Declaración conxunta dos Partidos Comunistas e Obreiros do cinco países cos niveis de paro máis altos da Unión Europea

"Organización e loita polo traballo estable con dereitos. Medidas inmediatas en favor dos parados. Loita por unha sociedade sen paro, explotación nin capitalistas. A resposta é o socialismo"

Traballador/a, parado/a

Os Partidos Comunistas e Obreiros dos países de Europa que están máis afectados polo paro, España, Grecia, Lituania, Letonia e Irlanda, chamámoste a organizarte e loitar.

Dirixímonos aos 24 millóns de parados e paradas "oficiais" na Unión Europea, nomeadamente aos de longa duración, aos parados novos e ás mulleres, que son os sectores máis afectados.

Dirixímonos a todos aqueles que non están rexistrados nas estatísticas oficiais, pero que igualmente experimentan o pesadelo do paro.

Dirixímonos aos semi-empregados, aos traballadores de empresas de traballo temporal, aos que carecen de seguridade social, a quen traballan con quendas flexibles, a quen non teñen convenio colectivo, a quen teñen contratos a destallo, a quen experimentan as ameazas do patrón, que se enfrontan ao perigo do despedimento e o paro.

Dirixímonos a quen se ven obrigados a aceptar traballos sen cobrar coa esperanza dunha oportunidade de volver a traballar, a quen se lles nega a indemnización por despedimento debido á suposta "insolvencia" dos empresarios, aos traballadores que están en folga e levan a cabo ocupacións e mobilizacións para protexer os seus empregos e os seus dereitos.

Tamén nos diriximos aos agricultores e gandeiros que están a ser aniquilados, aos pequenos profesionais e autónomos que tiveron que pechar a causa do ataque dos monopolios e da liña política de austeridade contraria ao pobo que ataca ás familias obreiras e populares.

Todos vós, así como todo traballador hoxe en día, entende mellor que esta "xungla" laboral é cada vez maior e estase a converter na norma xeral que, con maior ou menor rapidez, o gran capital, os seus gobernos e a UE tentan impor en todo centro de traballo. Por iso non hai tempo que perder.

Nos países nos que operan os nosos partidos, España, Grecia, Lituania, Letonia e Irlanda, o paro alcanzou cotas moi perigosas. A burguesía de cada país e a alianza depredadora da UE no seu conxunto, declararon a guerra á clase obreira e aos sectores populares pobres. A crise económica capitalista trae consigo novas medidas que esnaquizan todo o que as anteriores ofensivas contra o pobo, especialmente tras o Tratado de Maastricht, deixaran en pé.

Nesta dura realidade, un puñado de plutócratas conseguiu fabulosos beneficios, e aínda así esixen máis medidas. A súa crise non é unha crise de débeda, é unha crise capitalista que se produce pola sobre-acumulación de capital.

Co fin de superar a crise en favor do capital, os empresarios, os banqueiros e o resto dos sectores da plutocracia, xunto cos seus representantes políticos, impoñen duras medidas para reducir aínda máis o prezo da forza de traballo e levar a máis xente ao paro.

Nesta situación, á resistencia do pobo a estas duras medidas vese dificultada por aqueles elementos no movemento obreiro e sindical que, aceptando hai moito tempo a lóxica e a ideoloxía do capitalismo, agora afirman que non hai outra alternativa máis que sucumbir á ofensiva do capital.

A vía é gañar á maioría de traballadores e as súas familias para a loita popular cunha base de clase, cunha estratexia que promova os seus intereses. Os Partidos Comunistas e Obreiros debemos estar no corazón deste proceso.

Loitade xunto ás forzas con orientación de clase, xunto aos Partidos Comunistas e Obreiros.

Organizádevos nos vosos sindicatos e centros de traballo. Contribuíde ao desenvolvemento da acción. Nesta dirección medra a forza da clase obreira.

Esixide a adopción de medidas inmediatas de protección dos parados/as:

Seguros de paro dignos para todos os parados/as.
Ampla atención médica e farmacéutica, así como protección social.
Conxelación dos préstamos e hipotecas.
O paro non é un fenómeno natural. É froito do sistema capitalista, que se caracteriza pola anarquía na produción e pola explotación.

Unicamente unha economía socialista, é dicir, unha economía centralmente planificada baseada no poder popular e nos medios socializados de produción, pode garantir o dereito ao traballo para todo o mundo.

Isto é o que ocorreu na Unión Soviética e o resto de países socialistas e foi unha conquista histórica e un dos moitos logros do sistema socialista.

Os nosos partidos fan un chamamento á loita diaria, á loita pola abolición da explotación do home polo home, por unha sociedade sen paro, polo socialismo, que pode satisfacer as necesidades do pobo.

Os partidos:
Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE)
Partido Comunista de Grecia
Frente Popular Socialista - Lituania
Partido Socialista de Letonia
Partido Comunista de Irlanda
Partido dos Traballadores de Irlanda