariado Executivo do PAME, quen xunto con Alechandro Oikonomou, membro do departamento de Relacións Internacionais da PAME, formaban a delegación vinda de Grecia. Ambos saúdos foron recibidos con calorosos aplausos que se volveron especialmente sonoros ante a mención da loita exemplar que están levando a cabo os traballadores da Aceiría Grega en Folga indefinida desde hai máis de catro meses.


Preto das 19:00 horas facíase a clausura do Primeiro Encontro Estatal dos Comités para a Unidade Obreira, dirixíndose os asistentes a pé ata as portas da sede da patronal asturiana onde estaba convocada polos CUO de Asturies unha concentración en apoio ás loitas que se están dando en diferentes sectores como a minería ou a educación así como en defensa dos servizos públicos, contra a reforma laboral e as medidas antiobreiras do goberno. Unha concentración onde se puxo de manifesto nas numerosas consignas berradas o enorme ánimo combativo de quen participan neste ilusionante proxecto que son os Comités para a Unidade Obreira.